A Xunta recúa e mantén o seguro médico ao fútbol base galego

Lete Lasa inaugura un campo de fútbol na Arousa © Xunta

O fútbol base paralizado e uns 30.000 rapaces de entre 6 e 16 anos sen poder xogar nin adestrar. Ese é o escenario ao que se enfrontou o balompé galego logo de quedar sen seguro ao ser excluído do programa Xogade da Xunta e verse afectado tamén polos recortes que o Goberno galego está a levar a cabo en todos os seus ámbitos. Logo dunha xornada de incertidume, e tras a paralización de todos os torneos e prácticas, Administración e Federación veñen de chegar a un acordo polo que o fútbol dos máis cativos volve estar integrado no programa do que fora apartado. "Levántase a suspensión cautelar da actividade no fútbol base", confirmou o ente federativo.

O acordo, segundo anuncia a Federación Galega de Fútbol (FGF) nun comunicado, implica o cambio de compañía aseguradora para as categorías vinculadas ao programa Xogade. A xuntanza entre o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o presidente da FGF, José García Liñares, deu os seus froitos.

A Xunta decidira excluír o fútbol do programa Xogade polo elevado gasto que supoñen as lesións de tantos deportistas

Antes, cun comunicado urxente a Federación Galega de Fútbol informaba este domingo á tardiña a súa decisión de paralizar todas as competicións e adestramentos dos rapaces logo de que o pasado venres coñecese que a ampliación do programa Xogade -creado en 2009 para dar cobertura a todos os deportistas de entre 6 e 16 anos- excluía o fútbol por orde da Xunta. Ante a premura de tempo, o ente federativo acadou un acordo coa súa póliza privada -que cobre xuvenís e afeccionados- para non ter que suspender todos os torneos da fin de semana, pero optou por anunciar a suspensión de toda actividade para os máis pequenos desde este luns.

O desacordo chegaba tras unha xuntanza da Secretaría Xeral para o Deporte con todas as federacións deportivas, na que advirte de que o fútbol quedará excluído do programa Xogade polo elevado número de practicantes, accidentes e o excesivo gasto que supón para a Xunta. A cambio, o Goberno galego anunciaba que destinaría 300.000 euros á Federación Galega de Fútbol para que xestione o seu propio seguro, unha cantidade que, segundo o ente federativo, non é suficiente para satisfacer as peticións das aseguradoras, o que obrigaría a un copago que terían que asumir os clubs e, xa que logo, as familias dos pequenos na maioría dos casos. Así, José García Liñares, alcalde de Cerceda e presidente da federación, insiste en que só aceptará  un acordo no que a achega da Administración consiga cubrir todos os gastos.

A Administración optaba por achegar 300.000 euros para que a Federación xestione o seu seguro, pero a subvención non cobre o todo o gasto

Do mesmo xeito, a Federación amosou o seu descontento polo feito de que, segundo denuncian, se anunciase de súpeto a suspensión da cobertura, malia que a Xunta aprazara a decisión para mediados de decembro á espera dun acordo por parte do ente federativo. A noticia colleu por sorpresa a Liñares, que decidiu suspender todas as competicións e adestramentos para evitar riscos.

José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte, defendeu na Radio Galega a postura da Xunta, asegurando que a Federación si coñecía con detalle a situación. Así, convocou a unha reunión a Liñares para a mañá deste luns na que se buscou chegar a un acordo que posibilite que os 30.000 rapaces afectados volvan aos campos de fútbol. Logrouse, á espera de que ambas as dúas partes expliquen os detalles sun acordo que posibilita o reinicio dos adestramentos e da competición.

Lete Lasa inaugura un campo de fútbol na Arousa © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.