Lendoiro abandona o Deportivo tras 25 anos na presidencia

Augusto César Lendoiro, presidente do Deportivo © D. Sport

Lendoiro abandona. O aínda presidente do Deportivo vén de anunciar en rolda de prensa que non se presentará ás eleccións á presidencia do club que se celebrarán a fin de semana do 21 de xaneiro. Abandona así a entidade á que chegou hai máis de 25 anos, á que levou ás súas cotas máis altas pero á que deixa na peor situación institucional da súa historia. En concurso de acredores, cunha débeda de 160 millóns de euros e ameazado pola disolución.

Afeito a camiñar sobre a corda frouxa, o dirixente máis lonxevo do fútbol español marcha cando xa case non tiña cable polo que seguir avanzando. O último rachóuselle o pasado venres, cando por primeira vez desde que está á fronte do Deportivo non lle foron aprobadas as contas do club. Tampouco o resto dos puntos da orde do día. Era a primeira vez que perdía unha votación. Tino Fernández -o principal candidato agora para acceder á presidencia- obtivo o apoio de máis de 32.500 accións, contra as case 25.000 de Lendoiro e amosou as súas bazas. Tamén anunciou a presentación dunha querela criminal por delito societario, logo de que a actual directiva non permitise votar a destitución do consello, tal e como solicitara e tal e como asegura a lei.

"Parece claro que se quere un cambio e non imos ser nós os que lle poñamos paus nas rodas ao deportivismo", di Lendoiro

"Parece claro que se quere un cambio. Nesa especie de primarias,  houbo que decantarse ante unha situación e todos temos que aceptala. Se hai cambio, non debemos ser nós os que lle poñamos paus nas rodas do deportivismo", dixo Lendoiro en rolda de prensa, tras aludir tamén á necesidade de "non dividir máis o deportivismo". "Creo que se está a fracturar o deportivismo con tantas declaracións e non queremos ser nós os que produzamos máis división", insistiu quen dixo que a denuncia que Tino Fernández tiña previsto presentar contra el "non ten nada que ver" coa súa decisión. “Hai que ser realistas; a onda non é favorable e iso non se pode aturar demasiado. As eleccións teñen que ser tranquilas", insistiu. 

E aí Lendoiro decidiu marchar. Case un ano despois de anunciar a entrada do Deportivo en concurso de acredores, seis meses despois do último descenso -o segundo en tres tempadas- e logo de 25 anos nos que o equipo conquistou seis títulos, estivo a un só paso de dúas finais europeas e colocou o seu nome no máis alto do fútbol europeo. Pero a débeda seguía medrando. E mentres unha boa parte dos clubs españois acollíanse á lei concursal e saían -con moito sufrimento- das súas precarias situacións, Lendoiro decidiu seguir adiante ata que non tivo máis remedio que facer o mesmo, pero cunha norma moito máis estrita e unha fonda crise económica que impedía á Administración pasar por alto o que antes si obviaba. Agora, cunha proposta de convenio medio arranxada con boa parte dos acredores, o Deportivo continúa pendente dun arranxo co principal, Facenda, á que lle debe uns 100 millóns.

De feito, Lendoiro xa aclarou que a súa candidatura renuncia a presentarse ás eleccións, pero que mantén a intención de "pechar un convenio importante e decisivo para o Deportivo e darlle tranquilidade absoluta ás eleccións que se van celebrar". Xa que logo, o aínda presidente pretende ser quen negocie o convenio nunha xunta de acredores que está datada para o vindeiro 10 de xaneiro e quen negocie con Facenda, aínda que abre a porta a que os candidatos colaboren nese pacto coa Axencia Tributaria.

Mentres boa parte do fútbol español se acollía á concursal, Lendoiro decidiu seguir adiante e acabou atopándose cunha norma máis estrita e unha Facenda intransixente

 

Unha traxectoria sempre no límite

Porque Lendoiro prefire andar sempre no límite. Como cando estira as denuncias e os preitos xudiciais que o levaron a ter moreas de conflitos con ex xogadores e empresas varias, ou cando apostou por reivindicacións e medidas para o fútbol que logo foron asumidas polo balompé profesional. Para o bo e para o malo, o dirixente de Corcubión marcou sempre un camiño propio e tivo un apoio masivo no club dun accionariado que é o máis repartido no ámbito estatal e que sempre lle aceptara uns números que non sempre cadraron coa realidade agora descuberta.

Pero iso parece que acabou. Cunha enorme débeda, un equipo en Segunda e -curiosamente- unha masa social máis activada e fiel ca nunca, Lendoiro decide marchar ante a reacción pausada da maioría da afección e o apoio radical ou o rexeitamento máis furibundo dunha minoría dividida en trincheiras que agora deberán reconciliarse. O eterno conflito entre o aínda presidente do Deportivo e o grupo Voz e o ex alcalde Francisco Vázquez alimentou máis esas diferenzas. Provocou incluso que o dirixente que fora presidente da Deputación e candidato do PP á alcaldía recibise curiosos apoios, tamén chegados da esquerda e do nacionalismo e incluso de quen antes o rexeitaba. El mesmo foi quen de declarar o Depor como a única "institución libre" da Coruña tras aludir -hai días e ao igual que nos últimos anos- ao "acoso" dos "poderes fácticos" da cidade.

Insistiu nesa idea ata o último día. "Os nosos apoios tiña infinidade de presións e estaban facendo un esforzo titánico por apoiarnos porque cren en ti", asegurou.

O eterno conflito entre Lendoiro e o grupo Voz fíxolle perder apoios pero tamén gañar adeptos de sectores que antes o rexeitaban

Agás sorpresa, Tino Fernández, presidente da consultora Altia e fiel apoio económico e accionarial de Lendoiro ata hai ben pouco, converterase no vindeiro presidente do Deportivo. Germán Rodríguez Conchado e Manuel López Cascallar son os outros candidatos. E Lendoiro pechará unha era histórica e se cadra irrepetible para un club das dimensións do coruñés. Non descarta seguir vinculado ao fútbol, pero anuncia que podería dedicarse a "escribir". Marchará por unha porta pequena cando puido marchar pola máis grande. E cun club que aínda non escapou da ameaza de disolución. Velaí o futuro. Dese do que depende o ditame de todo o pasado. O tempo xulgarao.

Augusto César Lendoiro, presidente do Deportivo © D. Sport
Tino Fernández, principal candidato á presidencia do Deportivo © vamosaganarestepartido.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.