Galicia suma catro metais paralímpicos, pero busca aumentar a colleita

O galego Porto e Villanueva, loitando polo bronce Dominio Público @Paralimpicos

Catro medallas suman xa os deportistas galegos nos Xogos Paralímpicos que se están a celebrar en Londres. Os dez representantes do país buscan continuar a boa xeira dos Xogos Olímpicos que remataron hai tan só unhas semanas e abofé que o están a conseguir. Van dous pares de medallas, pero caerán máis, logo de que ás bazas seguras como as de Chano Rodríguez se uniran outras como a do ciclista de Ponteareas José Henrique Porto.

O de Chano Rodríguez agardábase e iso que o nadador gaditano (vigués de adopción) conta xa con 55 anos. Compite contra rapaces que non adoitan superar os 25 anos, pero segue sumando éxitos a un palmarés histórico que o sitúan entre os deportistas paralímpicos máis laureados do Estado. Así, en Londres suma xa dúas pratas nas modalidades de 50 metros e 200 metros libres, respectivamente, co que a súa colleita olímpica sobe a 15 medallas, unha cifra que poderá aumentar o vindeiro día 8, data na que competirá nos relevos 4x100 libres e pouco despois nos 100 metros libres. 

Chano supera os 50 anos e compite contra rapaces, pero suma xa 15 medallas olímpicas

Pero ademais dos agardados éxitos de Chano, o ciclista ponteareán José Henrique Porto sumou esta fin de semana dúas medallas xunto ao seu compañeiro José Antonio Villanueva. Acadou a prata, o seu primeiro metal olímpico, na modalidade de quilómetro en pista, mentres que dous días despois volveu subir ao podio, desta vez no terceiro caixón, cun bronce conseguido na proba de velocidade.

Do mesmo xeito, cómpre destacar tamén o sétimo posto acadado polo pontevedrés Juan Antonio Saavedra na modalidade de carabina tendida de tiro olímpico, un excelente resultado para un deportista que buscaba unha medalla logo da súa experiencia en Sídney e Atenas.

Rodríguez Maggi, Nieves ou Cimadevila son favoritos para aumentar os éxitos galegos en Londres

No entanto, haberá máis metais galegos. De cumprírense as expectativas, son varios os deportistas da terra que aumentarán o palmarés do país. Para comezar a semana, este mesmo luns compiten os atletas Rodriguez Maggi (100 m) e Nieves (5.000 m), así como os vigueses Bernabé Costas e David Mouriz no España-EUA de baloncesto, e Guillermo Rodríguez en tiro con arco. Máis adiante tocaralle a bazas como a de Pablo Cimadevila, nadador que competirá en 100 metros braza e que podería sumar a súa quinta medalla olímpica logo das catro acadadas nos últimos tres Xogos.

 

O galego Porto e Villanueva, loitando polo bronce Dominio Público @Paralimpicos
Chano Rodríguez, Teresa Perales e Richard Oribe, os españois máis laureados dos Xogos Paralímpicos Dominio Público @Paralimpicos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.