As seleccións de rugby de Galicia e Euskadi xogarán en Lugo en maio

Partido da selección galega cadete Dominio Público Praza Pública

Hai selección galega. De rugby. E este 11 de maio xogará en Lugo ante a selección de Euskadi. Será ás 5 da tarde no Estadio Gregorio Pérez Rivera nunha xornada na que o partido non será o único evento, senón que haberá actividade diversas ao redor deste deporte, entre eles o encontro de seven feminino Galicia-Euskadi, música e un animado terceiro tempo.

O adestrador da selección galega, David Losada, que adestra tamén a Os Ingleses R.C. de Vilagarcía, deu a coñecer a preconvocatoria de 35 xogadores, dos que finalmente serán 22 os convocados (a convocatoria definitiva coñecerase o 6 de maio). Entre eses 35 preseleccionados destaca a presenza dos internacionais por España Francisco Usero, Alejandro Blanco e Adolfo Rodríguez, os tres xogadores do Universidad de Vigo, ou Pablo Enríquez do CRAT. Estará tamén presente Carlos Parrado, que actualmente milita na liga vasca, no Guernika R.T., e que xogou en varias ligas europeas. E por riba de todos eles, destacará a presenza de Carlos Blanco (Universidad de Vigo), xogador de pai galego que naceu e se formo en Australia, sendo internacional na selección dese país nas súas categorías inferiores, e que xa foi internacional con España en categoría seven e absoluta.

Ao longo do día haberá carpas de seleccións e equipos, recepción de afeccións, zona de ocio para nenos e adultos, merchandising, bar e restaurante con produtos típicos de Lugo. Ás doce xogarase o partido de seven feminino Galicia-Euskadi. Tamén se presentará a nova camiseta para a próxima tempada da selección de Galicia de Rugby. Despois do encontro entre as seleccións absolutas haberá música e un animado terceiro tempo entre equipos e seareiros.

Cartaz do partido © Federación Galega de Rugby

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.