Disque a xustiza non é tal se é lenta. A Audiencia Nacional vén de anular catro anos despois a sanción imposta polo Comité de Competición da Federación Española de Ciclismo a Ezequiel Mosquera por un suposto positivo e obriga a que lle sexa restituído o segundo posto na Vuelta a España de 2010, así como a súa épica vitoria na etapa da Bola do Mundo, a penúltima tirada na que loitou con Nibali polo triunfo xeral na carreira.
A xustiza dálle a razón a Ezequiel máis de catro anos despois tras verse obrigado á retirada e logo de perder o seu mellor contrato
Catro anos despois da retirada á que o obrigou aquela sanción de dous anos, Ezequiel Mosquera recibe algo de xustiza. Pero será difícil que o dano que lle casusou aquela inhabilitación de finais de 2011 -ratificada polo Comité Español de Disciplina Deportiva- sexa reparado algunha vez. De feito non o será nunca. Acabaron coa súa carreira, impedíronlle cobrar o seu último gran contrato nun equipo holandés que apostara por el e vetárono nas grandes carreiras, a onde acudía por primeira vez coa intención de ser un dos grandes protagonistas. De súpeto, Galicia -que acababa de quedar sen o seu equipo ciclista- quedara tamén sen o seu grande ídolo na estrada.
A Ezequiel Mosquera abríraselle un expediente tras detectarse un resultado anómalo por "hydroxyethil starch" na edición de 2010 da Vuelta a España. Nun principio a propia UCI advertiu ao corredor galego que non se preocupase porque o asunto non ía ir demasiado lonxe e unha posible sanción sería mínima e de escasos meses. Ezequiel acababa de fichar polo Vacansoleil cun contrato inmellorable e co Tour de Francia como a súa gran ilusión.
O proceso dilatouse con Mosquera sen competir mentres outros corredores sinalados corrían e eran defendidos por autoridades e Federación
Pero aquel pesadelo dilatouse de maneira incomprensible. O Comité de Competición da Federación Española non daba resolto o caso e Mosquera denunciaba as múltiples irregularidades, que facían pensar na invalidez do proceso. Abriron os botes coas súas mostras, enviáronse a Alemaña sen avisar o ciclista e, desde o principio, ninguén tivo en conta a presunción de inocencia. Non corría malia non estar sancionado por temor a enfrontarse á UCI, contra a que Ezequiel cargou con dureza nunha extensa entrevista en Praza, na que deixaba clara a súa sensación de soidade e desleixo por parte das autoridades ciclistas e deportivas españolas.
Mentres outros corredores ilustres, con iguais ou maiores sospeitas de dopaxe, seguían correndo e eran defendidos en bloque por medios, autoridades e administracións, Ezequiel Mosquera sentiuse abandonado. E cabeza de turco. Ante os indicios que indicaban que o seu caso se utilizou -e se fixo coincidir en determinadas datas- para tapar ou minimizar polémicas que arrodeaban a Alberto Contador, o ciclista de Teo foi todo o claro que puido neste medio. "Só lle pido á xente que mire as datas do día no que se filtrou a noticia e do día no que sacaron a resolución, 14 meses despois e a semana antes de que toda a Federación fose a Suíza a apelar a sanción a Contador. Estou farto de falar dese circo", asegurou.
O día no que se filtrou o seu suposto positivo, meses despois, coincidiu coas datas nas que se revelou a presunta dopaxe de Contador
Foi daquela cando chegou a sanción: dous anos sen competir e unha sanción de máis de 275.000 euros que logo a UCI elevou a máis de 300.000. Unha das máis altas da historia do ciclismo. Ademais, non se computaba o ano que xa levaba retirado por obriga e, con 36 anos xa, decidiu abandonar.
Deixou a estrada pero non a pelexa. Loitou nos xulgados e máis de catro anos despois daquela histórica Vuelta a España, a Audiencia Nacional dálle a razón e anula todas aquelas resolucións. No ditame considera que se vulnerou a súa presunción de inoncencia, o principio de tipicidade e que a Federación Española foi en contra do propio regulamento antidopaxe da UCI. Agora deberá decidir se esta pequena redención deportiva é dabondo ou se buscará tamén unha compensación por todo aquilo que perdeu. Nada pagaría a oportunidade perdida do que se convertera no grande ídolo dun ciclismo galego que, como el mesmo di, "quedou orfo".