"Elas teñen a vontade de seguir resistindo, aínda que sexa dentro dos muros dun manicomio"

Carmen V. Valiña, autora de 'As tolas que non o eran' © Marina Valiña

"Moitas mulleres non teñen ningún trastorno, só que eran encerradas por cuestións máis ligadas coa moralidade da época ou por subverter os roles de xénero", conta Carmen V. Valiña sobre a investigación para o ensaio 'As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo (1885-1936)'

Calquera de nós podería ser elas. En As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo (1885-1936), Carmen V. Valiña aporta unha mirada con perspectiva feminista das anotacións nas historias clínicas e a correspondencia destas mulleres que acabaron ingresadas no hospital psiquiátrico de Conxo, a pesar de non ter un diagnóstico de trastorno psiquiátrico en moitos casos. Neste ensaio editado por Galaxia constatamos como o psiquiátrico de Santiago de Compostela serviu para apartar aquelas mulleres que non seguían o mandato social da época, que non se comportaban como se esperaba delas; e como, a pesar dese encerro, elas nunca deixaron de querer explicarse e de contar para os demais.

Carmen V. Valiña (Baio, A Coruña, 1985) é doutora en Historia Contemporánea, traballa como docente na Universidad Europea Miguel de Cervantes (UEMC) e dirixe a escola de feminismos alternativos Periféricas, onde impartirá un curso online para profundar na investigación que hai detrás deste ensaio, que segue a presentar polas librarías do país. "Onde quedan, entre diagnoses e tratamentos médicos, as vidas perdidas e sacrificadas das que non tiveron ningunha oportunidade de salvarse a si mesmas?", pregúntase a autora no libro, que escribiu en parte na Residencia Mariñán de Literatura e Pensamento e na Residencia Literaria da Illa de San Simón. Todas as historias que se contan no libro son "insoportablemente reais", aínda que poidan parecer ficción pola gravidade dos feitos. 

Como comezou con esta investigación e por que pensou en contar nun libro estas historias?

Desde que fixen a tese traballo na recuperación da memoria das mulleres anónimas, que considero que son a parte máis feble da historia que nunca se conta. Levo todo este tempo investigando sobre estas cuestións, teño unha escola de feminismos que se chama Periféricas, e a idea de recuperar este tipo de historias sempre me rondou a cabeza. De maneira casual, tiven constancia de que na Cidade da Cultura se gardaban os arquivos de Conxo. Entón, pensei que, dado que eu traballaba sobre este tipo de temas, e ademais, porque tamén proveño do ámbito rural, que seguramente esas mulleres, como era un manicomio da beneficencia, serían tamén mulleres rurais e, por suposto, anónimas; ademais de moi discriminadas e invisibilizadas, xustamente porque non tiñan as ferramentas nin legais, nin formativas, nin de clase para poder non entrar alí. E foi así como empecei a investigación.

Presentación de 'As tolas que non o eran' na libraría Berbiriana da Coruña © cedida

Como foi esa consulta dos arquivos na Cidade da Cultura? Imaxino que houbo momentos nos que lle apetecería berrar lendo esas historias clínicas...

Totalmente, si. No libro digo que é un arquivo que transpira, que súa, que sangra; que os arquivos non son simplemente uns papeis amarelos que imos consultar sen máis. Neste caso é moi claro porque houbomomentos nos que tiñas ganas de chorar, de berrar, de contarlle a alguén xa naquel momento o que estabas lendo. O arquivo de Conxo ten algo particular a respecto doutros arquivos de psiquiátricos de España, que é que ten moito material máis persoal e non só puramente médico, que era tamén o que eu quería abordar no libro. Máis alá das historias clínicas, están as historias familiares, os cuestionarios de ingreso nos que elas falan, aínda que se sexa de maneira indirecta, a través dos médicos; e están tamén os obxectos, a súa correspondencia. Se o miramos con esa mirada de xénero, que era o que eu quería, vaise moito máis alá da mirada do médico, que é o que sempre estamos acostumadas a ler, e podemos reflectir o que elas nos contan, sexa de maneira indirecta ou directa, a través das cartas.

"Eu digo no libro que o muro do psiquiátrico constrúe dentro a realidade que hai que eliminar, pero tamén nos di moito de como era a sociedade que se quería construír fóra"

Isto é a constatación do sistema patriarcal no que vivimos, nese momento ademais con dúas aliadas fundamentais: a Igrexa e a propia Psiquiatría.

Conxo era o único manicomio de España propiedade directa da Igrexa nese momento e vese moito no tratamento moral da enfermidade. Moitas mulleres non teñen ningún trastorno, só que eran encerradas por cuestións máis ligadas coa moralidade da época ou por subverter os roles de xénero: nais solteiras, mulleres alcólicas, mulleres que tiñan relacións sexuais antes do matrimonio...

A iso temos que sumarlle a ciencia psiquiátrica, que sobre todo no século XIX é cando empeza a encerrar de maneira máis institucionalizada e máis pautada a estas mulleres. Temos a idea de que a ciencia é algo obxectivo e aséptico, pois evidentemente é totalmente falso. Trátase dunha ciencia, como segue sendo hoxe en día, que segue uns determinados parámetros. E neses parámetros, no caso da Psiquiatría, está o control social dos que se consideraba que non podían ser asimilables ou que, digamos, saían fora da norma. Eu digo no libro que o muro do psiquiátrico constrúe dentro a realidade que hai que eliminar, pero tamén nos di moito de como era a sociedade que se quería construír fóra. Neste caso era unha sociedade que apostaba a nivel moral polo catolicismo, onde as mulleres tiñan que seguir uns roles de esposas e de nais, e todo o que quedaba fóra diso, evidentemente corría o risco de ser castigado, nos casos destas mulleres, de maneira extrema.

É que o que podemos ler no ensaio é súper extremo, entendo que houbo un proceso tamén para dixerir todo o material, ademais de sintetizalo e presentalo de maneira que as lectoras e lectores poidan asimilalo.

Si, realmente as historias femininas que eu analicei neste período de 1885 a 1936 son case cincocentas, é un arquivo moi amplo, pero había que seguir varios criterios á hora de escollelas, sobre todo para facer un libro, que aínda que aparece co rótulo de ensaio pretende ser sobre todo un libro de memoria. Tiña que quedarme coas historias que nos desen máis detalles delas, que tivesen tamén un certo cariz literario, no sentido de que fosen historias que tamén nos fixesen reflexionar e que nos contasen sobre as vidas desas mulleres. E despois, no caso da articulación do libro, ao final fíxose en base a unha estrutura que as agrupase non por un criterio cronolóxico nin diagnóstico, que sería seguir a narrativa médica, senón por como eran as súas propias vidas. As mulleres alcólicas van nun capítulo, as mulleres que sufriron por cuestión dos fillos, ben porque eran nais solteiras ou ben porque os maridos as abandonaran e elas quedaron cos fillos, pois van noutro capítulo.

Pecha o libro o capítulo Anda e vai polo mundo, que é o de esas mulleres xustamente que querían marchar ou que querían buscar outros horizontes e que foron, por esa razón, incluídas no psiquiátrico. É verdade que hai expedientes de mulleres que estiveron décadas en Conxo e non teñen apenas ningunha anotación sobre elas, iso a nivel dun libro que ten de contar as súas historias tiña menos relevancia, a pesar de que ten moitísima relevancia á hora de entender como foron encerradas alí.

Cuberta do libro 'As tolas que non o eran', de Carmen V. Valiña © Editorial Galaxia

"Nós poderíamos ter sido elas de ter nacido neses tempos porque nese momento a maior parte das mulleres galegas viviamos no mundo rural, procediamos de contornas humildes e non tiñamos acceso á educación"

Que importancia teñen, ademais, esas anotacións que aparecen nas marxes das historias clínicas, escritas a bolígrafo, que contas no libro como vas atopando no arquivo?

É que hai unhas anotacións que aparecen escritas a bolígrafo son posteriores porque hai mulleres que entraron nos anos vinte ou trinta do século pasado, pero que estiveron alí ata os oitenta ou noventa anos. Entón, en moitos casos as psicólogas ou traballadoras sociais reflicten nesas notas a súa perplexidade porque esa muller non ten ningún problema psiquiátrico, simplemente foi abandonada alí. Noutros casos esas anotacións fálannos de mulleres que levan tantos anos alí que realmente xa non poden pasar a outro lugar. Ademais, estas notas posteriores dinnos moito de como mudou a percepción da enfermidade mental coas décadas.

Salvando as distancias, hai moitas reminiscencias ao movemento que se produciu nos últimos anos en Conxo a raíz das inspeccións do Defensor del Pueblo e á vulneración de dereitos fundamentais desvelada agora tamén por esta institución no sanatorio La Robleda.

Sí, é que aínda que se fale máis de certos aspectos da saúde mental, sobre todo entre a xente máis nova. As enfermidades mentais que se asocian coa loucura, como pode ser a esquizofrenia ou o trastorno bipolar, séguense ocultando e seguimos tendo un certo rexeitamento cara a elas, e iso fai que casos como o do sanatorio La Robleda ou as propias condicións nas que se vive nos psiquiátricos sigan sendo moi descoñecidas e estando moi invisibilizadas porque non nos gusta ver esa cara da sociedade, quizá porque ao mesmo tempo somos conscientes de que nós poderíamos rematar alí. Calquera persoa é susceptible de ter unha enfermidade mental. Comentamos na presentación do libro na Coruña que termos como histeria e histérica desbotáronse como diagnóstico clínico ao comezo do século XX, porén, hoxe os seguimos usando para connotar as mulleres, para desacreditarnos e facer ver que temos menos valor. A situación non é a que se vivía en Conxo, pero hai aspectos que nos seguen afectando. Nós poderíamos ter sido elas de ter nacido neses tempos porque nese momento a maior parte das mulleres galegas viviamos no mundo rural, procediamos de contornas humildes e non tiñamos acceso á educación; poderíamos ter rematado alí simplemente con saír un pouco do marco que se nos impoñía nese momento.

"É rechamante como a loucura se asociaba coa desgana ou cunha incapacidade para realizar as tarefas consideradas femininas"

No libro tratas o caso dunha violación cun resultado de morte no que a rapaza que sobrevive acaba en Conxo con anotacións no seu historial de que ten un “temperamento moi excitable”. Nalgúns casos, o trato que lles daban resulta incrible.

Si, pois nese caso o seu expediente fai referencia a esa violación de trinta anos antes, pero é unha violación que se denomina como "un susto", e o máis grave é que o que sentencia a esa muller, que se chamaba María, e que a fai ver como unha muller perigosa, é que fuxiu da casa varias veces. Non só non se ten en conta que foi violada e non recibiu ningún tipo de axuda, senón que o que parece máis grave –e xustifica o seu internamento– é que intentou fuxir da casa: aí entra outra vez o motivo moral.

Outra cuestión destacada nas historias destas mulleres é o tema da maternidade, que aparece tamén como 'pedra angular' da tolemia en moitas ocasións.

De feito, hai varios capítulos que teñen os fillos, a maternidade ou a non maternidade como centro. Hai casos de mulleres que seguramente sufrían o que agora coñecemos como depresión posparto e acababan encerradas porque deixaban de poder coidar dos fillos. É rechamante como a loucura se asociaba coa desgana ou cunha incapacidade para realizar as tarefas consideradas femininas, como ese coidado dos fillos ou mesmo dos homes. Estamos falando dun tempo no que a maternidade era algo practicamente obrigado. Sabemos que houbo mulleres que souberon estando internadas que estaba embarazadas e deron a luz en Conxo, pero non sabemos que pasou cos seus fillos e fillas. E tamén está a parte das que non son nais, que nun momento dado empezan a ser unha carga para a familia e os irmáns, ou os propios pais, métenas alí.

Pensou o libro tamén para que as mulleres teñamos memoria?

Si, hoxe non nos van pechar nun manicomio, pero hai condutas que como mulleres nos seguen a penalizar. A xente que vai lendo o libro cóntame de casos de familiares ou veciñas. Isto tamén é a memoria das mulleres que nos precederon. O libro aspira a contar as historias das mulleres que non puideron contarse naquel momento, aínda que si intentaron trasladar as súas historias dun xeito ou doutro. É curiosa a cantidade de correspondencia que hai, sendo elas analfabetas. Atoparon a maneira, dentro dese manicomio, de que alguén contara que era o que lles estaba pasando e o que precisaban. Pero, evidentemente, ao estaren pechadas e non enviarse a maioría das súas cartas non puideron facer chegar as súas mensaxes ao exterior.

Exterior do hospital psiquiátrico de Conxo CC-BY-NC-SA Praza.gal

"Eran mulleres enormemente resistentes porque durante décadas foron capaces de seguir enviando cartas contando que estaban cordas e que foran encerradas alí inxustamente"

Canta resiliencia tiñan estas mulleres porque son anos alí pechadas e seguían insistindo en que estaban aí e estaban vivas.

Por un lado tiñan unha posición moi feble a nivel social polo analfabetismo, a imposibilidade de defenderse a nivel legal e a dependencia da familia, pero eran mulleres enormemente resistentes porque durante décadas foron capaces de seguir enviando cartas contando que estaban cordas e que foran encerradas alí inxustamente. Hai algunha que tras moitos anos alí segue pedindo un vasiño de viño do Ribeiro, como unha maneira tamén de dicir: eu sigo existindo aínda que estea aquí dentro, non son unha tola; son unha muller que segue querendo vivir a vida aínda que o que viva aí dentro non sexa vida. Elas teñen a vontade de seguir resistindo, aínda que sexa dentro dos muros dun manicomio; que é algo que ten moito valor, pois tamén é unha contorna totalmente allea á vida comunitaria que elas levaran ata ese momento nas súas aldeas. É un desgarro en moitos sentidos, pois tamén lles cambiaban o idioma: toda a relación con elas era en castelán. Resistir, con todas esas circunstancias e sen que a familia te visite, para min ten moitísimo máis valor. Penso, eu sería capaz de ter resistido así? Pois seguramente non.

Cada capítulo do libro está introducido por coplas do cancioneiro popular galego ou con versos de Rosalía de Catro, como relacionou que xa estaba todo aí na nosa lírica?

Xustamente esa idea foi de Aitana Cuétara, que mo comentou na Residencia Mariñán de Literatura e Pensamento. Son cancións que nos falan moito de como era o pensamento tradicional e pareceume interesante porque vincula as testemuñas con como nesa época se vían certos aspectos a nivel social, sobre todo referidos ás mulleres. Hai algúns que son moi impactantes porque ves como a violencia sexual se presenta como algo nada estraño, e tamén hai outros que son avisos para as mulleres solteiras, por exemplo. Ou xusto os versos de Rosalía sobre as viúvas de vivos, que tamén encaixan con historias destas mulleres que están en Conxo. Resultan moi interesantes na medida na que conectan a sabedoría popular con como era a sociedade desa época. Ao final, eses discursos non son inocuos, calan na xente, que aprendía as cantigas desde ben pequena.  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.