Acordo histórico no deporte galego: Deportivo e Liceo unen as súas marcas

Nace o Deportivo Liceo © RC Deportivo

Hemeroteca

Unha revolución no deporte galego e coruñés. Desde este luns, o Hóckey Club Liceo, a entidade deportiva máis laureada en Galicia, pasa a denominarse Deportivo Liceo. O club branquiazul patrocinará o verdibranco, unindo así as marcas de dous dos equipos con maior impacto social e en palmarés do país. 

O Liceo pasa a denominarse Deportivo Liceo; o club de fútbol convértese en patrocinador do histórico equipo de hóckey

O obxectivo, segundo aclara o Deportivo nun comunicado, é a “unión nominal” de ambas marcas no mundo do hóckey, “buscando potenciar o deporte local e ter máis calado como entidades”, tanto na cidade como no deporte a nivel galego e estatal. E pon unha solución, polo menos temporal, á difícil situación económica pola que pasa o Liceo. 

O acordo, que foi detallado esta mañá en rolda de prensa, supón que o Deportivo, a través da súa Fundación, convértese en patrocinador do Liceo, aínda que ambos clubs manteñen a súa total independencia xurídica e económica. “Desde agora e durante o próximos catro anos e medio, tempo de mandato das actuais directivas de ambas as entidades, o club de hóckey pasa a denominarse Deportivo Liceo e a vestir de branquiazul, conservándose, iso si, a histórica camiseta verde e branca como segundo equipamento de todos os equipos”, aclara. 

A cuestión da camiseta é o que máis polémica pode provocar na afección liceísta, aínda que o presidente do club foi claro: "A situación é a que é e se queremos seguir adiante temos que facer certas concesións". 

“Con este acordo de patrocinio unen a súa forza de marca os dous clubs máis importantes de Galicia”, destaca o Deportivo, que aclara que a vinculación é “máis visible a nivel de imaxe e marca” pero que se completa cunha “dotación económica” a través da Fundación, así como dunha serie de servizos que a entidade branquiazul proverá ao Liceo: oficinas e salas de reunións no Estadio de Riazor, uso de instalacións da DéporClínica, apoio en servizos médicos e de fisioterapia, un espazo na tenda oficial e coordinación na proxección pública e social de ambos equipos. 

A Fundación Deportivo fará unha achega económica ao Liceo, que gozará de diferentes servizos da entidade branquiazul

O importante acordo chega tras a mudanza que se acaba de dar na directiva do Liceo nas últimas semanas. O novo presidente, Daniel Echevarría, substituíu na presidencia a Eduardo Lamas e encabeza unha directiva que inclúe históricos como os ex-xogadores José Luis Huelves ou Willy Duarte. 

O obxectivo de conseguir que a entidade volvese ser “todo o relevante que foi”, os novos xestores apostaron por facer unha campaña de socios que leve máis xente aos partidos, fortalecer as relacións con outros clubs, apostar aínda máis polo equipo feminino (que tamén xoga na máxima categoría do hóckey estatal) e reforzar as categorías inferiores, base dun club que conta con máis de 180 pequenos na súa canteira.

Foto de familia de todos os equipos do Liceo © HC Liceo

Este acordo de patrocinio supón que o Liceo torne, de facto, nunha sección do Deportivo, malia manteren ambas entidades a súa independencia. A recuperación das seccións no club branquiazul foi sempre unha das aspiracións da directiva que preside Tino Fernández. A entidade tivo importantes equipos en atletismo, hóckey, rugby, balonmán ou ciclismo, onde obtivo mesmo unha Vuelta a España en 1942 con Julián Barrendero. Delio Rodríguez, o corredor con máis etapas gañadas na carreira, tamén formou parte da entidade coruñesa. 

O Liceo é o club máis laureado de Galicia e posúe todos os títulos que se poden gañar no hóckey sobre patíns

A posibilidade dun acordo entre Deportivo e Liceo foi un tema recorrente sempre, sobre todo desde que a nova directiva advertiu da necesidade de reforzar o apoio a un club que ten no seu palmarés todos os títulos posibles que se poden obter no hóckey e que resiste na elite dun deporte con raizame catalá e no que a maioría dos equipos teñen a súa sede en Catalunya. 

O Liceo, nado no colexio do mesmo nome hai máis de 45 anos, levantaba o seu primeiro título só dez anos despois da súa fundación: unha Copa do Rei ante o Reus en Alcoi, que se completaría nesa mesma tempada cunha Copa CERS. Desde aquela, acumula 7 campionatos de Liga, 9 copas do rei, 6 copas de Europa, 3 copas Cers, 5 copas intercontinentais, 1 Supercopa de España ou 6 Supercopas de Europa. Polo seu equipo pasaron algúns dos mellores xogadores da historia, como o mítico arxentino Daniel Martinazzo. 

Ademais, da súa canteira e da importante base que o hóckey ten na Coruña xorden acotío xogadores que nutren destacados equipos de Europa e España, así como o primeiro equipo do club. Na actualidade, os galegos Dava Torres ou os irmáns Lamas son parte fundamental dos éxitos dunha entidade que ten o seu equipo filial nos primeiros postos da segunda categoría do hóckey. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.