A selección galega que xa non poderá ser

Once inicial da reestrea da selección galega en 2005 © R. Aguete

A selección galega disputará este sábado en Pontevedra un partido amigable contra o Curdistán. Será un partido afeccionado, organizado polos Siareiros Galegos e sen a presenza dos mellores futbolistas de Galicia. A negativa da Xunta á celebración deste encontro e o inexistente apoio do Goberno e da Federación Galega fai que só o compromiso de colectivos a prol da oficialidade dos combinados galegos manteña vivo un evento deportivo que pretendía converterse en tradición durante as festas do Nadal, pero que xa só o manteñen Cataluña e Euskadi no conxunto do Estado.

Máis aló das lóxicas connotacións políticas que arrodean a calquera encontro de combinados nacionais, o tradicional partido da selección galega que instaurara o Goberno bipartito serviu durante catro anos para facer rexurdir unha canteira que esmorecía no fútbol de elite. Claro exemplo foron os partidos disputados por un combinado feminino no que estrelas mundiais como Verónica Boquete se deron a coñecer aínda máis nun país que durante moito tempo deixou de lado a súa base para centrarse nos seus equipos (ou nos alleos).

"Os partidos da selección galega servíannos para promocionar o fútbol feminino; a raíz deles aumentáronse as fichas federativas", recordou Verónica Boquete

"Aqueles partidos foron unha maneira de chegar máis á xente, que é o que nos falta. A sociedade descoñece que hai unha liga e que as rapazas tamén xogan. Aqueles partidos servíannos para promocionar o noso deporte e a raíz deles incrementouse moito o número de fichas federativas e os clubs femininos", declaraba unha das mellores xogadoras do mundo a Praza"Os homes non necesitaban ese partido, pero nós si. Ao final, como tantas veces, o deporte mesturouse coa política e quen o acabou pagando fomos nós. A nós non nos importaba quen estivese no Goberno e quen montase o partido. Só queríamos xogar coa selección galega e promocionar o noso deporte para que a xente coñecese a nosa situación", engadía Verónica Boquete.

Pero son moitos os xogadores que tamén defendían aquel partido como unha forma de darse a coñecer, de reivindicar a canteira e de poder amosar que a súa calidade nada tiña que envexar á dos demais. E xusto agora que os futbolistas galegos destacan cada vez máis na Liga española e nos equipos do país, a súa valía queda sen un escaparate ideal.

Facer as convocatorias do combinado galego obrigaba a buscar a maioría de futbolistas fóra de Galicia

Naquel primeiro partido que supuxo a reestrea da selección galega en 2005, contra o Uruguai, destacaba a escasísima presenza de futbolistas dos dous grandes de Galicia, Celta e Deportivo. As convocatorias -tamén as que chegaron despois- nutríanse na súa maioría con xogadores chegados de calquera punto de España ou de Europa. E había que buscar moito para acabar conformando un equipo de calidade. Naquel debut en Compostela, dous mitos das canteiras celeste e branquiazul tiveron unha presenza testemuñal. Míchel Salgado xogou uns minutos malia os atrancos postos polo Real Madrid, mentres que Fran non puido disputar o encontro debido a unha lesión e xa na súa última etapa como deportista de elite.

Sobrarían futbolistas se fosen convocados todos os galegos de Celta, Deportivo e Lugo

Nestes tempos de agromar da canteira, abondaría cos futbolistas galegos de Celta e Deportivo para formar  unha selección galega dunha calidade máis que contrastada. Un once titular (e aquí cada afeccionado é un seleccionador) podería ser este: Sergio; Hugo Mallo, Insua, Túñez, Roberto Lago; Álex Bergantiños, Borja Oubiña; Álex López, Juan Domínguez, Toni; e Iago Aspas. Engádanlle no banco a Jonathan Vila, Seoane ou Dani Abalo, ou miren para o Lugo e aposten por Manu, Pablo Álvarez, Yoel, José Juan, Pita, Seoane, Iago Díaz, Iván Pérez ou Rubén Durán. Sobrarían futbolistas dos tres mellores equipos galegos da actualidade para facer unha convocatoria.

Sergio; Mallo, Insua, Túñez, Lago; Bergantiños, Oubiña; Álex López, Juan Domínguez, Toni; e Aspas. Un once titular cos galegos do Deportivo e do Celta

Pero hai moito máis. Na Primeira División xúntanse neste tempada futbolistas galegos como hai tempo que non ocorría. Diego López, Trashorras, Nano, Borja, Diego Castro, Fran Rico, Jonathan Pereira ou Rubén. E tamén en Segunda (Rochela, Mosquera, Julio Álvarez, Dani Mallo, Diego Mariño...) ou noutras ligas internacionais (Piscu, Denis, Pablo Couñago, Joselu, Iago Falque...).

No entanto, serán futbolistas de Segunda B e Terceira os que defendan a camisola da selección galega en Pontevedra. E farano coa dignidade do que non fai falta convencer para apoiar o fútbol da terra.

Once inicial da reestrea da selección galega en 2005 © R. Aguete
Galicia-Ecuador, en Riazor en 2007 © Siareir@s Galeg@s

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.