Gloria de Primeira para o Deportivo

Bergantiños e Domínguez celebran un gol en Riazor © Roberto Berdini

Tras o camiño empedrado, a gloria. O Deportivo certificou este domingo o seu retorno á Primeira división tras un sufridísimo partido ante o Huesca que rematou con vitoria, 2-1 con goles de Riki e Xisco. Mentres o empate do Valladolid co Alcorcón lle adiaba a festa do ascenso ao Celta cando menos ata a vindeira semana malia cumprir cun 1-2 sobre o Nastic de Tarragona as 35.000 almas congregadas en Riazor elevaban ao paroxismo o sentimento de ledicia deportivista por un ascenso que levaban procurando dende o momento en que os coruñeses certificaran a perda de categoría hai un ano.

Porque xa o repetiu Lendoiro desde a noite posterior ao descenso. “O único obxectivo é ascender”. Non había outra opción nun Deportivo que loitaba por recuperar a elite, pero tamén pola súa supervivencia. E aí implicáronse xogadores, técnicos e sobre todo a afección, esa afección que foi sempre un paso por diante do equipo.

Conseguiu o ascenso o Deportivo e o órdago lanzado polo club saíu redondo. Xogouse todo a unha carta Lendoiro, que mantivo boa parte das súas figuras renunciando a saborosos traspasos, a cambio dunha volta pola vía rápida á elite. Era todo ou nada. E conseguiu o ascenso nunha xogada que, agora que triunfou, considérase perfecta. Porque o equipo coruñés non só subiu de categoría, senón que revitalizou unha entidade que levaba demasiados anos loitando pola nada en Primeira.

O Deportivo non só conseguiu o ascenso, senón que revitalizou unha entidade e unha afección exemplar

Máis de 25.000 afeccionados engancháronse ao equipo, reactivando uns seareiros apaixonados e fundamentais á hora de conquerir o obxectivo, e recuperouse tamén o achegamento a un conxunto no que os rapaces da canteira – cada vez con máis importancia- xunto á experiencia dos máis veteranos foron clave. O binomio equipo-bancada supuxo, máis que nunca, unha das bases do éxito, especialmente nos momentos máis duros.

Porque non todo foi un camiño de rosas. Nuns principios máis que dubitativos, o Deportivo conseguiu manterse nos postos altos grazas, en boa parte, ao acubillo que atopou nun Riazor cunha media de máis de 26.000 espectadores en cada xornada. A apatía nalgúns encontros e os ridículos de Alcorcón, Alcoi ou Cartagena demostraron a difícil aclimatación á categoría dunha maioría de xogadores con calo na Primeira pero sen case experiencia nunha Segunda moi complicada. Tanto que o equipo branquiazul tivo que bater récords de puntuación e vitorias para acadar o seu propósito.

O derbi de Riazor cambiouno todo. Oltra deu coa "tecla" que tanto buscaba tras dar entrada a Juan Domínguez no once

Todo cambiou no derbi daquela primeira volta. Foi alí onde Oltra deu coa “tecla” que tanto buscaba. A entrada de Juan Domínguez por Jesús Vázquez e a posterior de Zé Castro e Bruno Gama asentaron un once inicial que logrou sumar unha histórica xeira de nove vitorias consecutivas. E case ningunha obtida con facilidade. Porque se Lendoiro arriscou, algo semellante fixo o técnico.

Sabedor da calidade do ataque deportivista, Oltra elixiu tamén o todo ou nada. Consciente do escaso esforzo defensivo de xogadores como Lassad, Valerón ou Bruno, o adestrador asumiu converter moitos dos partidos nun ida e volta que, na maioría das veces, acabou do lado branquiazul. A calidade do Flaco, o esforzo de Guardado e a pegada de Riki contrarrestaban as dificultades dun equipo que concedeu demasiadas ocasións acotío. Cando non logrou dominar, o Dépor asentou as súas vitorias na solidez dos homes de atrás e no oportunismo dunha dianteira que en Primeira semellaba de Segunda e que en Segunda sempre pareceu de Primeira.

Oltra tamén xogou ao todo ou nada, consciente de que a calidade dos de arriba supoñía tamén asumir riscos na defensa

E así se foi movendo o Deportivo, que combinou momentos dun excelente xogo, con partidos onde se dedicou a esperar ata lanzar o seu golpe. Dominando e gozando venceu en campos como o do Hércules e na maioría dos seus partidos de Riazor. E con experiencia e garra soubo conter o Valladolid ou gañar os derbis que tanta forza moral lle deron.

Lanzado polas paradas de Aranzubía, a clase maxistral de Valerón, o control de Juan Domínguez, a consistencia dun Álex que se deixou a alma e unha defensa central que para moitos quererían algúns equipos de Primeira, os branquiazuis regresaron a Primeira.

Era o único obxectivo. O único propósito dun club que acaba de rematar a súa xogada mestra. Esa que devolve á elite un equipo con máis canteira (catro ex fabrilistas foron habituais no equipo titular), cunha afección exemplar e masiva e cunha situación económica que, lonxe de estar saneada, permitiralle respirar nos sempre mellores aires de Primeira. Xogouse todo ao branco e azul. E gañou. Galicia volte ter equipo na máxima categoría, pero quere máis. O Deportivo espera agora polo seu veciño, consciente de que os derbis, se son en Primeira, saben moito mellor.

Afección deportivista no derbi ante o Celta © Roberto Berdini

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.