Un monllo de imaxes. Sen imaxes visuais. Un feixe de lembranzas que axudaron a conformar unha xeración, e que zarrapican tamén a memoria da anterior e da posterior. Un testemuño dun mundo en cambio, dunha sociedade transicional. Un percorrido polo encontro entre o mundo rural e o urbano. Ou entre o cine, a música e a literatura. Unha volta á infancia. Coa felicidade intacta. Coa vida que aínda non comezara a ir en serio. Mais sen nostalxias edulcoradas. Co conflito presente. Pulsando a realidade. Con emoción. E frescura. Todo isto é Lémbrome (Positivas), o novo libro de Xurxo Chapela.
Fixeches xa algunha presentación do libro? Tes algunha prevista?
Fixen unha en Carballo. Se cadra facemos unha en Santiago. Xa veremos. Tampouco son eu moi amigo de facer moitas presentacións.
Pasaron uns anos desde o teu anterior libro publicado, primavera de navallas. Pero aínda pasaran máis entre o primeiro e o segundo. Escribes pouco ou borras moito?
Pasaron catro anos entre Lémbrome e primavera de navallas. Entre Con Aroa, o último verán e primavera de navallas pasaran 13. Tiven períodos de non escribir, si, pero tamén borro moito.
Un vicio que non teñen todos os escritores.
Non. E debería haber, se cadra, máis viciosos coma min. Hai que ser críticos. Pero cada un fai o que quere, claro. Unha cousa é o listón que te pos, e outra é se se cumpren as túas expectativas e as dos demais respecto do listón. Mais ao final o mercado e a literatura poñen a cadaquén no seu sitio.
"Ao final o mercado e a literatura poñen a cadaquén no seu sitio"
Ou non. Lémbrome comeza dicindo: “Lémbrome de cando aínda estaba a salvo da vida” e acaba dicindo: “Lémbrome de cando a vida empezou a ir en serio”. primavera de navallas era o desamor. Mais tiña un fondo semellante. “Renegar da especie, apostatar da vida”, dicía.
Eu creo que Lémbrome é máis optimista. Entre o primeiro e o último que se di en Lémbrome pasan 25 anos de memoria dunha xeración, desde que era feliz e estaba a salvo da vida ata que a vida comeza a ir en serio. Isto é o que di un poema de Gil de Biedma, por certo. primavera é outra cousa: un amor podre. É moito máis escuro.
“Este libro saíu adiante malia as esmolas que o INEM-SPEE xestiona cada ano en España para unha Santa Compaña de millóns”, advirte Lémbrome. Soa a xornalista en paro.
É que son xornalista en paro. Poder vivir do meu traballo era o aspecto positivo que tiña traballar de xornalista. Non creo que volva traballar diso. Agardo poder reciclarme para outra cousa.
Din que cando facías deportes nun xornal local acabaron non deixándoche entrar no estadio, porque tentaches facer crónica deportiva da de verdade.
Non hai moitos xornalistas aos que apupen ao entrar no estadio e, si, eu son un deles. A min xa non me gustaba sentar ao lado dos adestradores. Sentaba nas gradas e oía a xente criticarme. Que me criticasen dábame igual, pero estar alí, con iso, algo incómodo era. Acabei indo traballar a pé de campo. Non é que non me deixasen entrar, pero si que me apupaban, ameazáronme… Ten que ver coa educación do público de Terceira División... Aínda así, desa época si que teño boa lembranza do meu traballo como xornalista. O fútbol non é tan complicado para iso como outros deportes.
"Non hai moitos xornalistas aos que apupen ao entrar no estadio e, si, eu son un deles"
Di a contracapa do libro que está feito ao xeito dos I remember de Joe Brainard e dos Je me souviens de Georges Perec.
Lémbrome existe porque lin primeiro os I remember de Joe Brainard… O de George Perec xa está feito a partir do de Brainard. Despois souben do Mi ricordo de Mastroniani. Así que, se non lese o de Brainard, Lémbrome non existiría ou sería diferente. Mais o importante do libro, para min, é que consiga activar os resortes da memoria. É unha estrutura moi elemental, coma unha salmodia, un mantra: Lémbrome, Lémbrome… É o que fai Brainard, pero el é máis kamikaze. Conta as cousas sen pudor. Eu tirei máis polo camiño do medio: hai cousas que son lembranzas miñas, pero outras que son parte da memoria da miña xeración, pero non lembranzas da miña vida.
"Se non lese o de Brainard, Lémbrome non existiría ou sería diferente"
O libro vén con “banda sonora de blues”. Hai un link para escoitala.
Vén con cancións de blues e películas de cine negro. O link é dunha playlist de Spotify. Tanto no caso das cancións como das películas, prefiro facer referencias que non sexan directas. Están presentes nos versos, pero non cito que é de tal canción ou de tal película. E non o fago por gafapastismo nin por pedantería. Falo da canción ou da película ao meu xeito. Sen nomealas de xeito específico. Creo que así é máis divertido para o lector. Aínda que se non coñece a referencia igual non se dá conta, claro.
Dicías que o obxectivo é activar a memoria dunha xeración. Por iso hai unas páxinas en branco ao final para que a persoa que le apunte as súas lembranzas?
Iso xa estaba no libro de Perec, que lle dedicaba o seu libro a Brainard. Eu copieino.
Os teus Lémbrome falan dunha infancia con moita presenza da cultura audiovisual. Tamén da música ou da banda deseñada. Unha cultura audiovisual e musical moi relacionadas coa televisión. Tamén se cadra co cinema, ao que se ía pouco, e que deixaba lembranzas moi vivas.
É algo común á miña xeración: a pegada do cine, a música e a literatura. A xeración actual está aínda máis influída polo audiovisual, aínda que eu ao cine non ía tanto: son sobre todo películas que vin na televisión. Pero con todo isto fago algo de trampa. Non todo son recordos meus, nin desa época, dos 70 e os 80. Hai cousas máis contemporáneas, que metín por motivos literarios.
"Non todo son recordos meus, nin desa época, dos 70 e os 80"
E como se xuntan recordos de tantas cousas? Como foi o proceso?
A chispa foi o libro de Brainard, como che dixen. Ao ler I remember e Je me souviens prendeu a luz. Primeiro foron as lembranzas máis persoais. Despois, como o libro o que quería era activar os recordos do lector, pareceume necesario que non houbese recordos só meus, e entón empecei a ordenar: os libros que foran máis importantes para a miña xeración, por exemplo. Se falo de Un millón de vacas, por exemplo, ou de Con pólvora e magnolias, non é necesariamente porque eran os meus libros favoritos, senón porque son referentes para a xente que daquela tiña 16 anos. Os libros en galego que nos mandaban ler, as películas que nos marcaron… Cando empecei coas películas, as lembranzas que me saían eran de cine negro. Tirei por aí. Despois tamén hai recordos históricos. E así se vai artellando o libro: desde os recordos máis persoais aos literarios, pasando polos históricos e musicais.
Lembranzas históricas que nos falan dun tempo no que, no político, todo estaba a cambiar. As feirantas que corrían diante dos grises, os días sen escola tras a morte de Franco, as folgas do naval, as pintadas de Moncho Reboiras… Así, o tempo vital que se estrea, o da infancia, cadra tamén cun período histórico que comeza...
Iso é conxuntural, claro. Se nacese 20 anos despois, sería distinto. Cadrou así: remataba unha época e comezaba outra. Eramos nenos e despois adolescentes, e o que para nós eran experiencias iniciáticas para outras xeracións non será tan importante… Pero tampouco é a miña intención personificar un balance xeracional da historia.
Hai bastantes cousas recoñecibles para a xeración posterior á túa.
Pois polo feedback que tiven ata agora, que tampouco é moito, vin que tamén se identifica a xeración anterior á miña. Eu crieime coa miña avoa e con xente da xeración anterior á miña, polo que non é raro. Pero si, pode identificarse máis a xente da miña xeración, da anterior e da posterior. A xente máis nova igual se perde máis. Pero eu creo que o libro tamén pode facerlles chiste.
A volta á infancia é un tema moi tratado na literatura. En Galiza se cadra se fixo máis situando esas lembranzas no rural. No teu caso, é a infancia en Carballo. E o encontro entre o mundo rural e urbano se cadra facilita que poida identificarse máis xente. Galegos, españois e xente doutros lugares.
Non sei se houbo moita xente que tivo unha infancia máis feliz que a miña… Carballo é unha vila pequena, que tiña o bo do rural e do urbano. Eu vivía entre dous mundos, si. Entre o rural, -a miña familia á de orixe rural-, e unha vila en proceso de crecemento, nos anos 70. E iso está moi presente no libro, claro.
"Non sei se houbo moita xente que tivo unha infancia máis feliz que a miña"
“Lémbrome da poesía estupefaciente”. Cal?
Iso é de John Fante. Despois tamén hai unha referencia, camuflada, a Lois Pereiro.
Tamén lembras Celtas sen filtro de Artello Teatro. Outra lembranza viva. A do teatro, ao que seguramente de neno non tiñas oportunidade de ir moito. Como ao cine.
Cines había dous, e si ía, aínda que das referencias que fago, vin case todo na televisión. Da obra de Artello Teatro, quedara completamente impactado. E lembro que despois pasaramos un tempo dicindo “Unha cousa é unha cousa, outra cousa é outra cousa, e as cousas son como son”. Aínda que, a verdade, non sei se este texto é de Celtas sen filtro ou non. Iso pasoume con máis cousas: non tiña a lembranza clara, pero non quixen cambialo.
A memoria interpreta o pasado. É normal.
Si, pero é que ademais eu non quixen ir corrixindo por ese motivo. Por exemplo, a tortilla xigante. Eu estaba enganado co lugar onde foi. Henrique Mariño díxomo, e cambieino. Pero se cadra non debería cambialo.
A tortilla que non comían nin os cochos, pero que era de Guinness?
Esa, si.
Antes de Lémbrome e primavera, escribiras Con Aroa, o último verán. Xa cando sacaches primavera dicías que Aroa tiña que ter quedado no caixón.
Con Aroa era un xoguete cómico, unha novela que non trataba ningún asunto transcendente. Un libro de xuventude, cun ton humorístico. Pero imita demasiado El gran momento de Mary Tribune, de García Hortelano. É unha das novelas que lin máis veces. Quedei abraiado polo estilo. Para min é tan importante como se conta como o que se conta. Mais, claro, o meu libro é case un plaxio desa novela. Agora dáme vergoña. Por iso digo que era mellor que quedase no caixón.
"Para min é tan importante como se conta como o que se conta"
O outro, primavera, fora publicado por Xabier Graña, o fundador do Xiria Pop, que tiña un selo discográfico e publicou o meu libro no meso volume que Solpor en Waterloo de Xosé Manuel García, no selo QueQueres. Se non fose por el, seguramente este libro tamén quedaría no caixón. Pero este si é un libro ao que lle teño respecto. Xa non é o amateurismo de Con Aroa. Creo que ten cousas boas. Aínda que tampouco tiven moito feedback porque, como conta Henrique Mariño, eu agardaba algunha crítica, pero só se publicou a nota de prensa que mandamos.
Antes, publicara dous contos porque gañara o accésit do Premio Ourense de Contos para a Mocidade. Despois, Lumieira publicara un libro de contos, Folla de Carballo, e aí tamén teño un conto publicado.
Di Henrique Mariño que non che gusta saír na foto. No seu artigo en Táboa Redonda, no que fala do teu libro, cita o malditismo…
Henrique ten mellor concepto de min do que o teño eu de min mesmo. Hai que ter en conta, cando fala de min, que somos amigos…