Paula Dapena negouse a homenaxar a Maradona durante o minuto de silencio previo a un partido do seu equipo contra o Deportivo en Abegondo
BNG e PSdeG apoiaron publicamente este mércores a Paula Dapena, a futbolista que se negou a homenaxear a Diego Armando Maradona durante un minuto de silencio nun partido entre o seu equipo Viajes Interrías e o Deportivo da Coruña en Abegondo. A imaxe, que deu a volta ao mundo, foi gabada masivamente, pero tamén criticada por moitas que chegaron a ameazar a rapaza.
Dapena foi recibida na mañá deste mércores polos líderes da oposición parlamentaria galega: a voceira do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que quixeron destacar o seu xesto.
Dapena chamou á “mobilización das mulleres na defensa dos seus dereitos para conseguir a igualdade real”
A futbolista chamou á “mobilización das mulleres na defensa dos seus dereitos para conseguir a igualdade real” logo de constatar que “un xesto tan pequeno dunha soa persoa tivo tanta repercusión”. Ademais, animou a “reivindicar sen medo” os seus dereitos para que a sociedade “avance moito máis a présa”.
“Ninguén debería vivir esa situación e aínda menos por defender a dignidade das mulleres, e que iso lle coste mesmo ameazas de morte é intolerable. Como muller e como portavoz nacional do BNG quería trasladarlle o noso apoio pola súa valentía e coraxe”, asegurou Ana Pontón, que pediu que se investiguen esas ameazadas, “que non se deben permitir tampouco a través das redes sociais”.
Ademais, Pontón gabou a coraxe da deportista “porque o futuro deste país pode escribirse en feminista grazas a rebeldía e a valentía de xestos como os que Laura acaba de protagonizar”.
Pola súa banda, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, reivindicou a “liberdade de facer bandeira da defensa dos dereitos das mulleres sen medo a represalias”.
Caballero destacou “o criterio e a personalidade” da moza: "Non podemos consentir nin insultos nin ameazas"
“Non podemos consentir nin insultos nin ameazas”, subliñou o secretario xeral dos socialistas galegos, que destacou “o criterio e a personalidade” amosados pola futbolista, e defendeu “unha sociedade tolerante e democrática” na que “tanto Paula Dapena coma calquera persoa poida homenaxear ou non o futbolista arxentino en liberdade sen medo a sufrir nin padecer ningún tipo de represalia”.