A resurrección de Fernando Vázquez

Vázquez celebra unha vitoria en Riazor © D. Sport

"Quero demostrar que Fernando Vázquez segue vivo", dixo o de Castrofeito nada máis aterrar no banco do Deportivo. E abofé que estaba vivo. Tanto, que fixo resucitar un morto como o club coruñes, abafado polas débedas, en concurso de acredores e a un milagre (ou algo máis) de saír dos postos de descenso. Case ninguén cría na remonta e a afección branquiazul conformábase con converter a desfeita que fora a tempada nun final digno para un conxunto que tiña un pé e tres cuartos do outro na Segunda División.

O Deportivo aínda pode acabar cos dous pés no inferno. Ten só dous puntos de marxe sobre o descenso e un calendario complicado de aquí ao final de Liga. Seis partidos nos que Fernando Vázquez e os seus determinarán se o milagre é completo ou queda a medias. Sexa como for, o club coruñés xa negocia co adestrador galego para que siga un ano máis no equipo (farao se o salva do descenso). Xogue onde xogue e nas condicións que sexa. Ninguén máis acaído para intentar recompoñer un equipo que deberá mirar máis que nunca á canteira e aos máis novos.

O Deportivo quere contar con Fernando Vázquez a vindeira tempada, aínda que o equipo descenda a Segunda División

"Ninguén me convencerá de que non podemos gañar de forma consecutiva a Celta, Mallorca e Zaragoza", asegurara Fernando Vázquez tras os seus catro primeiros encontros, unha xeira que empregou como pretemporada, consciente de que poucos lle ían esixir sacar algo positivo ante o Sevilla, o Real Madrid ou o Barcelona. E chegou o derbi. A vida ou morte. Unha derrota sentenciaba os coruñeses a Segunda e unha vitoria dáballe apenas algo de aire. Gañou o Deportivo. E venceu tamén a Mallorca e Zaragoza. O imposible estaba feito.

Marcando goles, remontando e xogando ben. Lanzados por uns seareiros implicados que rapidamente se identificaron cun adestrador que mostraba, cando menos, tanta paixón coma eles. Contra o Levante, na cuarta vitoria consecutiva, non dubidou en compartir a súa ledicia cos afeccionados nas bancadas. Coma un rapaz con zapatos novos. Como aquel adestrador que debutara en Primeira co Compostela. Aquel que corría pola banda en cada gol co Celta, como fai agora. O mesmo que levaba tempo soñando con adestrar en Riazor.

"O meu non é maxia, é traballo", reivindica o de Castrofeio, esquecido polo fútbol español durante anos

Logo de sete anos afastado dos bancos e esquecido -e incluso infravalorado- polo fútbol español, Fernando Vázquez volveu sorrir. Como nunca. "O meu non é maxia, é traballo", aclarou, malia que xa é visto na Coruña como o único artífice milagreiro da recomposición dun equipo que estaba roto, tanto no futbolístico como no anímico. Porque aí está o milagre, a de facer con case idénticos xogadores o que os dous anteriores técnicos non lograran nin soñar.

Vázquez ofrécese para liderar a renovación do Deportivo, baseándose na canteira e en xogadores galegos

"Non cheguei ao Deportivo na busca de diñeiro, viñen salvalo", insiste un técnico que chegou a ofrecerse para liderar o que sería unha "renovación" do club, obrigado pola difícil situación económica. Con xogadores da casa e da terra, paseniño, fabricando con xeito os alicerces do futuro. "Se os vascos, que teñen un territorio máis pequeno que o noso, poden xogar cos da súa canteira, por que non imos poder os galegos? Temos unha tara ou algo?", preguntábase ao pouco de chegar. Desde aquela, é raro o encontro do filial deportivista ao que non acuda Fernando Vázquez, consciente de que o ano que vén, en Primeira ou en Segunda, a clave será Abegondo.

Mentres, apóiase nun dos seus ídolos, Valerón -"para min en moitas cousas é mellor que Zidane", di- na busca do reto máis difícil: conseguir a salvación dun equipo que precisa, polo menos, gañar a metade dos partidos que lle quedan. Pase o que pase, Fernando xa demostrou que está vivo. Quédalle terminar de curar o enfermo. De recaer, o de Castrofeito seguirá sendo o encargado de menciñalo. Nada mellor que este mago para facelo.

Fernando Vázquez diríxese á bancada tras un adestramento © D. Sport

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.