Catorce deportistas galegos participan nos Xogos Olímpicos cuxa cerimonia de inauguración terá lugar este venres 5 de agosto. Xa unhas horas antes do evento, Miguel Alvariño fará a estrea para a representación galega en tiro con arco. A súa é unha das bazas de medalla para unha expedición que que soña con superar os catro metais que Galicia sumou tanto en Pequín 2008 (Echavarri e Paz, Carlos Pérez Rial e as dúas de David Cal) como en Londres 2012 (Támara Echegoyen e Sofía Toro, David Cal, Begoña Fernández e Javier Gómez Noya).
Galicia está representada en Río por 14 deportistas que aspiran a superar as catro medallas acadadas polo país en Pequín e en Londres
Todo malia a ausencia de última hora por lesión do triatleta ferrolán, o principal candidato a sumar un ouro para o país, así como da anunciada xa hai meses de David Cal, mito do olimpismo con cinco medallas, a mesma cifra que Galicia pretende alcanzar para superar o seu máximo botín. Velaquí a axenda dos deportistas galegos para as probas de Río de Xaneiro, cos enlaces aos calendarios oficiais de cada proba.
MIGUEL ALVARIÑO: Con varios títulos internacionais no seu haber, o tirador galego comeza a súa andaina nos Xogos o venres 5 ás 14 horas nas probas de clasificación individual e por equipos. En ambas as dúas disciplinas ten posibilidades de conseguir un metal. De todo ir segundo previsto, o das Somozas afrontaría o venres 12 as eliminatorias finais na procura dunha medalla.
Alvariño, o primeiro galego en debutar, conta con opcións de medalla tanto na competición por equipos como na individual
VANESA RIAL e PAULA MEDÍN: As dúas galegas entrarán na historia ao debutar coa selección española na estrea do rugby como deporte olímpico, neste caso na modalidade de 'a sete'. Logo da histórica clasificación para os Xogos, as xogadoras do CRAT da Coruña buscarán xunto coas súas compañeiras a sorpresa e comezarán a competición o sábado 6 con dous partidos: ás 16h contra Francia e ás 21.30 contra Nova Celandia.
MARÍA VILAS: Con tan só 20 anos, a nadadora galega afronta dúas probas en Río. Estrearase na rolda preliminar dos 400 metros estilos o sábado 6 contra as 19.30 horas e cuxa final disputarase o domingo de madrugada. En 800 metros libres, a de Ribeira saltará a partir das 18.30 horas o xoves 11 para unha proba cuxa final será o domingo de madrugada.
FERNANDO ECHAVARRI: Con numerosos galardóns e un título olímpico, o galego compite desta vez en vela na clase Nacra 17 mixto xunto a Tara Pacheco. Comezará o mércores 10 desde as 18.05 horas e, durante varios días, loitará por chegar á regata definitiva polas medallas, que terá lugar o martes 16 a partir das sete da tarde. O seu soño: repetir o ouro acadado en Pequín.
TÁMARA ECHEGOYEN: Xunto con Sofía Toro, a regatista galega acadou en Londres un histórico e emocionante ouro. Agora, xunto coa cántabra Berta Betanzos, busca éxitos na clase 49er FX. Compite nas primeiras regatas o venres 12 a partir das 18.05 horas e, no caso de alcanzar as roldas definitivas, loitaría por unha medalla o xoves 18 desde as 19 horas.
Támara Echegoyen e Fernando Echavarri aspiran a volver acadar un metal tras os éxitos de Londres e Pequín
IAGO LÓPEZ: Xunto co cántabro Diego Botín, forma a tripulación do 49er masculino. O de Portosín, enxeñeiro naval, estréase nuns Xogos tamén o venres 12 a partir das 18.05 horas co soño de alcanzar a regata polas medallas, o xoves 18 desde as 18 horas.
CRISTIAN TORO: Unha das bazas do piragüismo galego, que tantas alegrías deu xa a Galicia. Competirá no K2 200 metros xunto a Saúl Craviotto, que xa sabe o que é gañar unha medalla olímpica xunto a outro galego, Carlos Pérez Rial. Comezarán as eliminatorias o mércores 17 a partir das 14.30 horas para unha hora despois afrontar as semifinais. O día seguinte, desde as 14.30 horas, as finais.
TERESA PORTELA: A de Cangas disputará os seus quintos Xogos Olímpicos consecutivos e soña con acadar por fin unha medalla que culmine a súa excelente traxectoria en múltiples competicións internacionais. Compite en K1 200 metros e arrinca a competición o luns 15 a partir das 14:38. As semifinais serían o mesmo día ás 16 horas, mentres que as finais terían lugar o martes 16 desde as 14:40.
Teresa Portela participará nos seus quintos Xogos Olímpicos
RODRIGO GERMADE e ÓSCAR CARRERA: Os padexeiros cangués e tudense forman parte de K4 1.000 metros que comezará a competir o venres 19 desde as 14:50. Nesa mesma xornada disputarán as semifinais para intentar chegar á final, o sábado 20 tamén desde as 14:50.
ALESSANDRA AGUILAR: A atleta galega volve competir nun maratón logo da súa participación nas probas de Pequín e Londres. Tan só hai tres anos, a lucense quedara quinta na mesma proba no campionato mundial de atletismo. O evento, un dos máis esperado dos Xogos, terá lugar o domingo 14 desde as 14:30 horas.
JEAN MARIE OKUTU: O atleta galego de orixe ghanesa disputa o salto de lonxitude, outra das probas míticas dos Xogos Olímpicos. Debutará o sábado 13 de madrugada (2.20 hora galega) na procura dunha final que se disputará o domingo tamén á noite (1.40).
FRANK CASAÑAS: Atleta cubano coa nacionalidade española desde 2008, compite no Estado coa Federación Galega. Serán os terceiros Xogos como galego deste discóbolo logo de competir baixo bandeira cubana nos de Sídnei 2000 e Atenas 2004. En Pequín e máis en Londres alcanzara a final en lanzamento de disco. Debutará o venres 12 a partir das 14:30 nunha proba cuxa final se disputa o sábado 13 a partir das 15:50.