Daniel Martin leva a Liexa-Bastoña-Liexa, que pecha as clásicas de primavera

Daniel Martin Dominio Público Elos e Canelas

O equipo de Elos e Canelas, o blog de ciclismo de Praza Pública, realizou unha completa cobertura das clásicas celebradas na última semana: Amstel Gold Race, Tour de Flandres e Liexa-Bastoña-Liexa. O mellor das tempada está a piques de comezar.

Dos máis de 260 km da Decana, a maioría foron dominados polos grandes equipos, pero aínda así triunfou o valor dos intrépidos. BMC tomou a saída co obxectivo claro de que Gilbert levara o triunfo; Nibali lideraba aos Astana e chegaba coas forzas renovadas tras medirse e batir a Wiggins no Giro do Trentino, Valverde foi segundo en Amstel e sabe que a L-B-L é a clásica que máis se lle afai e Movistar tiña que velar as súas armas.

Blanco e Saxo-Tinkoff levaron o control do pelotón na primeira parte da carreira e foron substituídos por BMC, que tiña que dalo todo por Gilbert, para quen a L-B-L ten un compoñente emocional moi grande. O ritmo da carreira quebrou cando subiron o outeiro de La Redoute, como adoita pasar. Ata entón poucos movementos tácticos houbera: os grandes equipos mantiñan a raia ao pelotón e a fuga que chegou a sacar uns 15 minutos non era motivo de maior preocupación.

En La Redoute foi o momento no que se lanzaron os escudeiros dos capitáns dos equipos. David López (Katusha) Costa (Movistar), Fuglsang (Astana) e Cunego (Lampre) defenderon as opcións dos seus lords. BMC, sen alterarse, tomou o mando no pelotón evitando problemas maiores co ataque. Na seguinte cota, nova tensión: sorprendentemente, Contador daba un dos seus lategazos e era acompañado por Caruso (Katusha), Cunego, Costa, Antón (Euskaltel) e Hesjedal (Garmin). Estivo claro que os membros do grupo non estaban por coordinarse cando Alberto Contador, que corría por petición do seu equipo, amagaba outro ataque. Mellor só que mal acompañado di o dito e Hesjedal apuraba un poderoso ataque que abría oco cos perseguidores.

O canadiano tomou a cota de San Nicolás sendo cabeza de carreira, Carlos Betancur (Ag2R) decidiu pillalo subindo o chamado outeiro dos italianos, e prendendo a súa roda foron Purito, Scarponi (Lampre) e Daniel Martin (Garmin). Quedaba claro que este ano a Liexa non era para Gilbert. O seu equipo controlou e tirou do pelotón e o valón valeuse diso para estar ben situado, pero non soubo aproveitalo.

Derradeiros metros, Hesjedal levanta o pé e Purito lanza un ataque. Seica Valverde tivo problemas técnicos co cambio eléctrico e non puido reaccionar, acabaran as súas opcións de vitoria. Houbo certo impás, Purito na fuga de diante, e os perseguidores, tal vez esperando por ver que facía o murciano, sen facer nada. Daniel Martin decidiuse e ía tras Joaquim Rodríguez, o catalán quería a súa primeira L-B-L. Pero as forzas do catalán non estaban ben, Daniel Martin mantivo o man a man ata que tomou a derradeira curva. Purito deixouse ir, non tiña forzas para loitar pola vitoria e a segunda praza estaba máis que asegurada. Valverde chegaría terceiro.

Semella que Daniel Martin quere ser digno sucesor de Sean Kelly como referende do ciclismo irlandés

Semella que Daniel Martin quere ser digno sucesor de Sean Kelly como referende do ciclismo irlandés. O Garmin-Sharp protagonizou a carreira colando a Hesjedal, a quen lle corresponde a metade do triunfo de Dan Martin. Os lobos estaban demasiado ocupados gardándose entre eles e a galiña levouna o raposo.

Os belgas estarán tristes, pero os españois poden estar razoablemente satisfeitos, Purito loitou malia caer na Amstel, e o Katusha xogou ao despiste con el e Dani Moreno na Frecha Valoa, que finalmente levaría; pola súa banda Valverde fixo dous podiums

Coa meta de Liexa acaban as clásicas de primavera. Unha curiosidade é que hai máis de noventa anos que os belgas saen das clásicas sen apañar ningunha delas: non, este non é o ano de Boonen, e Gilbert parece que confirma a lenda da maldición do campión do mundo. Os belgas estarán tristes, pero os españois poden estar razoablemente satisfeitos, Purito loitou malia caer na Amstel, e o Katusha xogou ao despiste con el e Dani Moreno na Frecha Valoa, que finalmente levaría; pola súa banda Valverde fixo dous podiums. A sumar entre as sorpresas positivas, Michal Kwiatkowski, que está facendo moitos méritos para ser un verdadeiro clasicómano, así  o Omega Pharma-Quickstep, que está a vivir o seu particular caos, percorreu a Liexa comandado polo polonés.

 

Frecha Valoa: Vitoria de Dani Moreno

Parece que os favoritos nas Ardenas non están á altura por distintas circunstancias e, así, as posibilidades de todos os demais aumentan considerablemente

...Parece que os favoritos nas Ardenas non están á altura por distintas circunstancias e, así, as posibilidades de todos os demais aumentan considerablemente. Isto é bo para o espectáculo porque sabemos que un dos atractivos máis importantes das carreiras dun día é precisamente que nunca se sabe o que vai pasar. Así, vemos de vez en cando un Van Summeren gañando Roubaix ou un Nuyens gañando Flandres.

Pero o das Ardenas de 2012 e o que levamos de 2013 empeza a ser cando menos mosqueante. Se miramos os podiums das últimas cinco probas (as tres do ano pasado e as dúas deste), veremos un total de 13 corredores. Só Gasparotto (Astana) e Joaquim Rodríguez (Katusha) repetiron. Ademais podemos dicir sen parecer moi despistados que deses trece corredores só un dos gañadores era realmente un favorito nas apostas: Purito na Frecha do pasado ano. Outros favoritos que conseguiron podium nestes dous anos foron Philippe Gilbert (BMC), Sagan (Cannondale) e Valverde (Movistar).

 

Amstel Gold Race: Kreuziger volve á primeira fila

...O grupo de escapados neutralizou a Astarloza, último dos fugados do día, e Kreuziger apurou a roda. Estaban xa no último paso polo Cauberg, o checo ía diante, Gilbert aproveitou e saltou cun poderoso ataque que desatou o sprint, Gerrans seguiulle a roda, Valverde abríase oco. Desta volta a meta estaba nunha recta máis longa, Kreuziger tiña o vento soprando ao seu favor, e pouco puideron facer os outros por pillalo. O checo mirou con certa tranquilidade para atrás, ergueu os brazos e chegaba ao final de carreira levando o triunfo máis importante do seu palmarés xunto coa Volta a Suíza de 2008. Valverde segundo e Gerrans terceiro.

Daniel Martin Dominio Público Elos e Canelas
Os muros das Ardenas Dominio Público Praza Pública
Kreuziger na Amstel Dominio Público Elos e Canelas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.