Bendita tolemia! O Dépor renace a lombos da súa afección

Milleiros de seareiros acompañaron o Deportivo dende varias antes do inicio do partido que confirmou o seu ascenso © Deportivo

Semella que o descenso aos infernos non só non debilitou o apoio dos afeccionados, senón que o fortaleceu e o selou para as vindeiras décadas. Para as vindeiras xeracións. Aquí comeza outra historia para o Dépor

O Deportivo da Coruña xa é de Segunda, pero ten unha afección de Primeira. 31.833 persoas ateigaron o Estadio de Riazor (novo récord na Primeira Federación) para asistir á vitoria ante o Barça B (1-0) que confirmou o ascenso do equipo á categoría de prata do fútbol español. Ao fútbol profesional. Moitas máis acompañaron os xogadores ao longo de todo o domingo polas rúas da cidade, nunha masiva manifestación de amor e de fidelidade a unhas cores, nunha comunión entre un equipo e os seus seareiros difícil de igualar.

Porque a historia deste domingo non foi a excepción, senón a regra dunha tempada e dunha longuísima travesía de catro anos pola Primeira Federación. Semella que o descenso aos infernos do Deportivo non só non debilitou o apoio dos afeccionados, senón que o fortaleceu e o selou para as vindeiras décadas. Para as vindeiras xeracións. Aquí comeza outra historia para o Deportivo, como comezara o 9 de xuño de 1991 naquel partido lembrado partido ante o Murcia en Riazor.

O Deportivo renace da man de Lucas Pérez e coa decisiva participación de varios xogadores da canteira (Yeremay, Mella, Villares, ademais de Rubén López, Dani Barcia ou Kevin Sánchez)

O Deportivo renace cun ascenso a Segunda División que se lle negara nos tres anos anteriores, e especialmente nos playoff perdidos nas dúas últimas tempadas ante Albacete e Castellón. E renace, como non, da man dun Lucas Pérez que no minuto 57 lanzou unha tiro libre perfecto e imparable para Astralaga. Renace comandado por un inesperado Imanol Idiakez que estivo máis fóra que dentro do equipo en varios momentos da tempada e que tivo unha gran xestión do vestiario. 

E renace, así mesmo, coa decisiva participación de varios xogadores da canteira (Yeremay, Mella, Villares, ademais de Rubén López, Dani Barcia ou Kevin Sánchez). Unha canteira deportivista que, agora si con oportunidades, segue a dar alegrías e a achegar un gran número de xogadores de primeiro nivel.

A festa, que onte foi total dentro e fóra de Riazor e en Catro Camiños, continúa este luns coas tradicionais visitas institucionais

Renace, nomeadamente, a lombos da súa afección. A que sempre estivo aí, a que enche de camisolas branquiazuis as rúas da cidade cada fin de semana, a que leva ao equipo a contar cun número de socios e socias superior ao de moitos equipos de Primeira. A que este domingo festexou o ascenso coma un título máis. 

A festa, que onte foi total dentro e fóra de Riazor e en Catro Camiños, continúa este luns coas tradicionais visitas institucionais á sede da Deputación (11 horas), da Xunta (13 horas).

O Deportivo suspendeu a visita insitucional a María Pita, prevista para esta tarde, no contexto do conflito que mantén co Concello en relación á propiedade do Estadio de Riazor

Non haberá, en cambio, visita á sede do Concello da Coruña, que estaba prevista para as 19.30 horas no Pazo de María Pita, como fixeran hai unhas semanas as xogadoras do Deportivo femenino despois do seu ascenso a Primeira. De forma sorprendente, o club comunicou este luns ao mediodía que comezara as visitas "aos seus principais patrocinadores institucionais e empresariais", en refenrencia a Xunta, Deputación e ABANCA, ademais dunha proxectada cita en Estrella Galicia. O comunicado  indica que "no referente ao Concello da Coruña nestes momentos queda suspendida calquera visita institucional á espera da solución de todas as solicitudes realizadas nos últimos tres anos" e engade que "o club considera que a relación actual entre o RC Deportivo e o Concello non é a idónea para celebrar unha visita destas características".

O Concello respondeu a este comunicado "lamentando profundamente" a "decisión unilateral da propiedade do Dépor de impedir aos xogadores do Real Club Deportivo e ao corpo técnico, ser recibidos na casa de todos os coruñeses e coruñesas". "Máis aló da propiedade do club, o Dépor é de todos os coruñeses e coruñesas e merecen poder felicitar ao equipo na praza de María Pita como sempre se fixo nas grandes ocasións na historia do club", engade o Goberno local.

Comunicados de Deportivo e Concello deste mediodía ©

O Concello respondeu a este comunicado "lamentando profundamente" a "decisión unilateral da propiedade do Dépor de impedir aos xogadores do Real Club Deportivo e ao corpo técnico, ser recibidos na casa de todos os coruñeses e coruñesas"

O Comunicado do Concello sinala que "dentro da negociación do convenio, a vontade do Concello segue a ser a cesión gratuíta do estadio municipal por 25 anos (como ata agora) para que o Dépor poida desenvolver a súa actividade deportiva e competir ao máximo nivel. Mais lamentablemente e por primeira vez, a empresa propietaria do club, Abanca, esixe ao Concello a entrega total e gratuíta dun ben público para a súa explotación económica e comercial en exclusiva máis alá do ámbito deportivo esquecendo que o estadio é de todos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.