A Limia reclama o Día das Letras de 2024 para o poeta Antón Tovar

Antón Tovar © Museo da Limia

Hemeroteca

Dende hai anos o poeta Antón Tovar figura nas quinielas de posibles homenaxeados no Día das Letras, nunha candidatura impulsada dende a provincia ourensá e, sobre todo, dende a comarca da Limia

Dende hai anos o poeta Antón Tovar figura nas quinielas de posibles homenaxeados no Día das Letras. A súa candidatura vén recibindo numerosos apoios, nomeadamente na provincia de Ourense, e especialmente na comarca da Limia, onde naceu. Unha das entidades que con máis intensidade ten impulsado a escolla de Tovar é o Museo da Limia, situado en Vilar de Santos. 

Este venres a entidade acolle a presentación dunha Antoloxía Poética do autor, publicada por Xerais, nunha edición realizada por Delfín Caseiro, que se encarga tamén da súa biografía introdutoria. O libro reúne textos representativos dos seus sete poemarios galegos. Ademais de Delfín Caseiro, na presentación participaron Xesús Alonso Montero (autor do limiar), Xosé Lois Carreira (autor das ilustracións presentes na obra), Fran Alonso (Xerais), Valentín García (secretario xeral de Política Lingüística). Anxo Rei encargouse do acompañamento musical.

Presentación da Antoloxía de Antón Tovar, este venres no Museo da Limia © Museo da Limia

Este venres o Museo da Limia acolle a presentación dunha Antoloxía Poética do autor, publicada por Xerais, nunha edición realizada por Delfín Caseiro

A presentación foi un acto de homenaxe ao poeta, "unha das voces líricas máis importantes da segunda metade do século XX" e da continuidade aos eventos de celebración do centenario do seu nacemento, iniciados en 2021. Ademais, inaugurouse unha exposición coas láminas das ilustracións realizadas por Xosé Lois Carreira. Así mesmo, entregáronselles carnés de Amigos do Museo da Limia aos catro herdeiros e herdeiras de Antón Tovar, en agradecemento pola cesión ao Padroado do Museo da Limia dos dereitos de autor que gardan relación con esta obra. Tamén recibiron cadanseu carné de Amigos do Museo Valentín García, Xesús Alonso Montero, Xosé Lois Carreira e Anxo Rei.

A presentación foi un acto de homenaxe ao poeta, "unha das voces líricas máis importantes da segunda metade do século XX"

Antón Tovar Bobillo, nacido na Pereira (Rairiz de Veiga) en 1921, pasou parte da súa infancia en Celanovia, trasladándose posteriormente a Ourense, onde pasou a maior parte da súa vida e onde tamén faleceu aos 83 anos de idade, en 2004. Foi alumno de Otero Pedrayo e mantivo tamén unha estreita relación con Risco. Nos anos 50 iniciou a actividade poética, primeiro en castelán e a partir de 1962 en galego. Exerceu como funcionario do Ministerio da Facenda ata que foi despedido pola súa militancia no Partido Comunista, momento no que pasou a traballar na libraría Tanco.

En palabras de Delfín Caseiro, Antón Tovar foi "un home desacougado, que semellaba vivir nun pesadelo eterno, intemporal, na procura infatigábel da luz, da calma, da verdade, da felicidade". Os seus son versos "que nacen do íntimo, que suscitan unha profunda emoción e a reflexión crítica de quen se deixa seducir pola súa lectura" e nos que destacan as "angueiras existenciais da condición humana".

Antón Tovar © Museo da Limia

"Toda a obra creativa de Antón Tovar, feita de sentimento e sinceridade, de fermosura e vida, conforma unha auténtica autobiografía, externa e interna, máis explícita nos libros de memorias", escribía Delfín Caseiro neste artigo de Praza.gal publicado co gallo do centenario do autor

Xa nos anos 80 comezou a recibir recoñecementos pola súa poesía, marcada polo existencialismo e un certo pesimismo. En 1981 acadou o Premio da Crítica, en 1991 o Losada Diéguez e en 2003 o Celanova, Casa dos poetas. Foi membro correspondente da RAG.

"Toda a obra creativa de Antón Tovar, feita de sentimento e sinceridade, de fermosura e vida, conforma unha auténtica autobiografía, externa e interna, máis explícita nos libros de memorias", escribía Delfín Caseiro neste artigo de Praza.gal publicado co gallo do centenario do nacemento do autor, nun texto no que subliñaba que "celebrarmos o centenario da súa nacenza tráenos espléndida oportunidade para nos asolagar na beleza verbal da súa memorábel obra artística, contribución de calidade ás letras galegas". 

En palabras de Delfín Caseiro, Antón Tovar foi "un home desacougado, que semellaba vivir nun pesadelo eterno, intemporal, na procura infatigábel da luz, da calma, da verdade, da felicidade"

Así mesmo, Caseiro destacaba que "fundido coa natureza, o poeta está nas prazas de pan e nas de patacas, nos lameiros brandos, no outono, na néboa, no vento" e concluía que "o mundo campesiño é realidade omnipresente, dunha forma ou doutra, en poemas e prosas. O rexistro lingüístico dos seus textos incorpora abundantes trazos dialectais e particularidades expresivas do falar limiao. A súa fidelidade á fala vai constituír unha das moitas concrecións do seu compromiso permanente coa humanidade".

Antón Tovar © Museo da Limia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.