"Hai futbolistas do Deportivo e do Celta que queren vir á selección galega, pero non lles deixan"

Partido organizado polos Siareiros en Ourense © Siareir@s Galeg@s

Un ano máis, a selección galega de fútbol volverá xogar o seu partido amigable do Nadal. Non será oficial, non haberá grandes estrelas, nin contará co apoio da federación deportiva nin das institucións. Pero seguirá. Os Siareiros Galegos volven tomar a iniciativa ante o "desleixo" que denuncian da Xunta de Galicia, que desde a chegada de Feijóo rematou co tradicional encontro que se organizaba desde 2005.

Ademais do partido, a xornada inclúe concerto, manifestación ou exhibición de fútbol gaélico

O colectivo que loita pola oficialidade das seleccións deportivas galegas desde 1997 organiza algo máis que un partido, nesta ocasión contra o Curdistán. Serán unhas xornadas, este sábado en Pontevedra, nas que, ademais do encontro amigable, haberá sesión vermú, un xantar popular, xogos populares, exhibición de fútbol gaélico e a tradicional manifestación a favor dos combinados galegos. Xa á noite, un concerto poñerá punto final a un día reivindicativo no que os Siareiros Galegos reclaman "a total oficialidade das nosas seleccións deportivas, en pé de igualdade coa de calquera outro país do mundo".

Xusto cando a canteira galega semella agromar como poucas veces antes, nin Iago Aspas, nin Álex Bergantiños, nin Oubiña, nin Juan Domínguez formarán parte da selección galega que se enfrontará ao Curdistán no campo da Xunqueira. Será un equipo mixto no que haberá maioría de xogadores de Segunda B e Terceira División, así como seis xogadoras da Liga Nacional de fútbol feminino. A maioría deles voluntarios que se ofrecen para participar na xornada reivindicativa.

"Hai xogadores do Celta e do Deportivo que queren vir, pero os clubs non lles deixan", din os Siareiros

"Hai xogadores do Celta e do Deportivo que solicitaron vir, pero os clubs non lles deixan", explica Alexandre Costa, membro de Siareiros e un dos organizadores do partido. "Non sabemos se é porque non está organizado por Xunta e Federación ou porque non cren nisto", reflexiona. Cando menos, un futbolista de cada un dos dous equipos máis importantes de Galicia amosou a súa dispoñibilidade a particiar no encontro, pero "todoo son atrancos". "Primeiro dinnos que falemos co director técnico, de aí derívannos a outro lado... Danche mil voltas, pero non podemos facer nada se os clubs non os autorizan", engade, mentres di manter aínda a esperanza de contar con algún futbolista de Primeira División.

Pero eses non son os únicos atrancos cos que se atopan na organización. Tampouco é doado conseguir colexiados e Siareiros Galegos recorda que non sería a primeira vez que algún dos árbitros dispostos a participar é ameazado con quedar sen participar en varios partidos da súa competición.

Sexa como for, o partido volverase celebrar. Non será en Riazor, nin en Balaídos. Nin tan sequera en Pasarón ou San Lázaro, pero seguirá mantendo viva a chama dos que reivindican unha selección galega. De fútbol e dos demais deportes.

Galicia-Ecuador, en Riazor en 2007 © Siareir@s Galeg@s

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.