Comuneiros e ciclistas achegan posturas sobre o uso dos montes veciñais

Concentración de ciclistas en Pontevedra contra as trampas no monte, o pasado mes de novembro © Pedaladas

Ao longo do pasado ano o conflito entre cicloturistas e algúns propietarios de montes comunais foi crecendo en intensidade. A colocación de trampas no monte (pedras, estacas con cravos, arames de espiño, cables) para dificultar o paso dos deportistas e afastalos destes espazos foi a máis, e tamén as denuncias sobre a ilegalidade destas prácticas e a súa perigosidade. As trampas provocaron accidentes, algún moi grave (un home de Vigo acabou cunha seria lesión medular e catro comuneiros serán xulgados por imprudencia grave) e os colectivos de cicloturistas chegaron a realizar concentracións para chamar a atención sobre o problema e reclamando que "o medio natural é de todos" e que existe a "obriga de coidalo". Dende os comuneiros, pola súa banda, argumentábase que estes montes non son de uso público, senón que son unicamente os veciños quen poden decidir que utilizacións se permiten e cales non.

Co obxectivo de debater a situación e achegar posturas, a Mancomunidade de Montes de Pontevedra convocou un encontro aberto esta fin de semana, celebrado cunha asistencia moi numerosa no Pazo da Cultura da cidade e coa participación non só de comuneiros e ciclistas, senón tamén de cazadores, representantes da Xunta e da Garda Civil. A asemblea, aínda que fixo visibles as discrepancias existentes sobre varios aspectos, serviu para que todas as partes escoitasen de primeira man todos os argumentos, chegándose a algúns consensos importantes, comezando pola denuncia unánime á colocación de trampas, un acto cualificado de "inadmisible" por parte dos comuneiros.

Dende as comunidades de montes pediuse a colaboración do Goberno galego para "informar, educar e concienciar" á cidadanía sobre que é o monte en man común, quen son os seus propietarios e propietarias, que usos ten e quen o decide. Fixeron fincapé, ademais, en que estes terreos non son de uso público e que debe ser cada comunidade a que aprobe unha ou outra función. Alertaron así mesmo de que nos últimos anos se vén producindo unha "masificación" dos montes: "antes a xente vivía de costas ao monte, e agora botouse ao monte", sinalou un comuneiro.

En decembro os comuneiros do Castrove-Salnés, Pontevedra e O Morrazo impulsaron unha declaración "por un uso seguro e sustentable do monte veciñal" na que sinalaban que este espazo "é un monte aberto con clara vocación social, que pode ser visitado e utilizado por toda a sociedade en actividades que non supoñan un uso agresivo ou que produza deterioro do mesmo" pero engadía que son "unha propiedade privada e colectiva dos veciños de cada parroquia ou lugar" e que "as actividades deportivas que se poden desenvolver no monte requiren a autorización previa dos propietarios".

Dende a Asociación Pedaladas subliñouse que aínda hai "moitas cousas que traballar" para que estes montes de propiedade comunal poidan ser usados con liberdade pola cidadanía, asegurando así a función social que cumpren, pero valoraron o foro celebrado en Pontevedra como "un gran paso" e unha base para un entendemento futuro entre as distintas partes.

Concentración de ciclistas en Pontevedra contra as trampas no monte, o pasado mes de novembro © Pedaladas
Concentración de ciclistas en Pontevedra contra as trampas no monte, o pasado mes de novembro © Pedaladas
Concentración de ciclistas en Pontevedra contra as trampas no monte, o pasado mes de novembro © Pedaladas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.