Campioas olímpicas. As galegas Sofía Toro e Támara Echegoyen acadaron a medalla de ouro logo de vencer a tripulación australiana na final da clase Elliott. A coruñesa e a pontevedresa, xunto a asturiana Ángela Pumariega, gañaron 3-2 nunha apertada rolda final, polo que suman o terceiro metal para Galicia nos Xogos de Londres, tras as pratas de David Cal e Javier Gómez Noya.
A falta de vento case deixa sen opcións ás galegas, que acabaron dando a sorpresa e gañando o ouro
Nunha emocionante rolda final, a delegación española xogouse todo na última regata cun 2-2 no marcador. Dominaron e, ademais, víronse beneficiadas por unha sanción ás australianas, que lles permitiu aumentar a vantaxe e acadar o Olimpo no campo de regatas londiniense. As galegas clasificáronse para a final de impoñerse o pasado venres a Rusia 2-1 nunha terceira regata decisiva que a piques estivo de suspenderse por falta de vento. Se así fose, o equipo da delegación española sería eliminado logo de perder anteriormente na Round Robin.
Este sábado, na final contra Australia á mellor de cinco regatas, as galegas cumpriron o que semellaba un soño hai tan só uns meses. Sofía Toro, con tan só 21 anos, convértese ademais nunha das deportistas máis novas en conseguir un campionato olímpico, mentres que xunto a súa compañeira Támara Echegoyen poderán presumir xa de ser as primeiras deportistas galegas en acadar tal fito.
Begoña Fernández, bronce en balonmán
A mala noticia chegou con Teresa Portela. Non porque o fixese mal, nin moito menos, senón porque quedou a tan só 128 milésimas do seu soño. A padexeira de Cangas rematou cuarta -a peor posición posible nuns Xogos- na final de K-2 200 metros, a un só suspiro da húngara Natasa Douchev-Janics, mentres que o ouro foi para a neocelandosa Carrington. O bronce non chegou e, malia que se amosou forte, a galega rompeu a chorar tras aa proba consciente do pouco que lle faltara para tocar metal.
Pero houbo boas novas, como a que protagonizou a viguesa Begoña Fernández, unha das estrelas da selección española de balonmán, que acadou a medalla de bronce logo dun apertado e sufrido partido ante Corea do Sur. Logo de dúas prórrogas, o conxunto español gañou 29-31.