A iniciativa Por un Dépor en Galego aséntase na Rede coa creación da súa propia web, coa que pretende fortalecer "un punto de encontro do deportivismo" que está a prol de que o club mude o nome da cidade que figura no escudo "para que finalmente sexa A Coruña" e non La Coruña como aínda se mantén malia que o único topónimo oficial segundo a lexislación é o escrito na lingua propia.
A iniciativa estrea web logo de impulsar a recollida de sinaturas e a adhesión de peñas e seareiros á reivindicación
Así, e logo de cinco meses cunha petición activa en Change.org que anda preto das 1.800 sinaturas, o proxecto vén de activar a web deporengalego.org, onde seareiros e peñas poden adherirse a esta reivindicación" xa histórica no deportivismo". Segundo os impulsores da iniciativa, esta conta "con grande apoio de afeccionados e peñas que se están a achegar para participar no proxecto".
"A nosa meta principal é mudar o nome actual que aparece no escudo polo oficial da cidade. Queremos que no escudo se poida ler: A Coruña. Con este cambio tamén cambiaría o nome do equipo, polo que apostamos pola galeguización do mesmo, sendo Real Club Deportivo da Coruña", explican os creadores dun proxecto que tamén reclama "un amior uso do galego por parte do club nos seus comunicados", algo que mellorou moito nos últimos tempos, á espera da nova web da entidade branquiazul -rcdeportivo.gal-, que se atopa en construción. "Entendemos que se deben facer nas mesmas proporcións ente galego e castelán", insisten.
A campaña reclama o uso do topónimo oficial no escudo e que o club pase a ser o Deportivo da Coruña
Aínda que esta petición se iniciou a principios do verán e ten como obxectivo formalizarse antes de que remate o ano, os impulsores din ter "moi en conta a situación pola que está a pasar o deportivismo e o equipo", despois do asasinato do ultra deportivista en Madrid a mans do Frente Atlético, o que se une aos malos resultados deportivos e á difícil situación económica.
"A tensión que hai agora mesmo é moi forte e os ánimos non son os mellores, en comparación cos últimos anos. Máis con todo iso, queremos ser un novo alento polo que impulsar o equipo e devolverlle os ánimos ao deportivismo, que agora tanto os necesita", engaden, tras insistir en que a web pretende ser "punto de encontro" da iniciativa con toda a información que saia do tema e coa intención de que máis seareiros e peñas deportivistas se unan á reivindicación.