Empate insulso entre Celta e Mallorca

O surcoreano Park Chu Young marcou o gol do Celta © Celta de Vigo

Celta e Mallorca empataron a un este domingo en Balaídos. O israelí Hemed adiantou o Mallorca e o surcoreano Park empatou para o Celta na segunda metade. Despois o conxunto vigués foi arriba para buscar o gol da vitoria, pero cando mellor estaba Paco Herrera retirou a Iago Aspas, o mellor dos celestes ata ese momento, e levou a apupada de Balaídos. O coliseo celeste rexistrou case 18.000 espectadores pese á hora intempestiva (domingo ás catro da tarde), que asubiaron os ex-deportivistas Dudu Auoate e Arizmendi.

O empate non serve nin a Celta nin a Mallorca para romper coas súas dinámicas negativas

O empate non serve nin a Celta nin a Mallorca para romper coas súas dinámicas negativas. O Celta suma xa cinco partidos sen gañar e o Mallorca consegue o seu primeiro punto tras seis derrotas consecutivas. A ambos pasoulles factura o tramo duro do calendario e están bordeando os postos do descenso. O Celta non caerá ó abismo grazas, entre outras cousas, á derrota do Deportivo, pero cada vez está máis preto. Só o separan del un punto e dous postos.

As traxectorias negativas de Celta e Mallorca explícanse en boa parte polas baixas. Cabral, Samuel, Natxo Insa e Roberto Lago, cunhas molestias de última hora no abdutor,  no Celta, e Giovanni dos Santos, Javi Márquez, Antonio López e Nunes, entre outros, no Mallorca, perdéronse o choque. Paco Herrera volveu ó 4-2-3-1 con Jonathan Vila de central, Bellvís no lateral esquerdo, o recuperado Borja Oubiña na medular e o surcoreano Park Chu Young acompañando a Iago Aspas en ataque.

Saíu máis decidido ó Mallorca na busca dos tres puntos. Os de Caparrós levaban a iniciativa mentres o Celta limitábase a contragolpear, faceta na que só Iago Aspas creaba algo de perigo

Saíu máis decidido ó Mallorca na busca dos tres puntos. Os de Caparrós levaban a iniciativa mentres o Celta limitábase a contragolpear, faceta na que só Iago Aspas creaba algo de perigo. Ata ós 14 minutos non chegou a primeira posesión longa do Celta. Un Celta que, como nos tres goles de Vallecas, errou na defensa dos centros laterais. Nsue pola dereita e Pereyra pola esquerda campaban ás súas anchas. Nunha desas, no minuto 22, parede entre Nsue e o lateral Ximo pola dereita, e gol de Hemed no cuarto intento de remate. Sétimo gol do israelí na liga e, de novo, pouca contundencia na zaga céltica. Tocaba remontar.

Por diante no marcador, o Mallorca repregouse atrás a agardar pola ofensiva céltica. Con moitas axudas lograron maniatar os homes de ataque do Celta, excepto a Iago Aspas. Só unha ocasión clara tivo o Celta ata o descanso, nas botas de Augusto tras un pase atrás do dianteiro de Moaña. O Celta, en estático, a pesares das continuas subidas dos laterais, non facía dano ó Mallorca.

Cando Paco Herrera tiña preparados a De Lucas e a Bermejo na banda para entrar, Park, en teoría un dos que ía substituír, fixo o gol do empate

Mellorou o Celta tralo descanso e Krohn-Delhi errou un disparo desde dentro da área. Pero o Mallorca non renunciaba a atacar, e Hemed tivo o segundo tras un gran recorte a Jonathan Vila. Cando Paco Herrera tiña preparados a De Lucas e a Bermejo na banda para entrar, Park, en teoría un dos que ía substituír, fixo o gol do empate. Nunha contra, Iago Aspas serviulle un balón desde a esquerda e o surcoreano anotou en boca de gol. O adestrador catalán parou os trocos. Replicou o Mallorca, sobre todo cun remate de Hemed que obrigou a lucirse a Javi Varas antes de tocar no traveseiro.

Entrou De Lucas por Augusto e chegaron os mellores minutos dun Celta lanzado a pola vitoria. Controlaba cómodo con Álex López ó mando e chegaba a área rival con certo perigo. Non obstante, Iago Aspas, tras protestar un fóra de xogo inexistente, viu o cartón amarelo e Herrera retirouno por Bermejo. Balaídos berrou “fuera fuera” polo cartón e asubiou despois o troco do técnico catalán. Ó mesmo tempo, Caparrós fixo dous trocos que lle deron aire ó seu equipo. Puido marcar pouco despois Nsue para o Mallorca nun disparo que despexou Javi Varas.

O Celta terá que sumar de tres en tres para saír da zona perigosa

O Celta seguiu intentándoo, pero ó seu xogo faltábanlle ideas e tamén fluidez. O Mallorca conformábase xa co punto, mentres que o Celta asediaba, pero non creaba ocasións claras. En resumo, reparto de puntos bastante xusto que non contenta a ningún pero serve máis ó Mallorca para cortar a xeira de derrotas. O Celta terá que sumar de tres en tres para saír da zona perigosa.

O surcoreano Park Chu Young marcou o gol do Celta © Celta de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.