Blanca Millán acumula récords e recoñecementos na Liga Universitaria dos EUA

Blanca Millán, nun dos partidos desta tempada con Maine © @Bmillan11

Blanca Millán suma e segue. A baloncestista compostelá, de tan só 21 anos, foi elixida mellor xogadora e mellor defensora da súa conferencia (American East) na Liga Universitaria dos Estados Unidos (NCAA), formando parte ademais dos quintetos ideais da conferencia e no mellor equipo defensivo e sendo dúas veces elixida mellor xogadora da semana.

Millán promedia 17.6 puntos por partido e 4,1 rebotes

Millán está no seu segundo ano nos Black Bears de Maine, onde chegou no verán de 2018, despois de formarse no Peleteiro de Santiago. O seu equipo liderou con claridade a conferencia, cun rexistro de 15 vitorias e tan só unha derrota e este mércores comezará a xogar os play-offs ante a Universidade de New Hampshire. Millán promedia 17.6 puntos por partido e 4,1 rebotes.

A súa fenomenal tempada pode abrirlle as portas da WNBA, converténdose así na primeira xogadora galega na máxima competición feminina do baloncesto mundial

Xa o pasado ano Blanca Millán contribuiu a que as Black Bears se proclamasen gañadoras do America East Women's Tournament clasificándose por primeira vez dende o 2004 para o NCAA Women's Tournament , no que caeron eliminadas na primeira rolda. Millán, que estuda Fisioterapia e mide 1,85 metros, optou por dar o salto á liga universitaria norteamericana a pesar de contar con numerosas ofertas en España, dando prioridade á súa formación e buscando o obxectivo de triunfar na mellor liga do mundo.

A súa fenomenal tempada pode abrirlle as portas da WNBA, converténdose así na primeira xogadora galega na máxima competición feminina do baloncesto mundial. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.