Animar non é berrar: pola igualdade no deporte de base

Foto de grupo dos e das participantes Dominio Público Praza Pública

O Proxecto IRIS é unha iniciativa na que universidades de diferentes países de Europa colaboran para promover a participación igualitaria no deporte de base, loitando contra a discriminación, o racismo e os incidentes violentos. En IRIS, financiado pola Unión Europea dentro do Programa Erasmus +, participa o grupo Stellae da Facultade de Ciencias da Educación da USC, xunto co Centro Rexional de Formación Profesional e Aprendizaxe Permanente (RCVTLLL) da rexión de Grecia Occidental; a Universidade Konstantin Preslavski de Shumen (Bulgaria); a Universidade de Jyväskylä (Finlandia); a Asociación Deportiva Oltalom (Hungría) e a Hellenic Open University (Grecia).

De IRIS saíron xa diferentes recursos, como un cómic, un videoxogo, unha curtametraxe infantil e un curso de formación para o profesorado ou adestrador/a que desexe afondar un pouco máis nun ámbito "no que aínda falta moito por traballar", destacan.

En novembro o proxecto organizou un evento en Compostela, no IES Arcebispo Xelmírez I, no que participaron ao redor de 350 persoas. O acto, titulado Animar non é berrar, foi conducido pola actriz Isabel Risco e nel participaron Javier Masaguer, speaker do Rio Natura Monbus Obradoiro; Raquel Suárez Pedrosa, atleta do Ría Ferrol – Concepción Arenal; e o xinete paraecuestre con discapacidade visual Jonathan Barral Otero. Ademais nas conversas interviron alumnos e alumnas, profesorado, nais, pais e formadores e formadoras. Ademais, centros de ensino, clubs e federacións deportivas de toda Galicia recibiron información sobre o Proxecto IRIS con motivo da celebración de Animar non é berrar.

"Os incidentes de discriminación e racismo no deporte de base constitúen unha nova praga que debe abordarse con urxencia dunha maneira á vez efectiva e creativa. Dado que os deportes son unha parte integral da nosa sociedade actual, o impacto destes incidentes pode ser enorme nas nosas sociedades e especialmente en nenos de pouca idade, que teñen aos atletas profesionais como modelos a seguir", destácase dende Proxecto IRIS.

Adriana Gewerc, membro do Grupo Stellae, destacou que "a discriminación, o racismo e a violencia adquiren cada vez máis protagonismo no deporte base; queremos cambiar esta tendencia, traballar con todos os axentes educativos e basearnos principalmente na prevención, evitando a aparición do problema, non actuando cando xa existe”.

 

Javier Masaguer e Isabel Risco con Raquel Suárez Pedrosa e Jonatahan Barral Dominio Público Praza Pública
O acto foi presentado por Isabel Risco Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.