Humor para rebaixar a tensión. Nada como o sorriso conxunto para diminuír un chisco a esaxerada e mal ententendida paixón coa que algúns seareiros viven o derbi galego de fútbol. Un grupo de alumnos da Facultade de Xornalismo veñen de elaborar un vídeo no que parodian o duelo de rivalidade entre Celta e Deportivo. Cuns modernos Romeo e Julieta como protagonistas e co cancioneiro popular galego como tema de fondo, o colectivo Case Sempre en Galiza intenta "rebaixar a tensión e harmonizar as dúas afeccións".
A Xulieta celtista é protagonizada por un seareiro do Dépor; o Romeo deportivista é socio do Celta
"A idea xurdiu tras unha serie de vídeos que tivemos que facer para unha materia da carreira; con motivo do derbi quixemos facer algo humorístico e retranqueiro coa rivalidade como tema de fondo", conta Manuel Varela, un dos protagonistas do sketch, no que sae caracterizado como muller e celtista. "Eu son afeccionado do Deportivo e home... Foi o papel máis difícil da miña vida", di entre risas, as mesmas que botou co seu compañeiro de reparto, socio celtista da Guarda e que sae caracterizado como o Romeo deportivista. "O obxectivo destes partidos debe ser ese: manter a rivalidade, pero de maneira sá, como amigos e tomando cañas todos xuntos", insiste Manuel, que confía en que algún día Vigo e A Coruña poidan gozar dos derbis "como en Euskadi".