Galicia soña con recuperar o seu equipo ciclista

Manifestación a prol dun equipo galego ciclista © FB_Equipo Ciclista Galego Xa

Galicia soña cun novo equipo ciclista que volva encher as estradas de afeccionados como fixera o desaparecido Xacobeo durante catro anos e ata 2010. Desde a súa desaparición -ou desde que a Xunta o deixara desaparecer-, moitas foron as voces que reclamaron apoio para unha nova formación, pero a crise económica e a ausencia de achegas económicas fixeron moi complicado o obxectivo.

O 'Grupo Ciclista Gallego' vén de ser inscrito na UCI á espera de conseguir un patrocinador

Malia todos os atrancos, hai quen teima na idea. Galicia podería contar a vindeira tempada cun equipo ciclista profesional. Apuntado xa está. O Grupo Ciclista Gallego vén de ser inscrito na UCI (Unión Ciclista Internacional) para poder participar no pelotón de 2015 e á espera de pechar un patrocinador, unha necesidade tan evidente como complicada.

Así o anunciaron os promotores do equipo nun comunicado de prensa e logo de anos cavilando a idea. O paso dado pretende asegurar a posibilidade de competir no vindeiro ano no caso de que se consigan xuntar os cartos necesarios para financiar a estrutura do equipo. Jesús Blanco Villar, profesional nos 80 e 90, gañador de tres tiradas da Vuelta e actual director do Club Ciclista Padronés-Aluminios Cortizo, é un deses promotores que di ter "avanzados" apoios que aínda non están confirmados ao 100%.

O equipo precisaría un orzamento duns 400.000 euros e pretende contar cun 80% de corredores galegos

A complexidade do reto é evidente, pero por iso tamén lanzaron a iniciativa e piden apoio a empresas que queiran apoiar un proxecto no que se prevé que o 80% da formación sexa galega. A idea é que a canteira ciclista teña un conxunto onde competir e retomar así o exitoso proxecto do Xacobeo-Galicia, conxunto que liderado por Ezequiel Mosquera conseguira importantes vitorias, destacadas participacións na Vuelta e, sobre todo, un importante apoio da afección.

Así o asegura José Sío, outro dos promotores da iniciativa xunto a José Teixeira. Nunha entrevista na Radio Galega, asegurou que o orzamento necesario para poder competir ascendería aos 400.000 euros e pretenden o apoio económico dunha empresa que achegue unha parte do financiamento xa antes de decembro. Ademais, din contar xa co apoio das deputacións galegas. Por se o proxecto sae adiante, Grupo Ciclista Gallego di ter contactado xa cos ciclistas Gustavo César Veloso, Álex Marque e Delio Fernández.

Os promotores do equipo contactaron xa con Veloso, Marque e Delio Fernández

De confirmarse, o proxecto viría recuperar o equipo profesional co que Galicia contou entre 2006 e 2010 e ao que a Xunta retirou o seu apoio. Non obstante, o Goberno galego e diferentes deputacións provinciais investiron nos últimos anos miles de euros para traer etapas da Vuelta a Galicia. Tan só na última tirada da edición deste ano, o Executivo galego gastou case 300.000 euros nunha estratexia que prefiriu a promoción turística que a promoción deportiva a través dunha formación propia ao estilo do Euskaltel-Euskadi, tamén desaparecido nos últimos anos.

Algúns dos ciclistas que formaran aquel Xacobeo-Galicia criticaron con dureza a Xunta logo da desaparición do equipo. "O ciclismo galegou quedou orfo", aseguraba o seu líder, Ezequiel Mosquera, nunha longa entrevista con Praza.

Ex ciclistas do Xacobeo criticaran a Xunta por deixar morrer o equipo e viron na decisión motivacións políticas

"O que faltaba para que o equipo seguise era un millón de euros. Sen crise ou con ela, un millón de euros gástase en calquera cousa. Antes de que pasase nada, este equipo xa non existía. Incluso gañando a Vuelta a España se cadra non seguía. Calquera equipo co noso rendemento e co noso orzamento tería conseguido un patrocinador", aclaraba un ciclista que recoñeceu que a Xunta "lle tiña pouco aprecio" á formación.

Outros como Delio Fernández, Gonzalo Rabuñal ou Gustavo Domínguez tamén foron claros ao asegurar que o Executivo buscou "escusas" para acabar co equipo e que a "liquidación" repentina do conxunto impediulles a moitos continuar coas súas carreiras. “Doía ver como a nós nos debían cartos e logo gastaban case dous millóns de euros no Obradoiro para darlle de comer aos de fóra, porque non había nin un só xogador galego no equipo”, dicía un. “A política estivo na orixe da decisión final; non se sentían cómodos cun proxecto que fora creado por un goberno doutra cor política”, remataba outro. Agora, a esperanza reaparece.

Manifestación a prol dun equipo galego ciclista © FB_Equipo Ciclista Galego Xa
Ezequiel Mosquera, na Volta a España de 2010, na que rematou segundo CC-BY-SA Praza Pública
© Mario Llorca

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.