A primeira campioa galega de xadrez: "Ver raro que eu gañe si sería machismo"

Inés Prado, durante unha partida © Club Xadrez Padrón Golfiño

"Non sabía eu que gañar un torneo ía ter tanto interese". A ferrolá Inés Prado recoñécese abraiada e impactada polo balbordo levantado tras a súa vitoria o pasado venres no Campionato Galego de Xadrez celebrado en Padrón. Nun deporte claramente masculinizado, esta rapaza de tan só 20 anos proclamouse a mellor xadrecista do país nunha competición na que o 95% dos participantes foron homes. Tan só catro mulleres dun total de 75 nunha competición na que por primeira vez en trinta anos venceu o xénero feminino. Un triunfo histórico. 

O 95% dos participantes do campionato galego eran homes: tan só competiron catro mulleres

Inés Prado acadou o ouro en categoría sénior e revalidou o título feminino que xa tiña. Sumou sete puntos de oito posibles e, malia partir como a décimo terceira no ránking previo, alcanzou o cumio tras caer tan só ante o mestre FIDE Fernando Sánchez e gañar a todos os demais rivais, incluído ao Mestre Internacional Diego Espiñeira. Subcampioa de España sub-16 hai catro anos, a repercusión deste último triunfo vai moito máis aló dun trofeo. 

Desde sempre, o xadrez foi territorio de homes, case en exclusiva. "É así aquí e en todos lados, é un deporte moi masculinizado", di Inés, que asegura que as mulleres foron e son "minoría" en todos os campionatos. Non lle atopa moita explicación: "Non sei por que, pero o certo é que a maioría vano deixando co paso dos anos; supoño que porque lles van interesando outras cousas ou porque, precisamente, somos unha minoría no deporte", explica. "Como pasa noutras disciplinas, dedicarse ao xadrez significa sacrificar moitas cousas e moito tempo que empregarías para quedar coas amizades", engade. 

"A maioría das mulleres van deixando o xadrez co paso dos anos: ou porque lles interesan outras cousas ou, precisamente, porque somos minoría"

Hai machismo no xadrez? "Sería un pouco inxusto empregar esa palabra porque os meus compañeiros e amigos sempre foron moi correctos; máis ben é un deporte masculinizado, ese sería o termo máis acaído", di Inés, que si cre que "no feito de que se vexa tan raro que unha muller gañe si que inflúe as dúas cousas". O machismo e a masculinización desta práctica. 

Si asegura, no entanto, que todo "era máis esaxerado" sendo ela pequena. "Lembro estar xogando algunha partida con algún amigo e que chegase algún cativo e se burlasen del por estar perdendo cunha rapaza; escoitar esas cousas en nenos tan pequenos si que me parecía máis grave", explica.

"Sería inxusto dicir que o xadrez é machista, pero si está masculinizado; en que se vexa raro que unha muller gañe si que inflúen ambas cousas"

"Especialmente ilusionada" pola cantidade de parabéns recibidos -"mesmo de xente que non me coñece de nada", di-, Inés Prado recoñece que desde que empezou a carreira universitaria non dedica moito tempo ao xadrez. Xoga a Liga Galega na División de Honra co Club Xadrez Padrón Golfiño e prepara "un pouco" as partidas antes de empezalas. "Antes de empezar na universidade dedicáballe máis tempo e recibía clases dun adestrador, pero agora non podo", insiste quen prioriza, sobre todo, os seus estudos de Enxeñería Química. 

"Non penso en deixar o xadrez, pero o primeiro de todo segue sendo a carreira", di Inés, que no deporte márcase dous obxectivos "a curto prazo": conseguir a permanencia co club na liga e sumar os puntos que lle faltan para se converter en Mestra FIDE (WFM), un dos tres títulos que concede a federación internacional e que en Galicia tan só ten Mireya Represa, segunda en categoría feminina no Campionato Galego. "É un recoñecemento que me daría praza en diferentes campionatos", explica. Fáltanlle dez puntos logo dos 67 sumados no último torneo. 

Pasados os parabéns e as entrevistas, Inés Prado non ten previstas novas celebracións. Nin tan sequera por ser a primeira muller na historia que se procalama campioa galega absoluta de xadrez en Galicia. "Non farei nada máis", remata, mentres insiste en que agora centrarase en "estudar". 

Inés Prado, no podio do campionato galego © Club Xadrez Padrón Golfiño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.