Empate xusto no derbi galego

Un siareiro, coa bufanda da selección galega no derbi CC-BY-SA Zelia García

Celta e Deportivo asinaron un empate a un no derbi galego, que regresaba esta temporada a primeira despois de cinco anos. Un empate xusto tendo en conta os méritos duns e doutros. Bermejo, unha das novidades no once, anotou o tanto celeste ós sete minutos e Juan Domínguez empatou preto da media hora tras unha xenialidade de Valerón.

O Celta xogou case toda a segunda metade con dez homes trala expulsión de Cabral por dúas amarelas en tan só tres minutos. Os célticos reclamaron o mesmo castigo para Zé Castro nunha entrada sobre Iago Aspas nos últimos compases do primeiro tempo. É o primeiro empate da temporada para o Celta, que segue na metade da táboa. Pola súa parte, o Deportivo suma outra xornada sen gañar e segue en postos de descenso.

Balaídos ansiaba volver ver un derbi. Case 25.000 espectadores, 800 deles deportivistas, gozaron dun choque marcado pola boa convivencia entre afeccións, sen altercados nas proximidades de Balaídos. Comezou o choque con dominio alterno, ata que Mario Bermejo puxo o primeiro gol ós sete minutos. Roubo celeste en campo propio, pase de Roberto Lago para a carreira de Iago Aspas, centro que dá en Marchena e Aranzubía e cáelle ó dianteiro cántabro. Alex Bergantiños toca pero non pode evitar o tanto. Erro de Zé Castro que habilita a posición de Iago Aspas. A defensa do Deportivo, a máis goleada da competición, facía augas cada vez que o Celta roubaba a pelota. Un Celta que tivo sendas ocasións na cabeza de Cabral e no pé esquerdo de Iago Aspas.

Non obstante, a dinámica do encontro cambiou a partir do minuto 20. O Deportivo fíxose co control do balón e, por ende, do partido, guiado por Valerón, pero non chegaba con claridade. O Celta limitábase a soltar tímidos contragolpes. Cando o reloxo se achegaba á media hora, unha xenialidade do canario servía en bandexa o empate a Juan Domínguez. Taconazo, cambio de perna e asistencia. O mago de Arguineguín facía honra ó seu alcume. O Deportivo seguía sumando aproximacións á meta de Javi Varas, que reaparecía na portería celeste. Cabral interpoñíase nun disparo de Pizzi tras outro pase do canario.

Pouco despois, nunha contra dos vigueses, Zé Castro freaba Iago Aspas. O moañés pediu o segundo cartón amarelo para o central portugués. Non o decretou o colexiado da contenda, Undiano Mallenco. O Celta achegouse cunha cabezada de Oubiña que detivo Aranzubía. O capitán céltico viu pouco despois o cartón amarelo nunha acción esaxerada por Valerón. Iámonos ó descanso cos dous centrais branquiazuis amoestados.

Non obstante, foi un xogador do Celta quen viu a vermella. Un cóbado nun salto e unha entrada a Riki mandaron o arxentino Cabral ós vestiarios en só tres minutos. O Celta quedaba cun home menos a falta de 40 minutos de partido. Pizzi lanzaba á escadra e Javi Varas mandaba a saque de esquina.

Paco Herrera recompoñía o equipo metendo Samuel, debutante en primeira co Celta, por Mario Bermejo. Cun a menos, o Celta repregábase con dúas liñas de catro e soltaba contragolpes. Nun deles, Roberto Lago estivo a piques de marcar o segundo tras unha internada pola esquerda de Krohn-Delhi. Oltra metía Nelson Oliveira por un Riki que abandonaba o campo contrariado. Contra o minuto 70, Iago Aspas gozou doutra ocasión clara que marchou á dereita de Aranzubía. Ó minuto seguinte, Nelson Oliveira remataba fóra un centro de Laure. Pouco despois, o colexiado anulaba correctamente un gol de Túñez por fóra de xogo. O Celta aguantaba a pesares de estar con dez. Nos últimos minutos, o Deportivo asediou a portería de Javi Varas sen premio. Os de Oltra pediron no desconto un penalti inexistente de Samuel.

En resumo, empate xusto en Balaídos na festa do fútbol galego. O Deportivo foi mellor no primeiro tempo, once contra once; o Celta foi mellor no segundo cun home menos. Os de Paco Herrera, que se queixou tralo partido do distinto criterio do árbitro con ambos equipos, seguen na zona media da táboa, mentres que o Deportivo seguirá unha semana máis en postos de descenso.

Unha xogada dun derbi galego en Balaídos CC-BY-SA Zelia García

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.