Óscar Pereiro, un arzuán de apenas 21 anos convértese nunha das promesas da natación profesional. Estre outras cousas compite na liga estadounidense National Collegiate Athletic Association (NCAA), onde se proclamou campeón da División II e conseguiu récord en 100 iardas costas, foi campeón de España en 50 e 100 metros costas no pasado 2012 e conseguiu récord de España en relevos nos Xogos Olímpicos do Mediterráneo en Turquía. Agora prepárase para Río 2016 non sen antes pasar polos xogos universitarios a nivel mundial que se celebrarán en Rusia a próxima semana. Toda unha promesa que tivo que marchar aos EUA en busca dunha oportunidade académica e deportiva pero sen esquecer nunca o Club de Arzúa nin o seu adestrador, de quen di que "non o cambiaría por nadie".
Cando comezas no mundo da natación?
Non empecei moi novo, comecei con 13 anos, o normal é empezar con 8, polo que se pode dicir que comecei tarde. Aquí no Club de Natación de Arzúa xa os hai con 5 ou 6 anos. Os meus inicios coincidiron cos inicios do club, o meu adestrador tampouco tiña os coñecementos necesarios xa que el era socorrista, adestrábamos só unha hora ao día... non era nada. Pero pouco a pouco, foi todo mellorando, o adestrador foi vendo as cousas que había que cambiar, e foi todo en aumento, tanto eu como o club.
Cando comezas a competición profesional?
Todo empeza cando vou para Pontevedra, ao Centro de Tecnificación Deportiva. En terceiro da ESO foime moi ben na natación e o seleccionador galego ofreceume a oportunidade de ir a este centro, no entanto, non iría ata cuarto. Nese tempo mellorara tanto que o adestrador case non me deu elección, tiña que ir si ou si, polo que fun para Pontevedra con 16 anos a adestrar e estudar o bacharelato. A este centro van os mellores deportistas de Galicia, e só de deportes individuais. A maioría xa fan os dous últimos cursos da ESO alí, polo que cando cheguei foi demasiado cambio, a maioría xa se coñecían de levar dous anos xuntos e sobre todo pasas de adestrar dúas horas ao día, cinco días á semana a adestrar seis ou sete horas ó día seis días á semana, é un cambio enorme.
E tras rematar o bacharelato das o gran salto a Estados Unidos...
Sí, ao acabar decidin facer unha carreira. Non quería quedar aquí polo feito de que eu en Pontevedra coñecía a xente que intentaba adestrar e estudar ao mesmo tempo, dedicaban o día enteiro a iso, non tiñan tempo libre e aínda así moitos non o conseguían. Eu sabía que algo tiña que estudar, pero tamén quería seguir adestrando, e eso en España era imposíbel. A quen menos lle gustou a opción dos EUA foi á miña nai, como pasará sempre. Pero todo foron beneficios dende que marchei, antes non tiña o nivel que teño agora, foi un pouco difícil encontrar unha universidade que me dese unha bolsa por deportes. A miña sorte foi que a universidade na que estou agora, University of Bridgeport, na súa hora comezaron un programa de natación, estaban buscando a moita xente e tiñan moitos cartos para investir. Colléronme a min e a moitos outros con bolsa completa. Foi xa no último momento, aceptei case sen mirar nin onde estaba. Alí pódome permitir sacar a carreira, no meu caso Enxeñaría Informática, sen apenas baixar dun 9 nas materias e ademais adestrar para as competicións cun mínimo de 20 horas semanais. Tanto académica como profesionalmente foi a mellor decisión que tomei ata agora.
"Económicamente axúdanme moito máis os Estados Unidos"
Tes máis oportunidades no mundo deportivo dende que estás nos EUA?
Si e non. Alí é un sistema diferente, hai máis mentalidade de equipo. Achégache outras cousas que aquí non terías, cando estaba aquí era outro lema: “fai as cousas para ti e non te preocupes dos demais”. Alí tiven a sorte de coñecer a dous adestradores bastante bos. Tiñan un método de adestramento que quizais funcionase mellor para min que o que estaba facendo aquí en Pontevedra. É un adestramento máis curto pero de maior intensidade.
En canto ao de abrir portas, non sei se se pode chamar así, pero para min foi unha gran oportunidade. Á vez que sacas unha carreira, practicas profesionalmente o deporte que che gusta e aprendes un idioma, abres a mente por así dicilo. Na miña universidade creo recordar que un 73% son estudantes extranxeiros, eu compartin habitación cun chinés, un xaponés, un colombiano e agora un polaco. Non hai nada mellor que viaxar para abrir a mente. Deportivamente tes máis oportunidades porque a vida alí permíteme adestrar moito, sobre todo cando o deportista comeza a sobresaír máis, que é a partir dos 18 anos. Despois vés aquí a un campionato e destacas máis, a xente valórate polo feito de estar fóra, pensan que en EUA adestramos as 24 horas do día, pero non é iso, é o conxunto. Téñeno moi ben montado para que saian moi bos deportistas.
"Aquí o lema era 'fai as cousas para ti e non te preocupes dos demais"
Valórante máis en España agora que cando marchaches para EEUU?
Por unha parte si, pero por outra non. Explícome, aquí en España hai unhas bases moi ríxidas. En cada proba pídenche unha marca e se o fas mellor ou igual que iso estás dentro, se non fóra. Dá igual que teñas o récord do mundo, esas probas son as que contan. Un exemplo foi o de Rafa Muñoz, ten récord do mundo en 50 metros mariposa e o ano pasado quedou fora das Olimpíadas porque o día das probas non estivo en condicións. É inxusto, porque podes ter un mal día, pero tampouco podes vivir de triunfos pasados. No seu caso creo que o deberan levar, xa que quedou a moi pouco da marca. O mundo deportivo en ocasións é demasiado exixente. Eu agora estou no tempo de facer esas marcas, antes non, por iso non me tiñan tanto en conta. A pesar de todo non valoran o suficiente aos deportistas, eu teño que vir de EUA a España para o campionato clasificatorio, pagando eu a viaxe, perder días de clase, etc. Eles non me axudan a pagar o billete, a pesar de que lles interese que acudamos tanto eu como moitos outros compañeiros que están polo mundo. Por así decilo, a vida dun nadador en termos económicos é moi difícil. Ademáis ao estar na universidade de EEUU con beca tes que ser deportista amateur, supostamente non podes estar cobrando nada, de ser así retirarianche a bolsa. Por esta razón hai rapaces moi bos que non se meten nun equipo universitario polo feito de que non poden cobrar. No momento de rematar a universidade xa te tes que buscar patrocinadores, pero vamos, nada co que te vaias facer rico, salvo que sexas un Michael Phelps.
E cando vas a unhas Olimpíadas?
Nese caso sí, vas a gastos pagos. A Federación Española paga o mínimo, porque a estancia xa a paga a o comité organizador. Tampouco é que teñan uns gastos incríbeis. Por exemplo, no caso dos Xogos Olímpicos do Mediterráneo que foron hai uns días en Turquía , como é unha competición recoñecida polo Comité Olímpico Español, teñen unhas recompensas por medallas. Se non entras nas medallas, como é o meu caso que quedei de cuarto, pois non cobras nada. Por apenas unhas centésimas quedas fóra. Non é unha cantidade enorme pero axudaría.
E polos recórds? En Turquía conseguistes o récord de España en relevos...
É diferente. Nós fixemos récord de España en relevos, pero entra noutra sección en términos de bolsas pola Federación galega e pola Federacion española. Danche puntos dependendo do récord que fixeses e á fin do ano dependendo do diñeiro do que dispoñan danche máis ou menos, pero non é prácticamente nada, é máis o recoñecemento. Depois pasa o de sempre, na Federación Galega por exemplo levan 3 anos sen pagar as bolas porque non hai cartos. As bolsas da Xunta, destinadas aos deportistas de alto nivel galego, rebaixáronas, se non me trabuco, de 400.000 euros a 40.00. Imaxina 40.000 euros para en torno a 160 deportistas galegos, non é nada. A min queríanme dar 130 euros que non me chega nin para unha cuarta parte do prezo de avión. Nas becas da Federación si me correspondería máis, pero levan tres anos sen dalas e sen vista a mellorar. Se non mas dan agora, para que as quero eu dentro de 10 anos? A min os cartos fanme falta agora, que é cando teño que pagar do meu bolsillo os 800 euros de avión cada vez que hai un campionato ou a unha competición clasificatoria. Para o ano que vén terei que pensar seriamente a que competicións vir, se non me dan máis axuda, eu non podo facelo.
"Na Federación Galega levan tres anos sen pagar as bolsas porque non hai cartos"
Parece entón que de España non recibes moitos apoios económicos...
En absoluto, económicamente axúdame máis EUA, pero con moita diferenza. A miña beca na University of Bridgeport son 46.000 euros ao ano co que cubro a matrícula, a estancia, as comidas e o material. Eu alí non pago nada, só os voos e os meus gastos extra. En catro anos son case 200.000 euros, esos cartos non os vexo aquí nin de broma. A cambio, eu represento a universidade en dous campeonatos ao ano dentro de Estados Unidos. Dependendo do ben que o fagas danche máis ou menos.
"Para o ano que vén terei que pensar seriamente a que competicións vir, se non me dan máis axuda, eu non podo facelo"
Que farás ao rematar a carreira?
Pois remato para o ano que ven, quedarían dous anos para Río 2016. Aínda está por decidir se quedo en EEUU ou volvo para Galicia. Por unha parte gustaríame vir aquí e demostrar que se pode facer con poucos recursos, que non fai falta ter unhas instalacións perfectas para estar nas Olimpíadas. De aquí hai outra cousa que me tira moito, son os rapaces do Club de Natación de Arzúa. Os nenos que veñen xunta min, me pregunten e me piden consello con tan so 5 aniños, iso non hai cartos que o pague, é unha satisfación que dubido que me pasara en ningún outro lado. Se estivese nun clube mellor, de mellores instalacións ou mellor adestrador igual non tería ese contacto cos máis cativos que me aportan unha motivación que necesito moitos días. Por exemplo, o outro día estaba moi canso, levaba xa moitas horas adestrando e descansei uns segundos fora da piscina cando vexo que ven un rapaciño e pregúntame "- Óscar, que che pasa? - Estou canso - Pero estar canso é bo, verdade?" Iso é o que sempre lle din os adestradores. A opción de quedar aquí só sería viable se dou clases de inglés ou de natación 2 ou 3 horas ó día. O xusto para poder sobrevivir e seguir adestrando.
Polo que vexo, é difícil adicarse exclusivamente á natación. Non te pon en inferioridade respecto a outros países?
Si, pero a maioría, como é o meu caso, facémolo por paixón polo deporte, non o facemos polos cartos, iso é secundario. Os cartos convértense en prioridade cando che impiden dedicarte exclusivamente e competir. É unha mágoa, non só por estar en inferioridade con outros países, senón por estar en inferioridade con outros deportes dentro do mesmo país, eso si é inxusto. Por exemplo, non creo que os futbolistas aguantasen moito na situación dos nadadores,... son os nenos mimados do deporte español.
"Non creo que os futbolitas aguantasen moito na situación dos nadadores, son os nenos mimados"
Gustaríache vivir disto?
Sí, hasta unha certa idade evidentemente. Gustaríame preparar a seguinte Olímpiada, Río 2016, no caso de que me saia ben igual penso en seguir outros catro anos ata a seguinte. Sobre todo gustaríame vivir da natación estes anos, penso que se o deixo agora arrepentiríame máis tarde. Por exemplo este verán puiden quedar traballando en EUA, ou facendo unhas prácticas, pero eso implicaría quedar sen adestrar. Traballar poderei aos 35 anos, pero nadar profesionalmente só agora.
Asusta Río 2016?
Para un deportista, sobre todo de deportes pouco coñecidos, é o obxetivo máximo. Estás catro anos preparándote para ese momento. Por exemplo, os futbolistas apenas lle dan importancia ás Olímpíadas, polo menos a selección. En cambio para nós é a única ocasión na que podes sacar algo.
Unha das túas especialidades, os 50 metros costas, na que fuches campión moitas veces, non é unha proba Olímpica. Con que especialidade irás máis preparado de cara ós Xogos de 2016?
Sí, é unha pena, no meu caso nos 50 metros costas xa podería ter nivel Olímpico, os 100 cóstame máis. Dixéronme que querían poñer os 50 costas nas Olimpíadas, pero non creo que chegue para Río 2016, polo que me centrarei nos 100 costas.