A hora da verdade para o deporte galego

Lasme, do Obradoiro, ante o Caja Laboral Dominio Público Praza Pública

Chegou a hora da verdade. O deporte galego xógase todo a unha carta nestas últimas xornadas de varias disciplinas. Fútbol, baloncesto ou balonmán son algunhas nas que os conxuntos do país loitarán nos vindeiros días por continuar ou regresar á elite. Uns téñeno fácil e outros case imposible. Esta é a situación. 

Fútbol

O Deportivo camiña con paso firme para voltar á Primeira División. Logo das dúas últimas vitorias no último minuto, aos coruñeses debería bastarlles con tres vitorias máis para conseguir o desexado ascenso. O Celta, pola súa banda, xa non depende de si mesmo, pero unha vitoria dos branquiazuis ante o Valladolid dentro dunha semana colocaría os vigueses outra vez nunha situación de privilexio para ocupar unha das dúas prazas que dan o billete directo á elite. 

Celta B e Montañeros ocupan as dúas últimas prazas e teñen o posto de promoción a seis e catro puntos respectivamente con só nove por xogarse

Na Segunda División B, pola contra, a situación non é tan boa. Si no Lugo, que ten pé e medio na fase de ascenso logo da súa vitoria no partido aprazado ante o Getafe B. Quédanlle tres partidos de competición e o seu adestrador, Quique Setién, considera que un triunfo na casa ante o Leganés podería abondar. Os branquivermellos manteñen cinco puntos de marxe co quinto clasificado, o Real Oviedo. No entanto, na parte baixa os cálculos non son tan optimistas. Celta B e Montañeros ocupan as dúas últimas prazas e teñen o posto de promoción a seis e catro puntos respectivamente con só nove por xogarse. O Coruxo, empatado a puntos co Vecindario na última praza que evita a queima, tampouco o ten fácil. O peor pode vir máis tarde. No caso de que os tres equipos galegos baixen, podería haber sete descensos en cadea na Terceira División galega

En canto ao fútbol feminino, o Olivo de Vigo recibe o domingo ás segundas na táboa, as rapazas do Athletic. Se as galegas non gañan e si o fan as do Lagunak ou as do Málaga, confirmarán o seu descenso. Na Segunda División, pola súa banda, dous equipos coruñeses loitan pola salvación xunto ao Gijón para evitar a última praza de descenso. Son o Orzán e o Victoria. Se as primeiras gañan o seu partido contra as asturianas, salvaranse, pero de paso evitarán tamén a perda de categoría do seu rival cidadán, que gañando evitará calquera tipo de cálculo posterior. 

 

O Obradoiro loita por manter o baloncesto galego na elite. A última derrota ante o Estudiantes, un rival directo, complícalle un chisco máis a situación, pero os santiagueses seguen a depender de si mesmos

Baloncesto

O Obradoiro loita por manter o baloncesto galego na elite. A última derrota ante o Estudiantes, un rival directo, complícalle un chisco máis a situación, pero os santiagueses seguen a depender de si mesmos. O conxunto galego ten unha vantaxe importante: dúas vitorias contra o UCAM Murcia, polo que se salvaría de forma matemática sempre que empate co equipo murciano. É dicir, se gaña polo menos o mesmo número de partidos que o Estudiantes ou Murcia, aínda que non sexa ningún, estará salvado. Ademais, tamén evitaría o descenso matematicamente esta fin de semana se gaña o seu partido do domingo ante o Valladolid e perden murcianos e madrileños. En todo caso, quedaríanlle logo dúas finais na caldeira do Sar ante Valencia e CAI Zaragoza. 

Na LEB Ouro, o Breogán certificou a súa clasificación para os playoffs polo ascenso ao acadar a 7ª posición do campeonato, tras pechar a temporada regular con vitoria na casa ante o Ford Burgos. O rival dos lucenses, ao mellor de 5 partidos, será o Menorca, que foi o 4º clasificado na liga; en caso de clasificarse, o seguinte duelo será contra o vencedor do confronto entre Grupo Iruña e La Palma.

Na LEB Prata, os dous equipos galegos clasificáronse para os playoffs polo ascenso, mais deles só o Club Ourense Baloncesto segue con opcións de subir á LEB Ouro. Os ourensáns, que perderan o primeiro partido da serie na casa por un só punto, fixeron o máis difícil ao gañar fóra da casa ao Lan Mobel vasco, polo que decidirá a clasificación para a seguinte fase mañá domingo, ás 19h no Pavillón Paco Paz. O vencedor enfrontarase ao Aurteneche, que eliminou o Basquet Coruña tras vencer os dous partidos por unha axustada marxe de tres puntos.

 

O Octavio precisa dun triunfo xa (está 4 puntos por riba do descenso, con 1 partido a máis) e debería conseguilo o vindeiro 5 de maio en Torrevieja para evitar problemas de última hora.

Balonmán

Logo da derrota ante o Ademar, o Academia Octavio tamén complicou a súa permanencia na Liga Asobal, tras unha magnífica primeira volta na que estivo a piques de clasificarse para a fase final da Copa. A vitoria ségueselle negando en toda a segunda volta, na que só sumou un empate, pero continúa a depender de si mesmo. Precisa dun triunfo xa (está 4 puntos por riba do descenso, con 1 partido a máis) e debería conseguilo o vindeiro 5 de maio en Torrevieja para evitar problemas de última hora. A boa nova é que o calendario dos vigues é asequible e ademais conclúen a temporada xogando na casa contra o Sagunto, pechacancelas destacado e xa virtualmente descendido.

Na División de Honra Prata, a falta de 3 xornadas para o final da temporada regular, o Cangas está nunha magnífica situación para clasificarse para o playoff de ascenso. Pola súa parte, o Teucro de Pontevedra, tras unha campaña con poucas alegrías, está 5 puntos por riba do descenso e non debe sufrir para manter a categoría, malia aínda non a ter asegurada de xeito matemático.

O Chapela e o Porriño, tras seren os dous mellores no grupo I da 1ª División estatal, xogan este mesmo fin de semana a primeira fase dos playoffs que pode levalos a ascender á División de Honra Prata. A mala noticia é que tanto o Camariñas como o Redondela perderon a categoría e na próxima temporada disputarán a Segunda División estatal.

No balonmán feminino, o Porriño xa asegurou -cando aínda faltan tres xornadas da liga regular- a permanencia na máxima competición estatal, a División de Honra. A esa categoría pode acceder tamén o At. Guardés, que, tras vencer o seu grupo da División de Honra Prata, participará a partir do 11 de maio na fase de ascenso xunto con outros 5 equipos, que loitarán co equipo da Guarda por unha das dúas prazas na elite.

Hóquei a patíns

Na máxima competición estatal do hóquei masculino, a OK Liga, o Liceo ocupa a 2ª praza do campeonato, posición que dificilmente se alterará, xa que a falta de 7 xornadas para o final, se atopa a 10 puntos do líder Barcelona e con outros tantos de vantaxe sobre o Noia, terceiro colocado. O desafío maior para o Liceo está na Champions League europea, competición da cal é o vixente campeón e que entre o 25 e o 27 de maio celebrará a final a oito: o primeiro rival do equipo coruñés será o portugués Candelária nos cuartos de final e, en caso de superar esa ronda, enfrontaríase ao vencedor da eliminatoria entre o Reus catalán e o Amatori Lodi italiano, en busca dun lugar na final.

Na Primeira División masculina, tanto o Ordes como o Cerceda presentan números semellantes, na parte media-baixa da clasificación. Cando restan 5 xornadas para o remate, o Ordes xa garantiu a permanencia e ao Cerceda abóndalle con sumar 1 punto aínda no caso dunha improbable racha triunfal dos equipos que hoxe ocupan as últimas posicións. En hóquei feminino, o equipo vigués do Traviesas é pechacancelas da máxima competición, a OK Liga Feminina, con 19 derrotas noutros tantos partidos. Mesmo que a salvación aínda é posible matematicamente, a xeira das viguesas non convida ao optimismo.

Lasme, do Obradoiro, ante o Caja Laboral Dominio Público Praza Pública
Derbi galego en Riazor © Roberto Berdini

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.