Algo estraño e inusual acontece esta tempada na Segunda División española. Esta categoría, afeita a sorpresas e revelacións cada ano, converteuse desta vez na máis previsible que se recorda. Tanto, que os equipos que ocupan as seis primeiras prazas que dan dereito ao ascenso ou á promoción non son, nin máis nin menos, que os tres que descenderon de Primeira (Deportivo, Almería e Hércules) e máis os tres que xogaron hai oito meses o play-off (Celta, Valladolid e Elche).
E é esa previsibilidade a que deben ter en conta os nosos equipos. Porque aquí todos gañan. O Deportivo está nunha situación privilexiada e a súa traxectoria é case perfecta, pero será nos enfrontamentos directos nos que se decida esta Liga. Non hai máis. Igual lle ocorrerá ao Celta, que continúa na boa liña da pasada tempada e desta vez quere o ascenso directo a toda costa. Pero ninguén erra. Que dous equipos coa boa xeira que levan branquiazuis e celestes non se dean descolgado dos seus rivais é un bo síntoma do complicado que será o obxectivo. Ninguén chegará con todo feito ás cinco últimas xornadas. E ninguén poderá cantar vitoria antes de tempo. Queda case a metade da competición.
E si, móllome. Deportivo, Celta e Valladolid son os meus favoritos para regresar a Primeira. Coido que serán eles tres os que pelexen polos dous primeiros postos. E só agardo que sexan os nosos os que o acaden. Que haxa sorte.