A 'Vuelta' máis galega... case sen galegos

Sen a obriga de traballar para Wiggins, este pode ser o momento de Froome Dominio Público Praza Pública

Ao igual que na edición do pasado ano, cando está a piques de comezar unha nova edición da Vuelta a España, bótanse de menos os tempos nos que o ciclismo galego, a través do Karpin Galicia ou do Xacobeo, comandados por Ezequiel Mosquera, eran uns dos grandes protagonistas da rolda. O protagonismo de Galicia neste ano reducirase ás súas estradas e paisaxes, con cinco etapas con saída no noso país, algunha delas que se prevé decisiva. En canto aos participantes, atopamos unicamente a Gustavo César Veloso, gañador dunha etapa en 2009, ausente na edición do pasado ano e que desta vez competirá co Andalucía.

Hai moitas esperanzas postas nesta Vuelta, con varios elementos aos que haberá que emprestar atención. A primeira é o regreso de Alberto Contador, que correrá a súa primeira gran carreira despois de completar a súa sanción. Cun percorrido moi montañoso, Contador debería ser o máximo favorito, aínda que chegará sen apenas días de competición nesta tempada. O outro gran protagonista é Chris Froome, segundo na Vuelta do pasado ano e segundo tamén no Tour 2012, nos que tivo que traballar para Bradley Wiggins; desta vez é o xefe de filas do Sky e, se mantén o estado de forma amosado na rolda gala, habería que consideralo o gran favorito para gañar.

Por detrás deles, podemos falar doutros aspirantes, dende Juanjo Cobo, gañador no 2011, e compañeiro de equipo de Valverde, dúbida até o último momento. Euskaltel, sen Samuel Sánchez, pon as súas esperanzas en Igor Antón, e dende logo haberá que contar con Purito RodríguezVan den Broeck, que tan boas sensacións amosou nas etapas de montaña do Tour.

Do percorrido chaman a atención dúas cousas: que se move unicamente polo norte de España e polo seu perfil montañoso, con apenas unha crono individual e seis chegadas en alto

Do percorrido chaman a atención dúas cousas: que se move unicamente polo norte de España (non baixará máis ao sur de Madrid) e polo seu perfil montañoso, con apenas unha crono individual e seis chegadas en alto. Entre as etapas que decidirán a Vuelta hai vellos coñecidos coma as subidas aos Lagos de Covadonga ou Valdezcaray e novas apostas coma o Collado da Gallina en Andorra (20 quilómetros ao 8%), o Porto de Ancares (un durísimo ascenso que completa unha etapa moi esixente entre Galicia e Asturias), o Cuitu Nergro (que completa a subida a Pajares e o converte nun porto de categoría especial) e de novo a Bola del Mundo na que hai dous anos Ezequiel Mosquera gañou a etapa e rozou a vitoria na Vuelta.

Tamén hai que salientar as cinco etapas que discorreran por Galicia nesta edición a partir do martes 28, xusto despois da primeira xornada de descanso:

  • Martes 28. Ponteareas - Sanxenxo (190 quilómetros)
  • Mércores 29. Cambados - Pontevedra (39,4 quilómetros. CRI)
  • Xoves 30. Vilagarcía de Arousa - Mirador do Ézaro (190,5 quilómetros)
  • Venres 31. Santiago de Compostela - Ferrol (172,8 quilómetros)
  • Sábado 1. Palas de Rei - Porto de Ancares (149,2 quilómetros)

Despois da etapa do martes, cun percorrido rompepernas que percorrerá o Baixo Miño, o Morrazo e o Salnés, a contrarreloxo que rematará en Pontevedra será decisiva, por ser a única de carácter individual e por marcar diferenzas antes das duras xornadas de montaña de Asturias. Falouse e falarase moito da etapa que finaliza no Mirador do Ézaro, pola súa beleza e pola dureza das súas rampas, nas que se espera un ataque de Purito Rodríguez, especialista neste tipo de chegadas.

A etapa que unirá Santiago e Ferrol prevese de transición, aínda que tendo en conta as dificultades que sempre existen para controlar unha carreira nas estradas galegas. E finalmente o sábado 1 de setembro comezará en Palas de Rei a primeira das tres etapas de alta montaña  consecutivas que marcarán a Vuelta: a inédita subida a Ancares completará unha etapa sen apenas descansos, con cinco portos de montaña e estradas estreitas.

Percorrido da edición 2012 © Vuelta a España
Gustavo César Veloso, gañador dunha emocionante etapa en 2009, é o único galego na rolda © Vuelta a España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.