En pleno derrubo do réxime de Mussolini, 1943 non foi un ano doado para ningunha cousa en Italia. Tampouco para o ciclismo. Esa temporada o campión nacional foi Mario Ricci, gañador dunha carreira na que faltaban os máis grandes competidores. Fausto Coppi, na altura estrela emerxente e gañador xa dun Giro, estaba preso dos británicos nun campo de concentración en Túnez, despois de ter participado de mala gana e botando tiros ao aire na batalla de Cabo Bon. Gino Bartali deixara de competir e dedicaba os seus días a finxir que facía recados en bici para a policía militar, mentres traficaba en segredo con salvocondutos que permitirían escapar dos nazis a ducias de xudeus. E Fiorenzo Magni, sempre o terceiro en discordia, participaba activamente na guerra formando parte das sinistras brigadas negras da República de Salò.
Carreiras seguíaas habendo, moitas veces atravesadas polo caos no que vivía o país, invadido polos británicos ao sur e en continua tensión cos amigos alemáns ao norte. Unha desas competicións era o Campionato Nacional do Mozos Fascistas, no que competían promesas vestidas con traxes convenientemente adornados de insignias mussolinianas. Eran os restos da mocidade italiana que aínda non fora enviada á fronte de batalla, na que se acumulaba derrota tras derrota.
"Mentres cruzaba a meta, o fascismo caía", contou Pugnaloni moito tempo despois. Cando se convenceu de que non tiña sentido reclamar o galardón, arrincou do traxe a insignia fascista, tirou con ela e marchou
O Campionato Nacional do Mozos Fascistas de 1943 disputouse o 25 de xullo e nel destacou un mozo de Ancona chamado Ubaldo Pugnaloni, que despois da guerra sería un dos máis valiosos gregarios de Coppi. Era unha tarde calorosa, como recordou anos máis tarde o corredor. Mentres el se destacaba do grupo de competidores, nunha finca ao norte de Roma Mussolini era arrestado polos compañeiros de partido, convencidos de que na guerra había que cambiar de bando. O Duce era deposto como líder do país despois de 21 anos gobernando con man de ferro. A noticia debeuse espallar rápido polo resto de Italia, porque cando Pugnaloni cruzou a liña de meta non había alí ningunha autoridade do réxime para darlle premio ningún. As ratas, o barco e todo iso.
En cuestión de horas, o ciclista convertérase en campión dunha mocidade que xa non existía máis. "Mentres cruzaba a meta, o fascismo caía", contou moito tempo despois nun libro sobre os axudantes de Coppi. Cando se convenceu de que non tiña sentido ningún reclamar o galardón, actuou como lle pedía o corpo: arrincou do traxe a insignia fascista, tirou con ela e marchou: "Non tiña tempo nin para ducharme, nin para cambiarme nin para descansar, así que collín a bici e marchei á estación, paguei o billete e volvín á casa". Cando baixou do tren, Ancona era unha festa.