Expediente Horner

O podio da Vuelta: Nibali, Horner e Valverde Dominio Público Praza Pública

Xabier Rábade analiza en Elos e Canelas, o blog de ciclismo de Praza Pública, o rebumbio mediático xerado polo control que a axencia antidopaxe americana quixo realizarlle a Chris Horner, gañador da Vuelta, ao día seguinte de rematar a carreira.

Cando en Vilagarcía Chris Horner cruzaba a meta de primeiro no Mirador de Lobeira, poucos podíamos pensar que este veterano sería quen gañase a Vuelta 2013. Conforme pasaron os días, Nibali e Horner mantiveron un duelo que rematou no Angliru, onde malia aos denodados intentos do siciliano, foi o americano quen acabou dando un cambio de ritmo que desfondou a competencia.

Nado hai case 42 anos, nun deporte tan aboado ás teorías da conspiración, comezou un ruxerruxe que especulaba sobre se tal vez houbera algunha “axuda extraoficial” que aliviara o peso do tempo

A vida ten sorpresas e Horner foi o gañador máis vello da historia da Vuelta a España. Nado hai case 42 anos, nun deporte tan aboado ás teorías da conspiración, comezou un ruxerruxe que especulaba sobre se tal vez houbera algunha “axuda extraoficial” que aliviara o peso do tempo. Cando os oficiais responsables de verificar que todo era limpo trataron de comprobalo, resulta que Horner non estaba. Empezaba a primeira hora da mañá do luns 16 de setembro unha rocambolesca historia sobre a paraxe do gañador da Vuelta. Pero, que pasou?

Se isto fora un capítulo de X-Files, teríamos que comezar decindo “7 AM. Hotel Princesa, Alcobendas (Madrid)”. Alí, os enviados da Agencia Española de Protección de la Salud en el Deporte (AEPSD), encargada da loita antidoping, tentaban convencer os traballadores da recepción para saber da habitación onde estaba o gañador da Vuelta, porque na que pensaban eles había outra persoa. Malia á procura, Horner foi ilocalizable e podía ser sancionado cunha falta grave.

Deses feitos naceu un gran rebumbio mediático, comezaba o espectáculo. A prensa difundiu a nova, as especulacións mesturáronse coa información e formulábase a hipótese de que Horner fuxira de España para evitar o control

Deses feitos naceu un gran rebumbio mediático, comezaba o espectáculo. A prensa difundiu a nova, as especulacións mesturáronse coa información e formulábase a hipótese de que Horner fuxira de España para evitar o control. Algúns comezaron a airear supostos apoios de Horner a Lance Armstrong para tirar a imaxe de simpaticote que Horner gañara co seu spanglish. Xa todo cadraba na efervescencia hipócrita.

A orde de enviar os vampiros, como se coñece aos sanitarios antidopaxe no barallete do pelotón, saíra da poderosa USADA (axencia antidopaxe americana). Existe un problema de competencias, a UCI (Unión Ciclista Internacional) ten a potestade exclusiva das probas durante a competición, así que a solicitude oficial da USADA ao seu homólogo español foi rexistrada despois das 00h do luns, cando a xurisdición UCI estaba extinta. Por que non esperar aos resultados do organismo internacional? Haberá moitas razóns, pero pode que a USADA non confíe totalmente da UCI: din que o caso Armstrong creou receos mutuos. Tampouco é totalmente estraño que as organizacións nacionais fagan controis despois da fin dunha competición.

O equipo foi quen acabou coa polémica cun comunicado no que desmontaba a teoría da fuxida facendo público o correo de notificación á USADA de que ía estar noutro hotel e ata cando

Estupefactos polo asunto, dende o equipo, RadioShack-Leopard-Trek, indicaron que Horner estaba noutro hotel, onde se aloxaba a súa dona. Unha vez chegaron alí os responsables da axencia española resultou que o matrimonio xa voaba con destino a Oregón facendo realidade o lema do estado americano: alis volat propiis (voa coas súas propias ás). O equipo foi quen acabou coa polémica cun comunicado no que desmontaba a teoría da fuxida facendo público o correo de notificación á USADA de que ía estar noutro hotel e ata cando. Un dato que a USADA rexistrou pero non llo comunicou á axencia española. Velaquí a orixe do problema, todo resultou un enguedello burocrático porque Horner avisara en tempo e en forma.

Aínda que a USADA  sexa a causante do malentendido, o papel da axencia española antidopaxe tampouco é plenamente satisfactorio. Segundo sinalan algunhas crónicas, a chegada dos oficiais ao hotel ocasionou certas tensións. O hotel amparábase na Lei de Protección de Datos para non revelar o listado dos aloxados. Seique, no balbordo, a propia Directora da AEPSD telefoneou para “deixar claras as cousas” aos traballadores do establecemento. A sobreactuación no hotel podería explicarse (non escusarse) pola presión, sobre todo porque aínda están frescas as preguntas sobre limpeza no deporte en España na elección olímpica, pero recordemos que se eses organismos existen e teñen poderes exclusivos, o mínimo que se lles pode esixir é actuar con sentidiño. O nerviosismo das primeiras horas deu paso ao silencio e ao ridículo. A errática actuación do organismo antidopaxe aumentou a incerteza e fixo que chegara a parecer que todo se debía a fallos da axencia española.

O nerviosismo das primeiras horas deu paso ao silencio e ao ridículo. Novamente evidénciase que os dereitos máis básicos son retirados se o sospeitoso é un ciclista: non hai presunción de inocencia

Resolta a marfallada, a USADA declarou que o control perdido non conta; e mentres o interesado, que pasou nunhas horas de culpable en paradeiro descoñecido a inocente, cruzaba o Atlántico e os EUA. A USADA poñería o contador a cero, pero como dixo Iglesias Corral, "aquí pasou o que pasou". Novamente evidénciase que os dereitos máis básicos son retirados se o sospeitoso é un ciclista: non hai presunción de inocencia. Pero para acusar a alguén fan falta probas, non suposicións. Se reparan no correo de Horner, verán que o corredor detalla as horas e lugares onde estará localizable por se o teñen que ir buscar. Os ciclistas profesionais ceden parte da súa liberdade máis íntima para traballar. É parte do contrato, si, pero cómpre recordalo para non abordar estes temas con vaguidade. Ante unha cuestión tan sensible o lóxico sería proceder con cautela e sobre certezas, en xogo queda a credibilidade do deporte en xeral e dun profesional en particular.

O podio da Vuelta: Nibali, Horner e Valverde Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.