A reivindicación da oficialidade das seleccións galegas chega ao Parlamento e ao Congreso dos Deputados. O colectivo Siareiros Galegos reivindicará nunha sala da Cámara Baixa de Madrid o dereito de Galicia, Euskadi e Catalunya a competir de xeito oficial. Farao o vindeiro luns 21 e de maneira conxunta xunto ao colectivo vasco Esait e a Plataforma proSeleccions Esportives Catalanes nun acto ao que están convidados todas as formacións políticas do arco parlamentario estatal.
Todos os partidos están convocados ao acto de reivindicación das seleccións de Euskadi, Catalunya e Galicia
A iniciativa, que parte do colectivo vasco a prol da oficialidade, aproveita a celebración o vindeiro venres da final da Copa do Rei entre o Athletic Club e o Barcelona para solicitar ao Goberno que acabe coas trabas que impiden a Galicia, Catalunya e Euskadi “competir de maneira oficial en competicións internacionais”. O acto será só un dos varios que se prevén durante os vindeiros días a través da colaboración de tres agrupacións que levan anos pulando polo recoñecemento legal das seleccións dos seus territorios.
“A iniciativa partiu de Esait, que contactou coas demais plataformas para plantexar unha estratexia conxunta e pensou na final de Copa como acontecemento ideal para darlle un pulo ás nosas reivindicacións”, aclara Alexandre Costa, membro de Siareiros Galegos, colectivo que tamén presentou unha iniciativa a prol da oficialidade para debater no Parlamento galego, ao igual que as organizacións vascas e cataláns fixeron nas cámaras vasca, navarra e catalá.
Os tres colectivos piden que os xogadores "poidan elixir con que selección queren competir sen seren sancionados"
Nas propostas, Siareiros e o resto de agrupacións solicitan a oficialidade das súas seleccións e a posiblidade de que “os xogadores e as xogadoras federadas poidan escoller con que selección competir, eliminando as posibles sancións actualmente vixentes por non acudir á convocatoria de España”. Os colectivos lembran que hai varios equipos no mundo que representan oficialmente a nacións sen Estado e critican que o Goberno central teña feito “presións diplomáticas e cambios nos estatutos dalgunha federación” para evitar que Euskadi, Galicia ou Catalunya competisen de maneira oficial nalgunha disciplina deportiva.
Alexandre Costa lembra que a situación en Galicia é “aínda peor” que a de Euskadi ou Catalunya, tras a negativa da Xunta de Núñez Feijóo de permitir os partidos amigables das seleccións galegas oficiais, aínda que aclara: “O como se facía antes dános un pouco igual porque os amigables son amigables e nós o que reivindicamos é que se somos nación e que queremos ser oficiais”.
"A situación en Galicia é aínda peor que en Euskadi e Catalunya tras a chegada de Feijóo á Xunta"
Siareiros Galegos leva anos organizando encontros de varias seleccións galegas, nomeadamente das de fútbol, pero o nulo apoio das administracións e dos estamentos deportivos impide que a eles acudan unha maioría de profesionais. “Se os medios de comunicación masivos te ocultan, se a Federación se encarga de que non poidan vir xogadores e se o Colexio de Árbitros prohíbe vir arbitrar, as marxes que nos quedan para a organización son complicadas”, denuncia Costa.