Galicia debuta con tres vitorias no Mundial de fútbol gaélico

A selección galega masculina, antes de comezar un dos partidos © TVG

Galicia sairá do Mundial de fútbol gaélico coa cabeza ben alta. As seleccións masculina e feminina -as primeiras galegas que compiten de xeito oficial nun torneo internacional- debutaron nos Xogos Mundiais que se disputan en Abu Dhabi con tres vitorias, dúas conseguidas polos mozos e unha polas rapazas na xornada inaugural, na que os dos combinados disputaron cadanseus tres encontros. 

Galicia debutou como selección oficial nun torneo internacional con senllas vitorias feminina e masculina ante Suráfrica

Tanto o equipo masculino como o feminino arrancaron contra Suráfrica, á que venceron respectivamente 9-2 e 10-5 no que era a estrea dunha selección galega nun campionato oficial internacional. En ambos os dous casos, o xogo fluído dos galegos foi moi superior ao dos africanos. No seu segundo encontro, as rapazas galegas caeron ante Canadá con claridade (12-0), para logo caer derrotadas tamén ante Oriente Medio (9-4). 

No caso da selección masculina, Galicia caeu ante Arxentina no seu segundo encontro dos Xogos Mundiais (6-10) nun partido no que, malia perder de cinco no descanso, o equipo galego comezou unha remontada que non foi suficiente. Malia todo, o conxunto branquiazul refíxose para asegurar o segundo posto do grupo superar amplamente o combinado de Oriente Medio, ao que derrotaron cun claro 18-0. 

A selección masculina gañou dous dos seus partidos, mentres que a feminina non puido con Oriente Medio nin Canadá

Na xornada deste sábado, os equipos galegos disputarán as semifinais na procura dun posto na gran final que se disputaría á tarde. O combinado masculino volverase enfrontar a Suráfrica, que perdeu con Arxentina cun penalti no último minuto. As rapazas enfrontaranse a Oriente Medio coa oportunidade de desquitarse da derrota na primeira fase na loita por unha praza no partido definitivo. 

"Xa chegar ata aquí foi un éxito, ao igual que gañar un partido. Agora tócanos gozar disto", asegurou Iago Pedreira, un dos integrantes da selección galega, en declaracións á TVG. Todos os xogadores e xogadoras son amateur e moitos deles tiveron que pedir permiso nos seus traballos ou coller días de vacacións para poder disputar este Mundial, ao que Galicia puido acudir grazas ao apoio de patrocinadores como a Deputación de Pontevedra, pero tamén ás achegas conseguidas a través dunha campaña de crowdfunding coa que apañaron máis de 4.000 euros. 

Os rapaces xogaranse o pase á final contra Suráfrica e as rapazas, ante Oriente Medio

A presenza de Galicia neste Mundial é histórica, non só para o fútbol gaélico, senón para o deporte galego en xeral, ao ser o primeiro combinado nacional recoñecido oficialmente. Todo comezou hai cinco anos, cando un grupo de rapaces da Coruña puxo en marcha o primeiro equipo de fútbol gaélico do país. Os Fillos de Breogán comezaron unha aventura nun deporte irlandés, de 130 anos de historia pero do que pouco máis se sabía que semellaba unha mestura entre fútbol e rugbi. Impulsaron un club e soñaban con conseguir máis conxuntos cos que xogar. Na actualidade, esta disciplina conta cunha liga galega con 15 equipos (oito masculinos e sete femininos) afiliados na Asociación Galega e coa súa propia selección oficial recoñecida pola federación irlandesa que rexe este deporte a nivel global.

O éxito deste deporte en Galicia é único a nivel mundial. Nunha disciplina plenamente irlandesa, a maioría de equipos que hai fóra de Irlanda están compostos por xente da illa ou descendentes deles, como é o caso tamén deste Mundial. En Galicia, o 99,9% dos xogadores son galegos e o que empezou como unha aventura mobiliza xa uns 250 xogadores e xogadoras cada fin de semana e de maneira totalmente afeccionada. De feito, un combinado galego e outro da Bretaña disputaron o primeiro partido entre seleccións nacionais da historia deste antigo deporte.

Entre os convocados queu disputan este Mundial hai xogadores do Irmandinhos da Estrada, dos Fillos de Breogán da Coruña, do Mecos e Mecas do Grove ou do Estrela Vermelha de Compostela.

A selección galega, na cerimonia inaugural © SGFG
A selección galega feminina, en Abu Dhabi © SGFG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.