A arriscada aposta da Vuelta

Ascensión ao Arrate. De esquerda a dereita: Valverde, Contador, Froome e Purito © Vuelta a España

Carlos Selas e Xabier Rábade analizan en Elos e Canelas, o blog de ciclismo de Praza, o inicio da rolda, a máis montañosa e norteña dos últimos anos.

Como nunca chove a gusto de todos, o percorrido proposto resultou polémico. Uns din que é unha Vuelta a media España (as etapas máis meridionais serán na Comunidade de Madrid), para outros hai pouco peso da contrarreloxo, que as etapas son demasiado curtas e que está todo moi pensado para un novo ciclismo, un ciclismo de Youtube que descoida a épica de antano. Non menos comentado foi unha das novidades estrela, os finais en alto (abusivos para algúns).

Vexamos os pros e os contras: dunha parte é certo que permitirá facer unha criba entre os corredores que veñen á Vuelta de paseo e os que realmente estiveron preparándose para  ela; pero non menos certo é que foi un sprinticida, os velocistas de primeira liña (Cavendish, Boonen, Greipel, Freire e moitos outros) optaron por non participaren nesta edición ante o hostilidade das etapas.

Esta Vuelta chega despois de que nas dúas últimas asistíramos a duelos intensos entre dous corredores pola vitoria final. En 2010 era o combate entre Ezequiel Mosquera e Vincenzo Nibali, moitos galegos vibraron con cada pedalada da ascensión do Bola del Mundo aínda que ao máis alto do podio chegaría finalmente o italiano. O ano pasado foron Juanjo Cobo e Chris Froome os  rivais en liza, un combate moi axustado decidido polas bonificacións que levou o primeiro.

Non fai falta consultar a hemeroteca para recoñecer que estamos na Vuelta máis mediática dos últimos tempos

Aínda é cedo para saber se nesta edición haberá tamén un lance, pero de habelo dous parecen ser os chamados a baterse: Contador e Froome. Non fai falta consultar a hemeroteca para recoñecer que estamos na Vuelta máis mediática dos últimos tempos e a razón ten nome e apelidos: Alberto Contador Velasco. Despois da sanción, o culebrón clembuterol, as adhesións políticas, as manifestacións populares, os guignols e uns meses a velas vir, o ciclista de Pinto volveu á competición e quere o malloit vermello como botín da súa loita. Froome chega con ánimo de desquite tras case gañar en 2011. A priori é un dos principais beneficiados dos portos de final de etapa, pero este ano foi esixente para o corredor queniano nacionalizado británico, acaba de facer unha participación moi destacada no Tour de Francia (no que se permitiu picar a Wiggins) e nos Xogos Olímpicos, facendo bronce na contrarreloxo. Todo isto podería facer que conforme se consuman as etapas sufra algún baixón no rendemento, todo o contrario de Contador, do que se espera que progrese de menos a máis.

 

Despois da sanción, o culebrón clembuterol, as adhesións políticas, as manifestacións populares, os guignols e uns meses a velas vir, Contador volveu á competición e quere o malloit vermello como botín da súa loita.

De momento e tras cinco etapas desputadas, quen viste o maillot encarnado de líder é o catalán Joaquim Rodríguez, Purito. As fazañas feitas nesta temporada fan que o seu nome sexa dos que hai que ter presentes para o podio de Recoletos. Tampouco lle asustan os finais en alto, ao contrario, parecen ser seus despois de devorar o temido Muro de Huy na voránixe da Frecha Valoa. É un ciclista áxil, capaz de reaccionar con lixeireza e marcar unha arrancada nas peores condicións sen que os seus rivais poidan alcanzalo, como demostrou no Giro. Purito está contento no seu equipo, o Katusha, e dependerá dos seus compañeiros para minimizar as contrarreloxo, unha modalidade que non lle acae ben ao catalán. Calquera fallo poderá ser aproveitado por outros ciclistas como Valverde, Gesink ou Cobo que tamén tomaron a saída con gañas de triunfo.

...

Segue lendo en Elos e Canelas

Ascensión ao Arrate. De esquerda a dereita: Valverde, Contador, Froome e Purito © Vuelta a España
Momentos posteriores á caída da etapa Barakaldo-Valdezcaray © Vuelta a España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.