"A débeda de todo o fútbol aínda é menor que a axuda que recibiu Novagalicia"

Unha xogada do derbi galego en Balaídos CC-BY-SA Zelia García

Malia as serias advertencias da Comisión Europea, as medidas de fair play financeiro impostas pola UEFA e os mecanismos de control que comeza a aplicar a Liga de Fútbol Profesional (LFP) e o Consello Superior de Deportes (CSD), os números do balompé español seguen vermellos e acumulando déficit. A débeda dos clubs coa Seguridade Social creceu nun 60% en algo máis que un ano -ao pasar dos 10,6 millóns de febreiro de 2012 aos 16,6 da actualidade- e a débeda total dos equipos profesionais ascende a uns 3.600 millóns, máis de 750 deles a Facenda.

Son cifras arrepiantes que, no entanto, son postas en contexto por numerosos expertos. Ángel Barajas, responsable do Máster en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo, é un dos nove expertos que asesoran a UEFA sobre o "xogo limpo financeiro" e un dos maiores coñecedores desta burbulla futbolística creada no Estado arredor deste espectáculo de masas. Recoñécese "moi crítico" coa xestión que do balompé se fixo por parte dos clubs e a favor destas novas "medidas de control" que desde Europa e os propios estamentos futbolísticos de España están a facilitar "un reaxuste financeiro" da competición profesional.

"A débeda de todos os clubs profesionais supón unha mínima parte das axudas que recibiu Bankia polo seu burato", di Ángel Barajas

No entanto, aclara tamén que o poder mediático do fútbol e as elevadísimas cantidades que cobran algúns xogadores -"non todos perciben eses salarios millonarios", puntualiza- provocan que se perda a perspectiva sobre o seu déficit económico. "Son moi crítico coas cousas que se fixeron no fútbol e claro que é necesario poñer un control, pero se situamos a débeda de todo o fútbol profesional español, 42 clubs, entre os 3.000 e os 4.000 millóns de euros, teñamos en conta tamén que é tan só unha mínima parte das axudas que recibiu unha entidade como Bankia polo seu burato acumulado", asegura.

"As cifras son espectaculares, pero poden parecer moito máis do que son", insiste Ángel Barajas, que lembra que "a axuda que se lle deu a Novagalicia Banco é bastante máis elevada que todos os millóns que deben todos os clubs profesionais de España xuntos".  Compara, xa que logo, os 5.500 millóns inxectados na entidade galega polo MEDE aos 3.600 de débeda que acumula o balompé. E non quita que critique o proceder das sociedades anónimas deportivas, aínda que insiste.

"As débedas con Facenda ou coa Seguridade Social, como se fai en calquera outra empresa, son negociadas e os clubs chegan a acordos para facer aprazamentos; outra cousa ben distinta sería que non pagasen, pero a Administración Tributaria pide uns avais e asegura o cobro, o que é unha práctica empresarial habitual", engade.

"Impoñer unha maior racionalidade financeira supón pagar un prezo: os mellores xogadores marcharán da Liga"

A pesar de todo, Ángel Barajas non dubida en que as medidas de control que se están a dar no fútbol son máis que necesarias para "impoñer unha maior racionalidade financeira", aínda que "os clubs e a Liga sexan conscientes do prezo que van pagar". "Os mellores xogadores marcharán da competición porque non se lles pode pagar as cantidades que se lles pagaban co que se está a facturar", lembra. Para este profesor da Universidade de Vigo, a masiva lei concursal á que se viron abocados a maioría dos clubs está a levalos "a unha mellor situación, ao reorganizar o negocio e sanear as contas", e aínda que sexa "a costa de acredores que van perder cartos" e "dun risco deportivo evidente".

O experto en xestión deportiva recoñece que a lei concursal de hai uns anos "foi un choio" ao eliminar a posibilidade de descenso por débedas

 

A situación de Celta e Deportivo

Ángel Barajas recoñece que a lei concursal de hai uns anos "foi un choio" ao eliminarse a posibilidade de descenso administrativo por irregularidades financeiras, algo que agora si se contempla tras un novo cambio lexislativo. "Déuselles unha oportunidade aos clubs, pero estes nunca queren ir a concurso porque os directivos non aceptan que haxa quen lles fiscalice as contas", explica, tras lembrar que "a maioría fixérono cando descendero a Segunda División, pero sabendo que non poderían descender administrativamente máis abaixo".

Para este experto en xestión empresarial do deporte, o Celta está agora "nunha situación razoable" e é optimista. "Terá que vender os seus mellores xogadores e pelexar moito; apostou por futbolistas de canteira e iso sempre pode ser un risco deportivo se o resto segue fichando, pero incluso baixando de categoría sabía que tiña un seguro de descendo e, no plano económico, a consecuencia non era tan grave", di.

"O Celta está nunha situación razoable, pero a do Deportivo é moi complicada"

Moi diferente ve o caso do Deportivo, que agardou para solicitar a concursal "cando non lle quedaba outra e non tiña máis remedio ante o embargo dos dereitos de televisión". "A súa situación é moi delicada e complicada porque o nivel de débeda é moitísimo maior que cando o Celta optou pola concursal e porque leva anos conformando equipos de circunstancias", resume, tras criticar tamén que sexa un club "no que é difícil coñecer os seus datos económicos".

"O Depor ten risco de desaparición; necesitará conseguir algún tipo de axuda exterior e na Coruña hai empresarios con recursos suficientes"

Así, ten claro que o seu "perigo é maior" e asegura que "o risco de desaparición" é evidente. De feito, augura que "necesitará conseguir algún tipo de axuda financeira do exterior" e lembra que "na Coruña hai empresas e empresarios que teñen recursos suficientes para botar unha man". No entanto, tamén advirte de que esta posible axuda de fóra "terá que albiscar un determinado proxecto deportivo e ver as cousas claras desde o punto de vista económico". Ademais, Barajas recorda tamén que "a estrutura do club, cunha gran dispersión do accionariado", podería facer máis complicada esta salvación externa. O que si destaca tamén é que o feito de que "a afección siga respondendo e renovando o abono masivamente" é un factor moi importante de cara a garantir o futuro da entidade. "Coa axuda dos seareiros, todas as solucións son máis doadas".

En canto ao futuro da competición en España, Ángel Barajas aposta por "unha negociación colectiva" dos dereitos de televisión que permita un mellor reparto dos ingresos e diminuír a esaxerada diferenza deportiva que existe xa entre Barcelona e Real Madrid e o resto de equipos. "Outra cousa é se as televisións van poder pagar as cantidades que comprometeron", remata.

 

 

Ángel Barajas, profesor da Universidade de Vigo © DUVI
Unha xogada dun derbi galego en Balaídos CC-BY-SA Zelia García

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.