A inexplicable ausencia de Vero Boquete na Eurocopa sacode o fútbol feminino

Verónica Boquete, en Compostela CC-BY-SA M. Pereira

"Non por agardada a noticia é menos dura", escribía Verónica Boquete nunha nota feita pública logo de confirmarse a súa ausencia na lista de 23 xogadoras que disputarán coa selección española a Eurocopa de Holanda deste verán. O adestrador Jorge Vilda prescindiu da xogadora galega, a que está considerada como mellor futbolista española das últimas décadas (e posiblemente da historia), a máis recoñecida en títulos e galardóns e quen vén de perder por penaltis co PSG a final da última Liga de Campións. 

"Perder unha Eurocopa doe, e se non se reciben explicacións de ningún tipo doe máis", di Boquete sobre a súa ausencia

"Perder unha Eurocopa doe, e se non se reciben explicacións de ningún tipo doe máis", engadía Boquete no único reproche que amosou na nota na que quixo evitar "malas interpretacións". Con 30 anos e logo de participar e destacar na fase de clasificación para o torneo continental, a súa ausencia nas últimas convocatorias para partidos amigables fixéronlle temer o peor. "O meu traballo está feito, deportivamente pouco máis podo facer", dicía nesta entrevista en Praza.gal de tan só hai uns días. 

"É evidente que me tería gustado ter outro final, pero non por agradecemento á historia ou ao meu pasado, senón polo meu rendemento presente e mérito deportivo", escribiu este martes. Finalista da Copa en Francia, da Champions e destacada nun dos mellores equipos europeos, nin o aval presente nin o pasado máis inmediato valeron ao seleccionador, que xustificou a súa decisión no "nivel que demostraron as outras 23 xogadoras" e que, di, considera "as máis adecuadas". Posteriormente, nalgunha entrevista, Vilda negouse a entrar en máis detalles e xustificou a ausencia de quen acumula case 40 goles coa selección española en que non fora chamada, "ao igual que lle pasou a calquera outra que tiña opcións de vir". 

O seleccionador española argumenta a súa decisión unicamente no "nivel que demostraron as outras 23 xogadoras"

Capitá da selección española nos últimos anos, líder no Mundial de 2015 e impulsora xunto a outras compañeiras da rebelión que acabou coa marcha do anterior técnico, Verónica Boquete sofre un duro golpe logo de converterse durante anos en símbolo da loita contra a invisibilidade do fútbol feminino e nun dos pulos máis importantes que tivo un deporte que sae aos poucos do amateurismo no Estado. Acumula experiencia nas ligas española, estadounidense, rusa, sueca, alemá e agora francesa e o seu palmarés inclúe a Liga de Campións, varios campionatos nacionais e mesmo unha Medalla Castelao.

"A vida e o deporte ensináronme que hai cousas que non podemos elixir nin controlar. As decisións e accións doutros non nos pertencen", insiste Vero Boquete sobre unha non convocatoria que semella agochar algo máis que unha simple decisión técnica ou deportiva, máis tendo en conta o rendemento da dianteira compostelá nos últimos meses ou a súa contrastada experiencia en torneos importantes. Xa coa súa ausencia no último amigable ante o Brasil, foron a seleccionadora e xogadoras canarinhas as que amosaron a súa sorpresa pola incomparecencia dunha futbolista "completa". "É coma se eu non convocase a Marta", asegurara a adestradora en referencia á mellor xogadora do mundo. 

Primeira futbolista española en converterse en profesional, primeira que logrou gañar unha Liga de Campións (co Frankfurt), primeira en anotar nunha fase final dunha Eurocopa e capitá no primeiro Mundial da selección, no que tamén marcou. A súa ausencia -xunto coa de Sonia Bermúdez- é agora a principal noticia dun equipo que busca un título internacional absoluto que aínda non posúe. 

"A miña carreira continúa. Estou sa e sen lesións", advirte Boquete no seu comunicado, onde anuncia o seu apoio "desde a distancia" ás compañeiras que comezarán a Eurocopa o vindeiro 16 de xullo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.