Iago Aspas e Álex López danlle tres puntos vitais ao Celta

Aspas loita por un balón no partido ante o Valladolid © celtavigo.net

O Celta logrou esta mañá en Balaídos un merecido triunfo por 3-1 ante o Valladolid. Iago Aspas marcou dous tantos, un deles de penalti, e Álex López completou a conta cun gran gol pola escuadra. Alberto Bueno aproveitou un erro de Javi Varas para anotar tamén de penalti o tanto visitante. O Celta volve gañar en Balaídos tres meses despois e logra tres puntos salvadores para evitar caer á zona de descenso.

O Celta volve gañar en Balaídos tres meses despois e logra tres puntos salvadores para evitar caer á zona de descenso

Na mañá de Reis en Balaídos dous equipos coa fama de tratar ben o balón, os dous ascendidos de segunda, regaláronnos un partido vistoso no que os dous quixeron gañar. Chegaba o Celta necesitado despois de sumar só unha vitoria en dez partidos e o Valladolid con menos urxencias pero máis baixas. Cinco xogadores, Óscar, Ebert e Víctor Pérez mancados, Rueda sancionado e Manucho na Copa de África, perdéronse o choque polo Valladolid. Debutou o reforzo invernal Larsson, mentres que Demidov nin sequera entrou na convocatoria do Celta. Park substituíu na dereita ó sancionado Augusto Fernández.

A pesares do horario matutino nun día más propio de abrir agasallos que de fútbol case 15.000 persoas congregáronse no estadio vigués

A pesares do horario matutino nun día más propio de abrir agasallos que de fútbol case 15.000 persoas congregáronse no estadio vigués. O Celta saíu ó ataque desde o comezo, con ambición na busca dos tres puntos. Nos primeiros compases o dinamarqués Krohn-Delhi disparou lixeiramente desviado. No minuto oito, o Celta roubou unha pelota en campo propio, o dinamarqués puxo o periscopio e brindou un pase preciso ó espazo para a carreira de Iago Aspas. O moañés gañoulle a partida o central e definiu o primeiro da mañá ante Dani Hernández.

Pouco durou a alegría nas bancadas. O meta Javi Varas perdeu un balón na área e trabou a Javi Guerra. Penalti claro e cartón marelo. Puido ser mesmo vermello se o colexiado Velasco Carballo, un dos máis valorados, fose máis rigoroso. Alberto Bueno empataba tres minutos despois do tanto do Celta. O conxunto vigués seguía dominado o esférico, pero xeraba máis perigo á contra, cando o Valladolid gozaba de posesións longas. Paco Herrera cambiou varias veces ós extremos de banda, de modo que Krohn-Delhi íase cara a dereita e Park cara a esquerda.

No minuto 28 o colexiado decretou un novo penalti por un discutible empuxón de Balenziaga a Iago Aspas nun centro desde a esquerda. O defensor viu o cartón marelo, mentres o dianteiro golpeouse co pau na man e xogou vendado o resto do choque. Houbo que repetir a pena máxima, pero Aspas anotou á segunda volta superando a Dani Hernández. Así respondía ó seu adestrador, que lle pedira máis antes do Nadal, e tamén ante os cantos de serea do Swansea de Michu. O dianteiro converteuse nun dos Reis Magos da mañá futbolística. O propio Aspas gozou doutra ocasión uns minutos máis tarde, pero un defensa abortou ó seu pase de gol a Park. Antes do descanso foi o Valladolid quen replicou con dous remates de Valiente e Bueno.

Aspas respondeulle ó seu adestrador, que lle pedira máis antes do Nadal, e tamén ante os cantos de serea do Swansea de Michu. O dianteiro converteuse nun dos Reis Magos da mañá futbolística

No segundo tempo o Valladolid saíu disposto atacar, pero o Celta replicaba. No minuto 6, Álex López anotou un gran gol pola escuadra nun disparo desde a frontal da área. O ferrolán foi o segundo Rei Mago. O Celta poñía terra de por medio, pero o Valladolid íase arriba. Aínda así, as ocasións máis claras seguían sendo galegas. Hugo Mallo, que completou un gran partido desde o carril dereito, disparou arriba tras unha boa xogada de combinacións. Bermejo e de novo Iago Aspas volvían probalo, pero o Valladolid aínda non se rendera. Omar primeiro, Larsson despois e o incorporado Pla cunha chilena obrigaron a intervir con acerto a Javi Varas. O partido agonizou entre ovacións ós substituídos no Celta, sobre todo ó  dobre goleador Iago Aspas.

Paco Herrera quería sumar seis puntos nos dous primeiros partidos do ano e últimos da primeira volta para afastarse da zona perigosa

Paco Herrera quería sumar seis puntos nos dous primeiros partidos do ano e últimos da primeira volta para afastarse da zona perigosa. Xa logrou gañar o primeiro e se coloca no décimo quinto lugar tres puntos por riba do descenso. Agora, antes de ir a gañar o segundo a Cornellá, agárdalle un caramelo: a volta da Copa no Bernabéu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.