A Galicia futboleira xa dá para dúas seleccións

O Deportivo, con dez canteiráns e once galegos, nun partido de pretempada © La Opinión

Naquel decembro de 2005, coa reestrea da selección galega de fútbol logo de décadas de ausencia, Fernando Vázquez e Arsenio Iglesias rebuscaban entre a elite para lograr xuntar xogadores dabondo que formasen parte do histórico equipo. Foi así durante os catro anos que durou a efímera experiencia dun combinado que chegou a convocar futbolistas fillos de emigrantes (como Ricardo Cabanas, internacional por Suíza), nados no país case por casualidade (como o andaluz Antonio Barragán) ou con exitosas carreiras no estranxeiro (como o dianteiro do Glasgow Rangers Nacho Novo). As horas baixas polas que pasaba a canteira galega facían difícil lograr tan sequera conformar unha convocatoria con deportistas da terra.

Tan só uns anos despois, e logo de crises económicas, procesos concursais e moitas doses de crúa realidade, os futbolistas galegos agroman como nunca nunha elite na que tan só a base do actual Celta e do Deportivo darían para conformar unha máis que competitiva selección que aínda subiría máis o nivel de engadirlle a crecente cantidade de futbolistas que están a triunfar tanto na Primeira División como en ligas estranxeiras. Así o demostran as primeiras xornadas dunha Liga con marcado acento galego e cuns vinte protagonistas do país.

Diego López, Trashorras, Jonathan Pereira ou Diego Castro son clave nos seus equipos na Primeira División

Diego López podería ser nesa hipotética selección un dos estandartes. Titular no Real Madrid -e metido sen querelo na polémica que arrodea a Casillas- é un dos poucos futbolistas que se manteñen na elite daquel once inicial de 2005 en San Lázaro. Jonathan Pereira, dianteiro do Villarreal, reestreouse goleando na Primeira División, mentres o Rayo Vallecano formou na última xornada con Roberto Trashorras, Rubén e Iago Falque no seu once titular. Tamén son titulares os porteiros Roberto (Granada) ou Diego Mariño (Valladolid), o mediocentro Fran Rico (Granada) e o mediapunta Diego Castro, no Getafe, onde tamén se atopan os galegos Mosquera ou Roberto Lago.

A columna vertebral de Celta, Deportivo e Lugo está formada por futbolistas galegos, agora maioría nos equipos da terra

Pero é no Celta onde se xuntan máis futbolistas galegos que conforman a base do equipo vigués. A Yoel, Hugo Mallo, Toni, Álex López, Johnny, Vila ou Oubiña uníuselles neste último partido o xuvenil David Costas, que chama á porta da elite tras o descarte doutro galego, Túñez, ao igual que outro rapaciño con gran futuro como Santi Mina. Algo semellante ocorre no Deportivo, onde Pablo Insua, Álex Bergantiños e Juan Domínguez forman unha columna vertebral dun conxunto no que Juan Carlos, Dani Iglesias, Luís Fernández ou Bicho, este último de 17 anos a grande esperanza da canteira branquiazul, adoitan contar con minutos malia a súa corta idade.

Aos xogadores que triunfan na Liga únenselle os que destacan no estranxeiro, como o ex celtista Iago Aspas

No Lugo, Manu, José Juan, Dani Mallo Seoane, Pita, Iván Pérez, Pablo Álvarez ou Iago Díaz completan a nómina de futbolistas galegos nunha elite que xa non lembraba o galego. Unha canteira que se ve beneficiada por unha aposta decidida pola base que non chegou -como ocorre sempre- ata que as graves dificultades económicas obrigaron a mirar cara a abaixo. Formarían unha selección galega de nivel coroada na dianteira con futbolistas que triunfan na diáspora como Denís, que volveu á Liga para xogar no Barcelona B; Joselu, en Alemaña; Dani Abalo, en Bulgaria; Rodrigo, en Portugal; Lucas Pérez, en Grecia; e, como non, Iago Aspas, unha das estrelas dun histórico como o Liverpool e que representa como poucos a rendibilidade, deportiva e económica, de coidar os diamantes que saen da terra.

Diego López; Mallo, Insua, Costas, Lago; Oubiña, Álex López, Juan Domínguez; Diego Castro, Pereira e Iago Aspas. É unha proposta, pero agora, por sorte para o fútbol galego, hai moitas máis. Tantas como para formar dúas seleccións. Quen o ía dicir.

Iago Aspas, coa camiseta do Liverpool © LiverpoolFC
Formación inicial do Celta nesta tempada © LFP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.