A concordia ábrese camiño nun derbi galego que rebaixa a tensión

Afeccionados do Celta en Balaídos este domingo © RCCelta

Nin pedradas dunha e doutra banda. Nin baños esnaquizados por violentos dun ou doutro lado. Nin laranxas ou ovos lanzados desde as fiestras a afeccionados rivais. Nin, sobre todo, a tensión que se vivía hai tan só uns poucos anos. A concordia e a convivencia vanse impoñendo aos poucos no derbi galego. O deste domingo en Vigo foi un máis dos últimos -xa varios- nos que non se rexistran incidentes. E outro partido no que máis seareiros se atreveron a acudir mesturados ao estadio e mesmo a gozar da previa coa camiseta do eterno rival. 

O derbi galego perde en tensión pero gaña en normalidade, respecto e cordialidade

Atreveron, si, porque aínda  hai que atreverse. O noso derbi está moi lonxe de parecerse á rivalidade vasca, na que afeccionados de equipos enfrontados historicamente conviven nas bancadas e nas rúas sen problema ningún. Moito cambiou. Houbo goleada este domingo (4-1), un Celta superior e ledicias e tristuras a partes iguais entre os futboleiros galegos. Pero houbo tamén avances nun ambiente que perde tensión pero gaña normalidade.

Non era doado ata hai ben pouco que afeccionados deportivistas paseasen xunto a Balaídos de branquiazul ou que celtistas camiñasen coa súa camisola xunto a Riazor. E segue a haber moitos que, no caso de facelo, prefiren agochar os seus símbolos. Pero xa non é imposible velos mesturados nos bares sen que algún suba de todo a cremalleira da chaqueta. Por se acaso. 

"Non é a tensión doutros anos; sempre hai unha minoría disposta a levar a rivalidade máis aló, pero non é o de antes"

"Xa non é a tensión doutros anos; segue habendo algunha mirada, pode haber algún insulto illado e sempre hai unha minoría, en todos lados, disposta a levar a rivalidade máis aló, pero non é o de antes", coincidían este domingo afeccionados de Celta e Deportivo que asistiran a Balaídos. Segue habendo cánticos, pero predominan os que optan máis pola ironía, a retranca ou o humor ácido e ata provocativo que os desprezables. Que aínda os hai pero cada vez son máis minoritarios. Branquiazuis aluden á posible venda do rival a un grupo chinés e celestes á hipotética futura desaparición da entidade coruñesa por mor das débedas. 

Atrás quedan pancartas que aludían a desgrazas graves para un e outra cidade e cánticos -aínda hai minorías que os reproducen- que pasaban do humor negro ao denunciable. Aqueles duros finais dos 80 fixeron agromar unha rivalidade encarnizada que durou moito tempo e que parecera revivir ao reencontrarse ambos equipos en Segunda hai cinco anos logo dun lustro sen derbi. Pero a quentura amornou bastante. 

"Hai cinco anos estiven non mesmo bar en Balaídos e houbo insultos e cervexas voando; desta vez non foi así", reflexiona  un deportivista

"Hai cinco anos estiven no mesmo bar, ás portas de Balaídos, nun partido tamén ás 12 do mediodía: berros, insultos e cervexas voando; desta vez non foi así. Dous deportivistas coas súas camisetas pararon alí a tomar algo e non pasou nada á marxe dalgunha que outra mirada", explica un seareiro branquiazul que repetiu visita a Vigo. Tamén melloraron as cousas en Riazor, estadio onde hai tan só uns meses Iago Aspas foi ovacionado tras marcar un gol para a selección galega. 

A volta da Irmandiña, as boas relacións entre directivas, o himno galego antes de cada encontro e mesmo iniciativas como o Derbi dos Artistiñas, onde caras coñecidas dun e doutro equipo gozan dun partido amigable e a confraternización, axudan a rebaixar a tensión. Tamén declaracións de futbolistas que deixaron as palabras incendiarias para optar polo silencio ou a chamada á calma. E quedaron lonxe tamén algúns vellos líderes localistas que botaban man do derbi para os seus intereses, aínda que quede camiño por andar. Algún queda. 

A volta da 'Irmandiña', as boas relacións das directivas ou iniciativas como o himno galego axudan a rebaixar a tensión

Unha anécdota, vivida por afeccionados este domingo ilustra para eles o cambio. A policía fixo un cordón para deixar pasar os buses que viñan da Coruña e obrigou ducias de seareiros a agardar ás portas de Balaídos para entrar. Ao pouco, mesturados e retidos polas forzas de seguridade, centos de deportivistas e celtistas parolaban. Entre eles, un veterano celtiña de Lugo asentado en Vigo lembraba os anos nos que "viaxaba co 600 á Coruña e pasaba alí o día tomando tazas cos deportivistas". "Así tiña que ser e non ten por que pasar nada", engadiu. Uns e outros asentiron, falaron e riron. E acabaron facéndose fotos. Minutos despois, axentes deixaron paso e a mestura de cores que intentaban evitar produciuse de golpe e ás bravas tras acumularse máis e máis xente. E non pasou nada.  

Deportivistas no derbi da tempada pasada en Balaídos © Fepedepor
Deportivista e celtista, durante o himno galego en Balaídos © RCCelta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.