Galicia queda sen derbi de primeira

Unha xogada dun derbi galego en Balaídos CC-BY-SA Zelia García

O Celta seguirá unha temporada máis sendo equipo de primeira división. Vigo está de festa para celebrar a permanencia do seu equipo tras gañar na última xornada 1-0 ó Espanyol con gol de Natxo Insa. A empresa puxéraselle moi difícil semanas atrás, especialmente tras caer no campo do Betis. Non obstante, os pinchazos dos rivais directos e as dúas vitorias nas dúas últimas xornadas fixeron posible o soño da permanencia. O Celta sálvase con 37 puntos, igualando o dato histórico do Málaga de 2010 como equipo que consegue quedar en primeira coa menor puntuación. Ademais, o Celta é o primeiro equipo que se salva sendo último a falta de dúas xornadas.

Así, o Celta logrou o que necesitaba para a permanencia: gañar e que non o fixese o Deportivo. Conseguiu o tanto do triunfo por medio de Insa tras unha gran manobra de Iago Aspas na banda esquerda, mentres o Deportivo perdeu 0-1 ante a Real Sociedade con gol de Griezmann e descende a Segunda. Só un dos galegos se podía salvar: o Celta vive a cara alegre e o Deportivo, e con el toda a cidade da Coruña, a triste. Os outros dous implicados na frenética última xornada eran o Zaragoza e o Mallorca. Curiosamente, os bermellóns, os que o tiñan máis difícil, ficaron a un só gol da permanencia: un gol do Espanyol en Balaídos.

Só un dos galegos se podía salvar: o Celta vive a cara alegre e o Deportivo, e con el toda a cidade da Coruña, a triste.

O Celta, que saíu co canteirán de 17 anos Rubén Blanco en portería e Bellvís por Jonny no lateral dereito, foi polo partido desde o primeiro momento. Dominou pero non creou ocasións, ata que Iago Aspas recibiu un balón pola esquerda, desfíxose dun defensa cun gran regate e serviulle o primeiro tanto a Natxo Insa. O Espanyol deu un paso adiante tras o gol e complicoulle moito as cousas ao Celta no resto do partido, facendo sufrir á parroquia local. En pouco máis de dez minutos creou tres ocasións claras: unha dobre de Verdú e Stuani e outra do propio dianteiro uruguaio, con Rubén Blanco intervindo de xeito decisivo nalgunhas delas. Entre medias chegara a Balaídos a nova do gol da Real Sociedade en Riazor.

O Celta sacudiuse o dominio visitante, dipoñendo dalgunhas chegadas sen moito perigo, entre as que destacou un cabezazo frouxo de Álex López. Non obstante, o Espanyol volvía meter medo con outro remate de cabeza picado de Stuani que se marchou lixeiramente alto. Así se chegaba ao descanso, mentres nos outros campos o Deportivo perdía, o Mallorca gañaba e o Zaragoza empataba. Polo momento o Celta era equipo de primeira.

A permanencia é un feito para os vigueses e ao Deportivo tócalle loitar por regresar á elite.

Os nervios afloraron na segunda metade, xa que un gol do Espanyol mandaba o Celta a segunda. De feito, saíu mellor o conxunto de Aguirre, que tivo a súa ocasión nun disparo fóra de Sergio García. Pouco despois, era o Celta quen desparoveitaba a oportunidade de facer o segundo, concretamente Iago Aspas nun man a man ante Casilla. O Espanyol non creou perigo por uns minutos, mentres o Celta se metía cada vez máis atrás e agardaba a súa posibilidade á contra, impulsado polo troco defensivo de Levy Madinda por Álex López. Precisamente o gabonés servía un balón de ouro para que Iago Aspas marcase o segundo, pero o moañés volveu a  errar ante Casilla.

Quedaban dez minutos, e o resultado non estaba atado: cos marcadores dos outros campos, que seguían igual, un gol do Espanyol condenaba o Celta. O gol chegouno a marcar Sergio García, pero foi anulado correctamente polo xuíz de liña por fóra de xogo. O Deportivo necesitaba dous goles e xogou os últimos oito minutos cun home máis pola expulsión de Markel Bergara. Mentres, Krohn-Delhi desaproveitaba un balón franco dentro da área ó que lle pegou mordido. Nos últimos minutos houbo tángana entre Oubiña e dous xogadores do Espanyol, os trocos para perder tempo de Abel Resino e a expulsión por dobre cartón marelo de Forlín. Tras moito sufrimento, por fin chegou o final para alivio do público de Balaídos e de todos os afeccionados celestes. Invasión de campo e festa do celtismo: a permanencia é un feito e ao Deportivo tócalle loitar por regresar á elite.

Un intre do encontro en Balaídos © Celta de Vigo
Bancadas de Riazor, nun intre do encontro CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.