A Liga máis galega

Denis Suárez, xogador galego do Sevilla © Sevillafc.es

Con dúas xornadas de Liga consumidas, Galicia afronta con fachenda esta campaña futbolística. Co Deportivo de volta na Primeira e co Celta camiño de se asentar na máxima categoría, os dous grandes do balompé do país defenden o orgullo da terra nunha das consideradas mellores campionatos do mundo. Abafados polos mediáticos e multimillonarios Real Madrid e Barcelona, os seareiros dos conxuntos galegos seguen rebelándose ante unha competición cada vez máis desigual por arriba pero na que branquiazuis e celestes buscan o seu sitio entre as clases populares.

Co ascenso do Deportivo, os dous grandes do fútbol galego reencóntranse na elite

Deportivo e Celta. Celta e Deportivo. Lonxe das épocas dos títulos dos coruñeses e do exitoso Eurocelta de hai máis dunha década, a crise económica obrigou a ambos os dous equipos a reconstruírse. Os vigueses, xa nunha situación envexable, souberon navegar nas duras augas da lei concursal para mirar unha exitosa canteira, sanearse e afrontar esta tempada cun bloque feito, completado con varias fichaxes e despregando un xogo no verán e nas dúas primeiras xornadas que chama ao optimismo.

Na Coruña, metidos no máis duro da crise económica, as penurias obrigaron a facer un equipo novo. Máis de dez fichaxes a custo cero e unha evidente falta de acoplamento complican o inicio dun Deportivo que, non obstante, soubo armar un equipo de garantías. Precisan os branquiazuis manterse na elite para evitar males maiores ante as necesidades monetarias que exixe o convenio cos acredores para pagar nos vindeiros anos unha enorme débeda de máis de 130 millóns de euros. Coa idea de apostar de novo pola base, e con varios canteiráns asentados, o futuro inmediato exixe a permanencia.

Celta e Dépor acumulan varios galegos nos seus equipos, aos que se unen moitos máis que destacan na Liga

Varios son os galegos que xuntan os dous equipos, nunha fartura que moito se diferencia de épocas anteriores onde era difícil atopar algún xogador da terra nos derbis que agora regresan. Sergio, Jonny, Álex López, Hugo Mallo ou o mancado Oubiña levan tempo asentados nun plantel autóctono que completan Santi Mina, Rubén Blanco, Borja Fernández ou Santi Mina.

No Deportivo, Insua, Álex Bergantiños e Juan Domínguez seguen formando parte dunha base galega á que o ano pasado se uniron Juan Carlos ou Seoane e que nesta tempada incorpora o coruñés Lucas Pérez, fichado do PAOK grega logo dunha exitosa carreira no leste de Europa. Pero non son branquiazuis e celestes os que achegan galegos a esta Liga. Nin moito menos.

A primeira xornada desta Liga de Primeira División bateu marcas que non se lembraban. Dezaseis galegos foron titulares na elite. E moitos deles serán claves nos seus equipos. Como exemplo, Denís Suárez. O de Salceda de Caselas deixou a canteira do Barcelona para se unir ao Sevilla, onde malia a súa curta idade xa é un dos futbolistas máis destacados. Alí espera a titularidade Iago Aspas, que regresou á competición española tras as súas escasas aparicións no Liverpool inglés.

Denís destaca no Sevilla, como Trashorras no Rayo ou Fran Rico no Granada

No Getafe, Diego Castro e Roberto Lago continúan a ser fundamentais, ao igual que Roberto Trashorras no Rayo, onde é o capitán e líder do equipo e ao que agora acompaña o vigués Jonathan Pereira. O coruñés Pedro Mosquera comanda o centro do campo do Elche, mentres Iago Bouzón regresa a Primeira nas filas do Córdoba. Tamén en Andalucía, Fran Rico dirixe o xogo do Granada, que mantén o porteiro chantadino Roberto entre os veteranos do cadro de futbolistas. Tamén das redes vixía Rubén Martínez no Almería e Diego Mariño no Levante, mentres que o extremo Lucas Vázquez acaba de dar o paso da canteira do Real Madrid ao Espanyol. Xa na elite, os brasilegos Rafinha Alcántara e Rodrigo buscan o seu oco no todopoderoso Barcelona e no Valencia respectivamente. A este último chegou Yoel, gardarredes que triunfou no Celta nos últimos anos.

Un siareiro, coa bufanda da selección galega no derbi CC-BY-SA Zelia García
Denis Suárez, xogador galego do Sevilla © Sevillafc.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.