Dez galegos buscarán medallas nos xogos paralímpicos

Chano Rodríguez Dominio Público Praza Pública

Volven os Xogos Olímpicos. Se alguén quedara con ganas, despois das tres semanas de competición, a partir da semana que vén terá a oportunidade de seguir os Xogos Paralímpicos, que comezarán o mércores 29 e rematarán o 9 de setembro. Hai menos modalidades e menos deportistas, pero esta nova cita olímpica en Londres reunirá máis de catro mil competidores de 164 países. Entre eles cen españois e dez galegos, con serias opcións de acadar unha medalla en moitos casos.

As mellores opcións están en natación, onde Chano Rodríguez, que acumula 13 medallas nas tres últimas edicións dos Xogos e que loitará por agrandar a súa lenda en 100, 200 e 50 libres e nos relevos 4x100. Tamén ten grandes posibilidades Pablo Cimadevila, que xa ten catro medallas e competirá en 100 metros braza. O vigués José Enrique Porto competirá en ciclismo na modalidade de tándem, xunto co madrileño Jose Antonio Villanueva. A parella acadou a medalla de bronce nos últimos campionatos do mundo.

Praza Pública seguirá puntualmente a actualidade do Xogos, sobre todo as actuacións dos deportistas galegos

En boccia, un deporte semellante á petanca, son dous os galegos inscritos: José Manuel Prado, cinco veces campión de España, e Isaac Penín. En atletismo, o vilalbés Gustavo Nieves competirá nos 5000 metros lisos, mentres que Maximiliano Rodríguez Magi pelexará nas probas de velocidade: 100, 200 e relevos 4x100. En tiro olímpico compite o pontevedrés Juan Antonio Saavedra, mentres que en tiro con arco o fai Guillermo Javier Rodríguez. A lista dos galegos participantes complétase con Bernabé Costas e David Mouriz, que forman parte da selección española de baloncesto.

Praza Pública seguirá puntualmente a actualidade do Xogos, sobre todo as actuacións dos deportistas galegos.

Chano Rodríguez Dominio Público Praza Pública
Pablo Cimadevila Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.