Xosé Ramón Gayoso estrea a segunda tempada de 'Cinema Caníbal' revelando que o seu filme favorito é 'Mary Poppins'

Xosé Ramón Gayoso, entrevistado en 'Cinema Caníbal' © Cinema Caníbal

Hemeroteca

O programa de Youtube no que persoeiros da cultura galega amosan as súas preferencias fílmicas e a súa relación co cine comeza a súa segunda tempada entrevistando o presentador

No ano 2021 botou a andar o programa Cinema Caníbal, un espazo de entrevistas emitido a través de Youtube no que distintos persoeiros da cultura galega revelan os seus gustos cinematográficos. Na primeira tempada pasaron por Cinema Caníbal Tony Lomba, Marta Larralde, Javi Camino, Isabel Risco, Fran Velo, Manuel Manquiña, Pepe Coira ou María Solar. E a segunda tempada do programa promete manter o nivel, estreándose este domingo coa participación de Xosé Ramón Gayoso, presentador do Luar, que amosa as súas preferencias fílmicas nunha entrevista que xa se pode ver.

Mary Poppins, para min, segue representando a día de hoxe iso que é a metáfora da vida dun ser humano: fantasía e realidade”, destaca Gayoso

Na súa entrevista, Gayoso repasa a súa relación co cine, que vén da súa infancia, marcada por filmes como Ben-Hur, unha película que viu no cine "unhas 7 ou 8 veces". Con todo, o presentador confesa que a súa película favorita de todos os tempos é Mary Poppins; “Mary Poppins, para min, segue representando a día de hoxe iso que é a metáfora da vida dun ser humano: fantasía e realidade”, destaca. De igual xeito, apunta a importancia persoal que para el tivo O libro da selva, a primeira película que viu no cine coa súa filla.

Para Gayoso, a súa película para "escachar da risa" é A escopeta nacional, de Berlanga. E, pola contra, salienta que "para chorar" escollería Cinema Paradiso, "unha película cargada de humanidade".

Nas vindeiras semanas poderemos coñecer máis sobre a relación co cine de Lucía Veiga, Xose A. Touriñán, David Amor ou Tonhito de Poi

Tamén admite aburrirse co cine romántico, chegando a ficar durmido con Memorias de África. “Recordo á miña muller despertarme, que roncaba”, lembra na entrevista entre risas. E, igualmente, di que ficou decepcionado con Foise co vento.

Nas vindeiras semanas poderemos coñecer máis sobre a relación co cine de Lucía Veiga, Xose A. Touriñán, David Amor ou Tonhito de Poi. Os programas de Cinema Caníbal estréanse todos os domingos ás 22 horas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.