Sinala que en Galicia hai “uns 150 practicantes” e que hai dez anos que se vén celebrando un “campionato galego”, pero é agora cando acepta que poida recibir axudas como o resto de deportes
A Secretaría Xeral para o Deporte, que dirixe o ex-presidente do Consejo Superior de Deportes José Ramón Lete Lasa, publica este luns no Diario Oficial de Galicia o recoñecemento como especialidade deportiva en Galicia do breaking, dentro da modalidade do baile deportivo, o que permite que as entidades que o practican poidan inscribirse no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia e ter acceso así a posibles axudas como o resto de deportes recoñecidos pola Xunta. A decisión prodúcese tres meses despois de que o pasado 7 de decembro o Comité Olímpico Internaconal confirmase o breaking como deporte olímpico para os Xogos de París 2024, nos que participarán 16 homes e 16 mulleres.
A Xunta salienta que "desde hai máis de dez anos vense celebrando un 'campionato galego' organizado polo colectivo cultural Vella Escola"
Segundo a resolución agora publicada no DOG, “en Galicia estímase que actualmente existen uns 150 practicantes de breaking. O lugar de práctica acostuma ser asociacións culturais ou clubs de baile privados e estímase en 10 o número de locais en que se practica o breaking. Neste senso, desde hai máis de dez anos vense celebrando un «campionato galego» organizado polo colectivo cultural Vella Escola”.
A Lei do deporte de Galicia establece o recoñecemento por parte da Xunta das modalidades e especialidades deportivas, entendendo as segundas como “aquela práctica deportiva que, malia non reunir os requisitos para ser considerada modalidade deportiva, ten singularidade na súa práctica, aínda que vinculada ou organizada dentro dunha modalidade deportiva tanto por razóns históricas da súa práctica como pola existencia dun elemento de práctica común a todas elas”.
O recoñecemento agora do breaking como especialidade dentro do baile deportivo permite a inscrición das entidades que o practican, “requisito indispensable para optar ás axudas, subvencións e asesoramento ou para a participación en competicións oficiais autonómicas”.
A nivel estatal o breaking é desde hai dous anos unha especialidade dentro da Federación Española de Baile Deportivo e en 2019 celebrouse o primeiro campionato estatal. A nivel internacional o breaking xa estivo presente nos Xogos Olímpicos da Xuventude de Verán de Bos Aires en 2018 xunto a outras 33 especialidades deportivas.