Antón Ruanova: "O deporte en España acabarase en tres ou catro anos"

CC-BY-SA Praza Pública

Antón Ruanova proclamouse a pasada fin de semana subcampión de España de tríatlon. Tan só unhas horas despois, e "coa forza" que lle deu ese éxito, decidiu denunciar a falta de medios e apoio que recibe da Federación Española (Fetri). Censurou unha situación pola que tamén pasan milleiros de deportistas e que exemplifica a realidade dunha morea de disciplinas minoritarios en España, cuxa capital aspirou sen éxito a organizar os Xogos Olímpicos de 2020. "Unha boa metáfora do que está a ocorrer", di.  "Negocio redondo para a Fetri. Realidade ruinosa para o deportista", así titulou este santiagués na entrada dun blog que multiplicou as súas visitas.

Nun duro escrito, Ruanova asegura que mentres na directiva da Federación hai tres persoas que cobran 66.000 euros ao ano, o organismo "reduce de xeito drástico o diñeiro achegado á xente que lles dá de comer". Así, o triatleta denuncia que a Fetri só paga viaxes de deportistas a tres probas durante o ano (Europeo, final do Campionato do Mundo e proba mundial de Madrid), mentres que o resto de probas do Campionato do Mundo, copas do Mundo ou copas Continentais, que son necesarias para acceder ás competicións de máximo nivel, corren a cargo dos deportistas, que teñen que pagar a inscrición, a viaxe e o hotel "para representar á Federación no Campionato do Mundo e correr coas cores e os patrocinadores desta mesma Federación".

Ruanova denuncia o "negocio redondo" da Federación de Tríatlon, que fai pagar os deportistas os gastos para competir "coas cores e os patrocinadores" dela

Ese foi o seu caso. Pagou do seu peto a participación en maio na Copa do Mundo de Huatulco, en México. Puxo 1.500 euros e acadou o sexto posto nunha das probas máis duras do mundo. Co premio económico, case "cadrou gastos" e solicitou á Federación competir nas WTS de Ktzbuehel, onde había unha praza libre. Dengáronllo por, segundo eles, non cumprir os criterios, malia si cumprir os requirimentos da Unión Internacional de Tríatlon. "Quedo na casa. Subcampión de España dúas veces ao que non deixan debutar na máxima división do deporte malia asumir eu os gastos", denunciou.

"Non sinto ningún apoio da Fetri. Non me refiro a apoio económico, xa que sendo subcampión de España non recibo nin un só euro pola súa parte, senón por todos os obstáculos que a pon ao noso desenvolvemento deportivo e persoal (...) Isto non ten sentido. Un organismo con salarios profesionais para xestionar un diñeiro que non chega a uns deportistas ridiculamente amateurs", remata.

Antón Ruanova aclara agora a Praza as razóns da súa denuncia e dunha situación que, por desgraza, é compartida por centos e milleiros de deportistas en Galicia e no Estado. "Quero que a xente coñeza esta realidade", di o triatleta, que asegura que a Federación denuncia unha redución do 40% de axudas por parte do Consello Superior de Deportes (CSD) mentres "o presidente dobra o seu soldo a principios de ano".

Para Ruanova, o problema é a "falta de unión no tríatlon" e destaca que ningún compañeiro se "molestou" en escibirlle para interesarse pola situación. Segundo di, neste deporte -como noutros- a maioría ten que buscar os seus recursos ante a falta de medios. "Cada un mira polo seu, pero se nos unísemos varios e exixísemos unhas condicións mínimas, isto cambiaría", engade, tras denunciar o "manipulables" que son os deportistas, algo do que se "aproveita a Federación".

"O CSD concede as axudas e debería controlar onde se invisten eses cartos", reclama

Pero o triatleta compostelán vai máis aló. "Se é o CSD o que dá as axudas, tamén debería ocuparse de fiscalizar esas subvencións e ver en que se invisten eses cartos", di. "Non me entra na cabeza que a maioría dos gastos vaian destinados ao persoal da Federación e non aos deportistas e á base, pero aquí o que hai é moito politiqueo e amiguismo", continúa tras denunciar a vista gorda que os organismos deportivos fan sobre as actuacións da directiva da Federación de Tríatlon.

Ao tempo que se suceden denuncias como a de Antón Ruanova entre centos de deportistas de nivel, a candidatura de Madrid 2020 carga contra o Comité Olímpico e unha suposta persecución a España logo de que a capital do Estado non fose elixida para acoller os Xogos. Para Ruanova, a situación "é unha boa metáforma do que pasa no deporte e na sociedade española".

"Dábame a risa o espectáculo montado polos Xogos; calquera que saiba un pouco de deporte sabe que era imposible que llos desen a Madrid"

"Dábame a risa ver o espectáculo que se montou cos Xogos. Calquera que saiba un pouco de deporte sabe que era imposible que lle desen os Xogos a Madrid", asegura. "Un lugar onde non fan máis que saír casos de corrupción e que ten os problemas que ten coa dopaxe... Na operación Puerto recoñeceuse que se destruíran probas; os medios de aquí calan as cousas, pero a prensa de fóra estaba escandalizada", insiste. "Desde dentro sabíase que era imposible que elixisen Madrid, pero no fondo quedaba esa pequena esperanza de que entrasen cartos para as federacións e que, dalgunha maneira, fose positivo para os deportistas", engade.

O futuro, para Antón Ruanova, é negro. Moi negro. "O deporte en España acabarase en tres ou catro anos e só quedarán as disciplinas máis grandes. Non sei si desaparecerá de todo, pero a nivel profesional a situación vai ser catastrófica", remata este subcampión de España de tríatlon que puxo voz e cara ás queixas que se acumulan entre milleiros de deportistas. Só hai que botar unha ollada ás diferentes disciplinas que, desde que comezou a crise, ven como se lle acaban os recursos e as posibilidades de asentar a base. "É un espello de como funcionan as cousas en España, onde todo se fai por amiguismo", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.