"Hai un vínculo entre ser do Celta e do Deportivo e defender Galicia que antes non había"

Bandeiras nacionalistas nun partido da selección galega Dominio Público Praza Pública

"Na Liga española, moitos dos seus partidos agochan algo escuro e espiñento que vai máis aló do que pasa no céspede e que mestura nacionalismo, separatismo ou o orgullo dun determinado país ou rexión". Con esta frase, o xornalista norteamericano Jasper Lipton intenta explicar a importancia que a identidade e a lingua teñen no fútbol en España. Faino nun artigo titulado The Spanish Inquisition, publicado na prestixiosa revista estadounidense EightbyEight, no que tamén se fai referencia á relevancia do idioma e a singularidade galega para entender o balompé en Galicia.

Un artigo nan prestixiosa 'EightbyEight' repara na importancia da política, a identidade e a lingua propia no fútbol español

Cada partido en España ten uns condicionantes ideolóxicos inescrutables, explica o artigo, que se centra na importancia identitaria de Barcelona e Athletic de Bilbao, pero que tamén reserva un espazo para a situación en Galicia. “A política xoga un rol esencial no fútbol español; se non comprendes o nacionalismo vasco, catalán e galego, non entendes o que pasa”, explica na reportaxe Gabriel Rei-Doval, doutor en Filoloxía Galega e profesor de sociolingüística no Departamento de Español e Portugués da Universidade de Wisconsin-Milwaukee, que achega as súas impresións tamén desde a súa experiencia como promotor do grupo de investigación de Estudos Galegos no centro.

No artigo destácase que "Cataluña e o País Vasco non son as únicas rexións españolas con sentimento de pertenza e orgullo", xa que "tamén Galicia ten as súas propias cores, equipos e lingua". O autor asume que "para a maioría de afeccionados, especialmente para os internacionais, Deportivo e Celta practicamente non existen" e destaca que a identificación dun pobo cos seus equipos sempre foi máis relevante no caso do Barcelona ou da Real Sociedade e, sobre todo, o Athletic.

“A política xoga un rol esencial no fútbol español; se non comprendes o nacionalismo vasco, catalán e galego, non entendes o que pasa”, di Rei-Doval na reportaxe

Porén, dedica un espazo á importancia que, sobre todo desde a fin da ditadura franquista, ten para o afeccionados galegos o orgullo de país e a súa elección por un equipo da terra. Rei-Doval confírmallo. "Hai moito máis orgullo do que había ante polo equipo propio, hai un vínculo entre ser afeccionado do Celta e do Deportivo e defender e apoiar Galicia, algo que non existiu antes da democracia", di o investigador galego en Wisconsin. Á evidente simboloxía de identificación co país que tanto o equipo vigués como o coruñés teñen nos seus escudos ou camisetas uniríaselles nos últimos anos unha maior reivindicación nacional por parte de boa parte dos seus seguidores. A polémica polas estreleiras sería un dos síntomas, tal e como destaca o investigador.

O artigo fai un repaso polas rivalidades no fútbol español e céntrase no enfrontamento Real Madrid-Barcelona e na súa derivación política, que o xornalista cre obvia e evidente. Ademais, non dubida en vincular estas diferenzas ideolóxicas ao propio estilo futbolístico, que leva anos no imaxinario de cada unha das afeccións. "O Madrid é incisivo, excitante e directo, herdeiro da Furia Roja, mentres que o Barça é máis expresivo e fino, representante do toque", explica quen ve dúas identidades ben diferentes trasladadas ao deporte, algo no que incide coas achegas de Alejandro Quiroga, profesor de Historia de España na Newcastle University do Reino Unido e autoro de Football and National Identities in Spain.

"O Celta ten a web en castelán, galego e inglés; o Real Madrid ofrece seis idiomas, pero só un deles é español: o castelán"

Ademais, a reportaxe pregúntase se o Real Madrid "non se promove sutilmente como representante do nacionalismo español" fronte a outros equipos máis identificados co seu territorio máis próximo. Para iso, tamén dá importancia ao tratamento das diferentes linguas que se falan no Estado. Así, repara en que "Athletic, Celta ou Barcelona ofrecen as súas webs en diferentes idiomas, entre eles o propio da súa comunidade e algún máis, mentres o equipo madrileño ofrece seis linguas na súa web, pero só un delas é española: o castelán". "Os españois toleran máis as linguas estranxeiras que as súas propias", sentencia o autor.

Bandeiras nacionalistas en Riazor e Balaídos Dominio Público Praza Pública
Ilustración da reportaxe na revista 'EightbyEight' © 8x8

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.