Aspas salva un punto para o Celta

Álex López loita cun xogador do Athletic © celtavigo.net

O Celta empatou 1-1 este venres ante o Athletic Club de Bilbao en Balaídos grazas a un gol de Iago Aspas no minuto 84 que igualaba o marcado por De Marcos no final do primeiro tempo. O dianteiro de Moaña puido xogar tras ser retirado o cartón que viu ante o Levante, igual que Jonny, e marcou o seu primeiro gol trala sanción de catro partidos. O Athletic puido sentenciar na segunda metade, especialmente cun remate a porta baleira errado de xeito incomprensible por Aduriz, pero ó final o Celta sacou un empate.

O conxunto celeste suma sete puntos dos últimos nove e iguala co Deportivo a 31, aínda que se mantén antepenúltimo en zona de descenso á espera do que ocorra na xornada desta fin de semana. Agora terá que xogar dous dos catro partidos que lle faltan na vindeira semana, xa que o mércores recibe ó Atlético de Madrid en partido adiantado pola final da Copa do Rei e o domingo visitará ó Betis.

O Celta puido empatar logo de que o Athletic errase varias ocasións claras

O gabonés LevyMadinda, que suplía ó sancionado NatxoInsa, foi a principal novidade no once do Celta e xogou o seu primeiro partido na liga coma titular. Bellvís supliu ó tamén sancionado Roberto Lago, e Abel Resino volveu apostar por tres homes no centro do campo con Álex López nunha posición máis adiantada. O Athletic de Bilbao fíxose cedo coa iniciativa e contra os dez minutos empezou a xerar perigo na portería céltica, primeiro cun disparo alto de De Marcos e despois cun remate de cabeza ó traveseiro de San José á saída dun córner.
O Celta, que non era quen de saír coa pelota xogada, comezou a espertar a partir do cuarto de hora de choque, cando gozou da súa primeira posesión longa. Non obstante, non foi ata o minuto 26 cando comezou a inquietar a portería de Gorka Iraizoz.

Un disparo de Iago Aspas coa dereita, un lanzamento de falta de Álex López e outro disparo de Krohn-Delhi obrigaron a intervir ó meta visitante nos seguintes seis minutos. Pouco despois, á saída dun córner, Álex López cabeceaba ó traveseiro e un xogador visitante abortaba o posterior remate de Túñez. Gorka tivo que volver intervir para deter un disparo de Iago Aspas que tocara nun defensa dos vascos. O Celta medrara no terreo de xogo tras un inicio pouco alentador e chegaba ó final da primeira metade roldando o gol. Augusto tamén o intentou cun disparo ó lateral da rede, pero na seguinte xogada, taconazo de Iturraspe, gran pase de Adúriz ó espazo e gol de De Marcos. O Athletic poñíase por diante no minuto 43, gol psicolóxico ó fío do descanso.

Augusto foi o primeiro que probou na segunda metade cun disparo despexado por Gorka Iraizoz. O Athletic respondeu cun remate de cabeza de Adúriz despexado por Javi Varas. Aspas tamén remataba de cabeza de costas lixeiramente alto un centro de Krohn-Delhi. O encontro estaba igualado e o perigo sucedíase nas dúas porterías.

Uns 25.000 afeccionados apoiaron o Celta no día das peñas en Balaídos

Ibai entraba por Iturraspe no Athletic e Orellana por Álex López no Celta antes de que os visitantes contasen coas ocasións máis claras para sentenciar o partido pasado o cuarto de hora do segundo acto. Primeiro foi unha falta do ingresado Ibai detida por Varas, despois un disparo ó traveseiro nunha contra do propio Ibai, e logo, tras unha gran xogada pola dereita, Adúriz rematou fóra a porta baleira unha asistencia de Muniain. Erro incomprensible do punta vasco, ó que lle seguiu outro tiro alto en boa posición de Ibai Gómez. Entre medias, Abel buscara máis presenza arriba metendo a Bermejo por Krohn-Delhi, e seguindo co dobre pivote defensivo, incuestionable no encontro para o adestrador manchego.

O tempo pasaba e as présas facían acto de presenza en Balaídos. Intentouno Bermejo primeiro cun disparo desde lonxe e despois cun remate de cabeza nun córner que causou unha fenda na cabeza de Gurpegui, aínda que puido continuar. Abel esgotaba trocos metendo a Toni por Augusto, mentres Llorente entraba por Adúriz no Athletic. No minuto 84, Iago Aspas levouse con dificultades un pase de Orellana, e cun disparo cruzado coa zurda marcou o gol do empate. Ámbolos dous conxuntos buscaron a meta rival nos últimos minutos, o Celta tivo un remate de Jonathan Vila e outro de cabeza fóra de Borja Oubiña, pero ó final o marcador non se moveu. Na noite viguesa tamén destacou o aspecto de Balaídos, que contou con case 25.000 persoas no día das peñas animando ó seu equipo na loita pola permanencia.

Álex López loita cun xogador do Athletic © celtavigo.net

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.