«A Limia faise paisaxe de voces e imaxes amigas onde se quere acochar o poeta». (Delfín Caseiro, na Biografía de Antón Tovar, incluída na Antoloxía poética)
O Museo da Limia (Vilar de Santos), na súa teimosía de loitar contra os elementos, vén de promover, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Antoloxía poética de Antón Tovar editada por Xerais (Vigo, 2023), coordinada con acertada habelencia e entusiasmo polo propio presidente do seu Padroado, Delfín Caseiro
Contra a abulia e o esquecemento, que inzan como as acacias nestes tempos etéreos, nos que medran e viven amancebados a desmemoria e o exceso de información revirada, o Museo da Limia (Vilar de Santos), na súa teimosía de loitar contra os elementos, vén de promover, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Antoloxía poética de Antón Tovar editada por Xerais (Vigo,2023), coordinada con acertada habelencia e entusiasmo polo propio presidente do seu Padroado, Delfín Caseiro. A obra, que conta, como non podía ser doutro xeito, co limiar de seu camarada, promotor e editor, Xesús Alonso Montero, inclúe unha biografía do poeta da Pereira, elaborada polo responsábel da edición, 67 poemas representativos dos sete poemarios do autor limiao e seis ilustracións do artista Xosé Lois Carreira.
Neste fabuloso traballo, que serve de colofón a unha infinidade de actos encamiñados a afondar, divulgar e reivindicar a creación literaria –e a merecida dedicación do Día das Letras Galegas– camiñan ao par, ata fundirse nun corpo macizo a vida e os versos do poeta da Pereira, ata expresar e explicar o pensamento, a biografía e a poesía do “poeta da autenticidade atormentada e do inconformismo”, como di o responsábel da edición.
Neste fabuloso traballo camiñan ao par, ata fundirse nun corpo macizo a vida e os versos do poeta da Pereira, ata expresar e explicar o pensamento, a biografía e a poesía do “poeta da autenticidade atormentada e do inconformismo”, como di o responsábel da edición
Mais esta atinada achega cultural, que xa atopou o seu camarín na Biblioteca da Limia e no corazón e na cabeza de moitos tovarianos, chega acompañada dunha manda de virtudes que non poden pasar desapercibidas. Canda esta antoloxía, aflorou a sabenza, a harmonía, a conivencia e o amor dos dous mestres, Alonso Montero e Delfín Caseiro, pola obra de Antón Tovar. Ámbolos dous, xuntamente co ilustrador –outro limiao irredento– e cos herdeiros do poeta, que doaron os dereitos de autor ao Padroado do Museo da Limia, conforman unha alma infinda e altruísta, capaz de acreditar que no noso País hai xente con valores e principios, gurrando contra a desmemoria e a cobiza e contribuíndo cada día a que iso que denominamos “lingua e cultura propia” non se esvaezan entre as ouvas contaminadas que medran nos ríos dos esquecementos.
[O meu tío Lisardo pensa que, lendo esta antoloxía, en poucas horas é posíbel achegarse á vida e obra dun dos poetas intimistas máis significativo da segunda metade do século pasado. Recomenda comezar o libro polos poemas, seguir pola biografía e rematar co prólogo, para poder compartir ao final os pareceres propios cos do responsábel da edición e do prologuista].